#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Primeira Futgal

A Copa segue adiante de xeito parcial

As alertas por trebón impediron que todos os partidos de oitavos de final da Copa de Preferente e Primeira Futgal se xogasen con normalidade. De feito, 4 dos oito partidos foron suspendidos: Santaballés-Monterroso, Taboada-Pol, Guntín-Pastoricense e SD Chantada-San Lázaro. Os outros catro choques si que se disputaron, polo que xa coñecemos a catro dos conxuntos que disputarán os cuartos de final.

O Outeiro de Rei pon punto e final á temporada do Foz (0-2). Os de Aarón Sánchez queren continuar na Copa a súa boa dinámica ligueira, e o gol inicial de Rubén no Martínez Otero cun disparo cruzado logo dunha boa xogada colectiva puxo as cousas de cara para os chairegos. Xa na segunda metade, Ily —que se amosou nun estado de forma brillante— culminou unha gran acción cun centro espectacular ao que lle puxo a guinda Navia cun gran remate, 0-2. O Foz tratou de reaccionar, pero non se atopou cómodo e quedou eliminado da competición copeira logo dun gran ano en termos xerais.

Castro e Lemos empatan a ceros, pero o punto de penalti favorece aos monfortinos (0-0). O ritmo foi baixo no Arturo Pereiro e apenas houbo ocasións para ningún conxunto ao longo do tempo regulamentario, pois o Castro tiña a cabeza na promoción e o Lemos amosouse tranquilo logo da súa permanencia. Ao final, a lotaría dos penaltis inclinou a balanza a prol dos da Pinguela, que xogarán os cuartos de final da copa.

A Copa ten aínda catro partidos por disputarse

O Burela quere o dobrete logo de superar ao Oural (4-0). Non se conforman os de Oke co ascenso e campionato, senón que van tamén pola Copa. Os primeiros 60′ caracterizáronse polo pouco ritmo de ambos conxuntos e o dominio do Oural. Porén, os caprichos das dinámicas do fútbol permitiron que os mariñáns anotasen o primeiro gol e, se ben os sarriáns loitaron por igualar a contenda, a efectividade local deixou resolta a eliminatoria de Copa.



O Chantada Atlético asalta A Cheda para soñar (1-2). No comezo do choque, cando os visitantes sufriron a lesión de Marzán, a Residencia foi superior e aproveitou as bandas para facer dano e anotar o primeiro gol do choque, 1-0. Os chantadinos, porén, colleron paseniño o pulso do partido e foron capaces de neutralizar aos xogadores de fóra do rival. Tras o descanso, a nova cara dos «Atléticos» traduciuse en dominio e dous goles que remontaron a contenda ata o tempo engadido, cando a Residencia dispuxo dunha pena máxima. O erro no disparo permitiu, con todo, que o Chantada Atlético se clasificase aos cuartos de final.

máxicos primeira copa

A Copa segue adiante de xeito parcial

Diario dun Mercado. Episodio 459

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *