#Fútbol afeccionado

A-56: Ilustres lucenses e ourensáns acreditan a unión da intelectualidade e o fútbol

Desta volta collemos a A-56 para viaxar ao pasado. Facémolo da man da Revista O Dez. O número 8 desta publicación, correspondente a esta primavera, contén a proba de que a intelectualidade e o fútbol casan ben. Nel aparece a vinculación dalgúns dos homenaxeados nas Letras Galegas co balompé. Houbo tres que mesmo foron futbolistas. Os ourensáns Celso Emilio Ferreiro e Carlos Casares, xunto co lucense Luis Pimentel.

“ […] Quen non coñeza o pracer de provocar unha explosión de alegría desbordada no público cun remate afortunado, está privado de emocións que resultan difíciles de sentir en ningunha outra circunstancia […]”. Son palabras do escritor ourensán Carlos Casares que escribiu nun artigo publicado o 31 de maio de 1994. Titulouno ‘Fútbol e literatura’ e aparece recollido nos seus artigos de A Marxe. Palabras que tamén sobresaen na revista galega O Dez. A publicación dirixida e editada por Óscar Losada presenta o seu Nº8 unindo máis fútbol e literatura ca nunca. Aínda que probablemente esa fose sempre unha das súas razóns de ser.



Que a intelectualidade e o fútbol non teñen nada que ver é unha pretensión equivocada”, salienta Óscar Losada. Proba diso é a convocatoria que presentan para esta primavera. Á relación co fútbol de Casares, Celso Emilio Ferreiro ou Luis Pimentel, súmaselle neste número a de Manuel María (Outeiro de Rei) e de Antón Villar Ponte (Viveiro) ou Antón Losada Diéguez (Boborás). E, en menor medida, Eduardo Blanco Amor, Ramón Otero Pedrayo ou Ánxel Fole. Ademais doutros inelectuais galegos de renome como Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A presenza do fútbol feminino na revista vén marcada pola EFF Rosalía. O cadro ourensán bautizouse co nome da primeira homenaxeada nas Letras Galegas.

É posible que tod@s coñezamos a alguén como Antón Villar Ponte. Unha persoa que refugaba do fútbol. O escritor, político e xornalista nado en Viveiro foi un dos líderedes do galeguismo de preguerra. De feito, foi un dos fundadores das Irmandades da Fala. Villar Ponte non renegaba do xogo en si, pero si do futbolismo da época. “Antón recoñecía que o localismo era prexudicial para Galicia. Dicía que ese localismo que se formaba en torno ao fútbol non era bo nin para o deporte nin para o sociedade”, comenta Óscar Losada.

O curioso é que xa se sabe que pasa cando non che gusta algo. O vento virase e pétache de cara. A Villar Ponte, o fillo saíulle futbolista. Foi un xogador destacado do Dépor de posguerra e incluso fixo as Américas. Non obstante, nunca deu a coñecer ao público a súa ascendencia. Eran épocas complicadas. “Era coñecido como Chao. Daquela había que ser discretos en moitas ocasións e non se fixo notar polo aspecto político. A Chao non se lle fai esa ligazón con seu pai”, informa Óscar Losada.



Óscar Losada, editor do Dez: «Gañar unha Eurocopa non fará ao país mellor»

A Revista O Dez xunta balompé e cultura. Publica esta primavera o número 8

A incidencia do fútbol na sociedade:A rivalidade deportiva fixo dano en momentos a Galicia. Non é algo agradable. Entendo o pensar de Villar Ponte. Socialmente son eventos que moven a millóns de persoas, pero logo o deporte na sociedade é tratado dunha maneira especial. Os candidatos políticos nunca falan de deportes con toda a importancia social que ten«.

A importancia do fútbol para un país. Cuestión de estado?: «A súa dimensión temos que poñela cada un. A importancia dun país agora debera medirse en como tratou esta pandemia da covid, en como os políticos sacaron isto adiante…; non radica a importancia se unha pelota entra ou non. Gañar unha Eurocopa non fará ao país mellor«.

Óscar Losada: «Celso Emilio Ferreiro está moi atinado no texto Rachapedras FC»



Á marxe do fillo de Antón Villar Ponte, que foi un futbolista recoñecido na época, a relación do resto de ilustres co balompé, ten un denominador común: o fútbol de terra e das vilas. Este número do Dez contén un texto non moi coñecido da biografía de Celso Emilio Ferreiro. Titúlase “O Rachapedras foot – ball club”. Nel retrata a perfección de xeito sarcástico a idiosincrasia dun equipo da parroquia.

O Rachapedras FC xogaba sempre de local nun campo con certo desnivel. O árbitro era imparcial e a moeda sempre caía do lado que máis beneficiaba. O equipo sempre xogaba como local e tiña aos afeccionados ao seu favor. Uns seareiros entregados que non dubidaban en botar man das pedras se lle tocaba amedrentar aos rivais. O Rachapedras durou ata que o mecenas do club deixou de poñer cartos. E o campo de escorregamento cara un lado convertiuse nun bo horteiro.

Desnivel dos campos. Un mito?:Intúo que algún campo que outro pode quedar, pero sobre o que sempre tiven máis dúbida é a altura das porterías. Algo que non adoita mirarse. Ás veces sorpréndeste de como un porteiro non moi alto poda chegar a trabe con facilidade nalgún campo. Cando se inauguraron podían ser perfectas, pero agora… Dáme esa sensación e posiblemente suceda máis no fútbol modesto”.

Os clubs que dependen dunha soa persoa: «Tantas veces. Non só no fútbol. Hai unha persoas detrás que coas súas respectivas empresas esponsorizan. Meten moitos cartos e ao desaparecer esas persoas hai que recuar».
Celso Emilio Ferreiro e o Rachapedras FC: «Celso Emilio estivo moi atinado neste texto. Del sabemos que xogou no Sporting Celanova. E logo temos a referencia deste texto«.

Luis Pimentel chegou a ter un equipo co seu nome

Carlos Casares xogou nun histórico como o Antela (xa fixo máis de cen anos). Era coñecido como Kubalita polo seu ídolo Kubala. Casares era un culé declarado.

Luis Pimentel formou parte do primeiro once do Lugo Sporting en 1924. Inauguraron o campo do Polvorín ante a Sociedad de Cultura Física Lemos Club segundo apunta na revista Carlos Castro. Pimentel era centrocampista. Posteriormente o seu nome daría orixe a un club capitalino. Competiu a fútbol campo en idade sénior durante seis anos. Conseguindo no seu último partido a Copa Deputación. A Agrupación Deportiva Luis Pimentel agrupouse logo na SDC Residencia.

Manuel María pasou boa parte da súa vida en Monforte. Chegou a ser socio do Lemos e escribiu o himno do club. Aínda así, o Manuel poiscionábase en contra do fútbol moderno.

«O que lle sucedeu a Manuel María é algo que pasa tamén a nivel de seleccións. Esa identificación da xente co club. Pasoulle a Manuel María nunha época na que supoño que a maioría dos xogadores eran da zona. Onde nos quedou o Celtic de Glasow campión con todos os futbolistas de alí? É tremendo o nivel de identificación O fútbol moderno non lle gusta. A súa mercantilización leva a gastos desmesuradados«.

Pero logo Manuel María chega a afirmar que deixa de acudir á Pinguela. Recoñecía que os prezos para asistir eran moi caros. «Os espectadores son cruciais. Ao público non se lle pode dar as costas nunca», salienta Losada.

E estes ilustres ocultarían a súa afección polo fútbol?: «Eu creo que o que hai é descoñecemento. Gustará mais ou menos, pero na Revista atopas cousas que descoñecías. Castelao non ía ter ningún medo a que dixesen que facía caricaturas dos xogadores do Elviña. Pero pasou moito tempo. Probablemente a Celso Emilio Ferreiro lle fixesen cen entrevistas e en ningunha saíu o tema do fútbol. Pero non ían ter problemas en contar que vestiron unhas cores«, conclúe Óscar Losada.

A Revista O Dez está dispoñible en lugares como a Librería Trama de Lugo ou na Eixo de Ourense. Para consultar máis puntos de venda a través de: revistaodez@yahoo.es.

A-56: Ilustres lucenses e ourensáns acreditan a unión da intelectualidade e o fútbol

O anecdotario: «Dente caído… e afiado», por

A-56: Ilustres lucenses e ourensáns acreditan a unión da intelectualidade e o fútbol

O Viveiro remata a segunda fase invicto

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *