A marcha de Villares deixaba un oco tremendo no Racing Villalbés. Pero a rei morto, rei posto. E nunca mellor dito. Diego Rey regresa á nosa provincia coma unha das fichaxes estrela do cuadro chairego. Procedente do Compostela, o atacante de Láncara agarda mostrar a súa mellor versión na Madalena. Ademais, Juan Peón leva consigo a Samu dende o Outeiro de Rei. O xoven e polivalente xogador lucense fará a pretemporada co Racing e logo xa se tomará unha decisión ao respecto. Se inicia a súa primeira aventura na Terceira División ou busca novo destino.
Falando de novos destinos, Edgar deixa a Residencia para ser unha peza importante na nova Sarriana. E se na Cheda, hai unha saída; debe haber unha entrada. O cadro de Álvaro Meilán pechou un novo dianteiro. Kevin abandona o Becerreá para empezar a marcar en branquiazul. E, seguramente, na Preferente. Pola súa parte, no emblemático clube da Montaña contan con tres novos reforzos. Luis e Borja cambian o FC Becerreá pola SD. E José Vigo retorna en novembro despois do seu periplo en Mallorca.
O capítulo de baixas no noso fútbol non remata aquí. Diego Santos non seguirá no Portomarín. Así como Michu, Rubén e Luaces collen a porta de saída do Lucense. No Chantada Atlético perden ao dianteiro Erik. O punta levará o peso ofensivo do Relámpago Taboada.