#Fútbol afeccionado

Que foi de . . . Carlos Devesa: un defensa dos de sempre, un nostálxico do fútbol popular

Falar do fútbol mariñán é facelo, entre outros moitos, de Carlos Devesa (Foz, 1973). Un amante do fútbol sobre tódalas cousas, pero dese fútbol que agora se bota de menos, do popular. Do que nos anos 90 ateigaba as gradas de Cantarrana, do Martínez Otero ou dun Viñas da Veiga que vía como a S.D. Mindoniense se enfrontaba aos mellores equipos galegos na Terceira División.

Devesa foi un dos protagonistas da mellor etapa do fútbol na comarca da Mariña. Lateral, e ás veces central, arrancaba as ovacións da súa afección, pola súa gran entrega e carisma. Desde Futbolinlugo quixemos lembrar con él a súa etapa como futbolista e o momento que vive o noso fútbol.

FUTBOLINLUGO: Como foron os teus comezos?

CARLOS DEVESA: Comecei xogando no Campo da Cabana (o poli) en Foz, e tamén na rúa, que antes era un lugar moi habitual no que se xogaba ao non haber tantos coches. Nun torneo de verán, alguén me viu e me levou para o Xove, onde xoguei en xuvenís dous anos. A verdade é que tiven dous súper adestradores de nivel: José Ramón Segura (C.D. Lugo) e José Luís Viesca (Sporting de Xixón). Era un luxo para nós, pero o malogrado Silvestre Rúa non escatimaba en bos adestradores para o equipo.



«Vivín a transición do fútbol de antes ao fútbol moderno e teño morriña»

FIL: Logo rematache a etapa de formación na casa

CD: Si, a última temporada de xuvenil estiven no C.D. Foz, aínda que o último tercio de liga xa xoguei co equipo sénior en Preferente. Foi unha temporada extraña, gañáramos sete dos últimos oito encontros e rematamos descendendo a Primeira Rexional despois de quedar sextos pola cola, nun ano con moitos arrastres, parecido ao que pode suceder este ano no fútbol galego. Tiñamos un bo equipo, José Manuel na portería, Moreda, Cañete, Antonio Francés, Lombardero, José Manuel Tristán, Modesto, Nica, Bebo, Marcos, Ramón, Fabián…eu era un rapaz. Viñera Bardanca do Ordes a final de temporada para botarnos unha man, vaia pedazo de dianteiro, como iba de cabeza, espectacular. Como os dianteiros de antes, que decía meu avó.



«Antes baixabas xogar á pista e tiñas que poñerte de seguinte, agora faise un grupo de whatsapp para xogar unha pachanga e non tes xente»

FIL: Chegas a Terceira División aínda sendo un mozo. Como viviche esa etapa no Mindoniense?

CD: Sen lugar a dúbidas foron os tres mellores anos da miña carreira como xogador de fútbol. Descubrín o fútbol semi profesional sendo moi rapaz, con só dezasete anos e o certo é que me colleu pouco preparado en moitos aspectos. Nesa etapa aprendín practicamente todo o que sei, xogamos contra equipos como o Celta B (con Xurxo Otero, Michel Salgado, Sanromán, Manel Amado, Fernando Porto…), o Fabril (de Braulio, Viqueira, Marcos Vales, Aira…), o Racing de Ferrol (Pazolo, Juanito, Bossa, Luís César…). Era un fútbol moi distinto ao de agora, predominaba o «marcaxe ao home«, xogábase con líbero, sumábanse puntos de dous en dous, había positivos e negativos, sen cesión ao porteiro, a barreira nunca na vida estaba a 9,15. Vivín esa transición do fútbol de antes ao fútbol moderno e teño morriña.

Devesa debutou en Terceira coa SD Mindoniense con tan só 17 anos

FIL: Era unha época con moitos equipos da Mariña en Terceira (Viveiro, Burela, Xove Lago, Ribadeo, Mindoniense). Como se vivían aqueles derbis?

CD: A xente da Mariña desprazábase ver o equipo que tiña máis cerca, ou o que consideraban o partido da xornada e si había derbi xa nin che conto. Iso sumado aos socios que tiña cada equipo, facía que se xuntara unha boa grea de afeccionados. Campos case cheos, olor a puro, a sol e sombra que aínda teño impregnado no olfato, autobuses cargados de siareiros mezclados cos que iamos xogar…molaba moito. Un domingo á mañanciña iamos xogar a Meirás e lembro que leváramos no autobús do Mindoniense a dúas señoras para a feira de Valdoviño cos seus queixos, as súas leitugas e tomates… que grandes!.



FIL: Nos últimos anos só o Ribadeo chegou a xogar dúas temporadas en Terceira. O Viveiro loita por non baixar a Primeira Autonómica, o Burela pelexa por saír da Segunda…a que cres que se debe este baixón?

CD: Eu penso en parte o que todo o mundo di. Que os nenos agora están coa Play e os móbiles e que non ves os pícaros xogar na rúa nin nas pistas deportivas como se xogaba fai anos. Antes baixabas á pista xogar e tiñas que poñerte de seguinte, agora faise un grupo de whatsapp para ir xogar unha pachanga e ás veces nin xuntas xente. Aparte diso, eu creo que antes os adestradores facían xogadores. Xogabas de todo o que che mandaban e uns saían e outros non e agora fanse xogadores específicos para a súa demarcación. Antes ata os 15 ou 16 anos non sabías cal era a túa posición real, agora un neno de 8 anos é lateral esquerdo, e con 30 séguelo vendo de lateral esquerdo. A miña opinión persoal e que se encorseta demasiado aos xogadores na mesma posición con respecto a fai anos que se variaba máis. Tamén hai máis deportes federados a practicar…

[themoneytizer id=»15360-3″]

FIL: O ano pasado, polo 25 aniversario do ascenso a Terceira do Mindoniense xuntástesvos os xogadores daquela época. Grandes recordos non?

CD: Si, fíxose unha xuntanza no Viñas da Veiga, onde se celebrou un partido contra o Viveiro, lembrando o que fora o primeiro partido da Mindo en Terceira. Fíxoselle tamén unha homenaxe ao gran presi Julio Rey, o gran impulsor do clube nos seus mellores anos, unha gran persoa.

Devesa e Sevilla, en dúas fotos con 25 anos de diferencia

«O Viveiro sempre me pareceu o clube máis adiantado que había na zona»

FIL: Logo fichas polo Iberia en Preferente. Que tal en San Miguel?

CD: Foi unha etapa bonita. Fichei a metade de temporada cando o equipo estaba en Primeira Rexional e ascendemos a Preferente. Era un grupo moi unido e pasei alí tres anos maravillosos con moi bos compañeiros: Marcos, Suso, Miguel, etc.

Devesa na súa etapa no Iberia. De pé o terceiro pola dereita. Foto: Os Espigueiros

FIL: O Viveiro fixo que voltases de novo a categoría nacional. Fálanos un pouco da túa etapa no cadro viveirense

CD: O Viveiro sempre me pareceu o clube máis adiantado que tivemos na zona. Traballaba ben a canteira, sempre nos postos de arriba, varias promocións a Segunda B, armado con xogadores de renome, con gusto polo bo fútbol… Non podía decir que non á oferta de xogar alí cando me chamou Saavedra para ir axudarlles. Estaban nunha situación complicada alá polo ano 2001. Foi unha experiencia moi enriquecedora e conseguiuse o obxectivo, que era a permanencia.

«No Candelaria se gañábamos o venres seguinte había pinchos no bar co clube»

FIL: O equipo do teu pobo: o C.D. Foz. Quedouche a espiña de non xogar con él en Terceira? Máis tarde lográstedes un gran ascenso a Preferente cun grupo de xogadores da casa.

CD: O ano da promoción a Terceira contra o Rápido de Bouzas tíñao todo apalabrado para xogar no C.D. Foz, pero uns días antes de firmar, o Mondoñedo estaba sen xente para saír a competir e vinme na obriga de devolverlles dalgunha maneira todo o que eles fixeran por min. Foi por iso que fun a Mondoñedo para tentar axudarlles e anos despois voltei para o Foz no ano 2007 nun proxecto interesante: devolver ao equipo a Preferente ás ordes de Julio Castro, e acadámolo. Foi unha temporada inesquecible, cun moi bo equipo: Dani e Javi Chinchón, Ánxel, Aitor, Dumi, Raúl, Rubén, Canario…era moi boa plantilla para a categoría, unha piña dentro e fóra do campo.

FIL: Rematache a túa traxectoria en equipos máis modestos como o Candelaria no que fuche adestrador-xogador. Querías matalo gusanillo ou aínda tiñas ganas de competir?

CD: Paseino en grande! Fixemos unha temporada magnífica, cun equipo cheo de remendos, pero moi comprometidos co clube e coa xente de Rúa. Portábanse xenial con nós. Se o domingo gañábamos, ao venres seguinte dábannos unha pinchada no bar do campo. Nese equipo xogaban todos os do clube, o presi Bene, o tesorero Suso, o irmán do presi Laure, Julián que era directivo…e ao final rematamos ascendendo aquel ano. Encantoume adestrar e xogar. Ademáis sempre me poñía titular, é o bo de ser ti adestrador (risas).

FIL: Os banquillos non che chamaron atención para seguir vinculado ao fútbol?

CD: Gústame moito o fútbol, tanto como o que máis, e claro que me chama. Pero hai moitos e é complicado. Seguro que seguirei vinculado. Onde e cando, non o sei.

FIL: Ata tiveche a oportunidade de probar no fútbol sala

CD: No verán os nosos descansos do fútbol eran os torneos de fútbol sala, así que durante tres anos estiven vinculado a ese deporte. Dous anos no Ribamueble de Ribadeo e outro ano no Trabada F.S. É un deporte parecido, pero moi distinto en moitos aspectos ao fútbol. Tamén disfrutei moito no fútbol sala.

[themoneytizer id=»15360-4″]

EN CURTO…

Un momento como xogador: o día do meu debut en Terceira co Mindoniense con 17 anos.

Un gol: Co Iberia, de saque de centro contra o Laracha.

O mellor xogador co que compartiche vestiario: Nicanor dentro, e Alberto García no campo.

O mellor xogador ao que te enfrontache: hai varios, Pablo Rodríguez, Tarrío, Viqueira, Marcos Vales.

Un xogador que debera chegar máis alto: Sevilla, estivo a case nada de debutar co Atlético de Madrid, pero xogou e moi ben co filial, case nada!

Un partido pra o recordo: o primeiro ano en Terceira coa S.D. Mindoniense no Manuel Rivera de Ferrol (O Inferniño) contra o Racing adestrado por Fernando Vázquez. Chegamos a ir gañando por 1-3 e ao final empatamos 3-3 contra un equipo feito para ascender de calle. É o partido que máis recordo polo ben que xogaramos e pola repercusión mediática que tivera xa que fora retransmitido pola canle de Ferrolterra. Tódalas copias que se pediran dese partido foran para Mondoñedo (risas).

Un adestrador: dous, Gayol por toda a formación que me deu e Chona por descubrirme.

Jesús Gayol foi adestrador de Devesa no Mindoniense e un dos grandes artífices das boas temporadas do clube

QUE OPINAN DE DEVESA OS SEUS COMPAÑEIROS…

Lemos (compañeiro de Devesa no Mindoniense e adestrador entre outros de Boiro e Cerceda): «un futbolista de grandes condicións físicas, velocidade e potencia. Podía xogar en calquera dos dous laterais e incluso de central. Moito carácter e moi cachondo no aspecto persoal«.

Jose (compañeiro de Devesa no Iberia C.F.): «gran compañeiro e gran persoa. Como futbolista moi forte e con grandes cualidades, non sei como non progresou máis, porque talento tiña dabondo«.

Sevilla (amigo persoal de Devesa. Ex xogador de Viveiro, Foz, Endesa, Atlético de Madrid B…): «A calquera deporte que se adicara sería bo, porque é un portento físico. O compañeiro que todos queremos ter no noso equipo»

Javi Chinchón (compañeiro de Devesa no C.D. Foz): «Todo o mundo debería ter un Devesa na súa vida. Grande no campo e grande fóra«.

Julián (compañeiro de Devesa no Candelaria): «Como futbolista sorprendérame a gran potencia que tiña. Os seus saques de banda era como saques de esquina. Como adestrador sempre transmitía alegría no vestiario«.

 

 

Que foi de . . . Carlos Devesa: un defensa dos de sempre, un nostálxico do fútbol popular

O partido en imaxes: Taboada-Valadouro (2-0)

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *