Na coruñesa vila de Melide atopamos, probablemente, o clube co nome máis barroco e suxerente do fútbol galego: O Centro Instructivo, Recreativo y Educativo. Denominación con reminiscencia dunha época en branco e negro. Facendo o exercicio de unir as iniciais temos o acrónimo CIRE, nomenclatura moito máis familiar para os siareiros do fútbol modesto. Na cantina quedou deserta a aposta sobre o significado das siglas CIRE. Ninguén foi capaz de atinar. Quen sí coñece, e moi ben, as andainas do Cire pola Liga da Montaña é a xornalista melidense Marta Veiga Izaguirre. Despois de ter estudado o tema do fútbol local e tras sacarnos de dúbidas acerca do pomposo significado de Cire, Marta axúdanos, agora sí, con rigorosa precisión xornalística.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2017/12/ciremelide.jpg)
Segundo as súas indagacións, semella que non hai datas exactas para establecer canto tempo estivo vixente a Liga da Montaña. Parece que dende mediados dos 70 e que se estendeu ata principios dos 80. Na tempada 82/83 hai unha reestruturación do fútbol modesto, dato que coincide co que xa nos sinalara Miguel Gómez. Por outras referencias, a xornalista sinala que xa se empezaba a denominar Liga da Montaña a aqueles partidos informais entre equipos de vilas cercanas que se disputaban na década dos 60. Sobre o Atlético Melide, o outro equipo melidense que chegou a disputar algunhas tempadas a Liga da Montaña, pouca cousa sabemos. Simplemente coñecemos da súa efémera existencia probablemente como escisión do propio Cire.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2017/12/entradacire-300x225.jpg)
Na actualidade, S.D. Agolada, Cogal Rodeiro e Cire Melide, de concellos limítrofes coa liña provincial, son clubes amigos para os equipos lucenses de vilas xeográficamente próximas e uns excelentes compañeiros de viaxe en partidos de pretempada. Por un triple motivo: Proximidade no desprazamento, reverdecer vellas rivalidades e sobre todo, a posibilidade de enfrontarse a escadras serias con certo nivel competitivo sen ter que mostrar as cartas ante posibles rivais para a competición oficial.
Marchamos que temos que marchar. O partido remata. A comisión de expertos despídese ata outra xornada na que aflorará como cada domingo, fútbol mediante, outro conto calquera… E ímonos lembrando con saudade a aqueles equipos ultraprovinciais que algunha vez nos visitaron como o Boimorto, o Arzúa, o Lalín e especialmente os lindantes veciños de Agolada, Rodeiro e Melide, que non sendo daquí, durante algunhas tempadas viñeron á festa.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)