O Antas encadeou a súa sétima vitoria nunha xornada na que o PM Friol e o Chantada deixaron escapar vantaxes de dous goles, aínda que conservaron o primeiro posto. O filial friolés asinou unha contundente goleada, mentres o San Lázaro tamén tivo que conformarse cun empate e a Milagrosa sufriu unha dura derrota.
O PM Friol deixa escapar dous goles de vantaxe
O PM Friol segue invicto e líder da Terceira Federación, pero xa non conta os seus partidos por vitorias. O Victoria FC arrincou un empate a tres nun encontro que as xogadoras friolesas chegaron a dominar por 3-1.
Yole abriu o marcador no minuto 19 e Uxía igualou no 29 nunha acción protestada polas locais, que reclamaron mans da atacante ao bloquear un despexe de Sara. O Friol respondeu cun novo tanto de Yole no 39 e ampliou a diferenza por medio de Vane no 58.
O partido parecía encamiñado, pero a lesión de Ashley condicionou o flanco esquerdo da defensa friolesa. O Victoria aproveitou esa vía para regresar ao encontro: Raquel recurtou no minuto 73 e Alba estableceu o 3-3 no 80. O empate deixa o PM Friol con dezanove puntos, un por diante dos seus tres perseguidores inmediatos.
O Antas resolve en oito minutos
O Antas mantén o pleno na Primeira Futgal despois de superar por 3-0 o Calo. As ulloás decidiron o encontro antes do descanso, cunha secuencia de tres goles en apenas oito minutos.
Rebeca rompeu a igualdade no minuto 27, Jenny ampliou a renda no 32 e Melanie fixo o terceiro no 35. A intensidade inicial permitiu ao equipo local afrontar a segunda metade cunha vantaxe suficiente para asegurar os tres puntos.

O Antas suma vinte e un puntos de vinte e un posibles, con trinta e un goles a favor e seis en contra, e conserva os tres de marxe sobre o Valladares.
O Orzán B non dá opción á Milagrosa
A Milagrosa caeu por 6-0 na súa visita ao Orzán B, que impuxo o seu ritmo desde o inicio. Marta marcou no minuto 3 e Alexia Freire ampliou a diferenza no 11, deixando moi pronto as lucenses nunha situación comprometida.
Marta volveu acertar no 28 e Aldara fixo o cuarto antes do descanso. Na segunda metade, Marta completou o seu triplete no minuto 49 e Aldara pechou a conta no 90.
O equipo de Fran Rodríguez continúa con dous puntos tras sete xornadas e segue á procura da súa primeira vitoria.
O filial friolés golea polas bandas
O PM Friol B regresou á competición cun claro 1-6 no campo do Cruces. As visitantes atoparon nas bandas o camiño para desenvolver o seu xogo e dominaron o encontro desde a primeira metade.
María Carballido abriu o marcador no minuto 10 e Patri anotou o segundo no 19. O filial mantivo a súa superioridade tras o descanso: Jessi marcou no 60, Vane no 67 e María Carballido repetiu no 74. Jessi completou tamén o seu dobrete no minuto 80.
Lucía transformou un penalti no 88 para establecer o resultado definitivo. O triunfo sitúa o PM Friol B con dez puntos en cinco partidos, na terceira posición da Segunda Futgal.
Ao San Lázaro escápaselle o triunfo no desconto
O San Lázaro empatou 2-2 ante o Bandeira nun partido que chegou a ter moi favorable. Tras un inicio complicado, as lucenses conseguiron tomar a dianteira cun gol de Diana no minuto 25.
Douaa ampliou a vantaxe no 50, pero o Bandeira non se deu por vencido. Eva recortou distancias no minuto 75 e abriu un tramo final de incerteza. Cando o San Lázaro xa tiña preto a vitoria, María Couto marcou no 92 e deixou o encontro en táboas.
O reparto de puntos mantén ambos os equipos igualados na clasificación, aínda que as lucenses disputaron un partido máis.
Tres minutos frean o pleno do Chantada
O Chantada cedeu os seus primeiros puntos da tempada ao empatar 2-2 co Auriense en Oira. As xogadoras de Fornas mantéñense líderes en solitario, pero regresaron coa sensación de deixar escapar unha vitoria que tiveron ao alcance.
Isa adiantou as chantadinas no minuto 22 cunha acción individual na que superou varias rivais. Sharon fixo o 0-2 no 66 e achegou o equipo ao seu sexto triunfo consecutivo.
O desenlace cambiou en apenas tres minutos. Victoria recortou no 82 e volveu marcar no 85 para completar a remontada ata o empate. O Chantada conserva a súa condición de invicto e suma dezaseis puntos, catro máis que o Curtis.


