O Burela celebra a permanencia na Preferente

Unha Preferente de ilusións renovadas

A Preferente será outra das categorías que lle de o pistoletazo de saída a unha tempada cargada de ilusións dentro do fútbol lucense. Desde a ambición polo ascenso que existe no Lemos ata as ganas de volver despois de nove anos do Chantada, pasando por dous equipos como Burela e Pol que queren dar pasos cara adiante e consolidarse. Catro equipos e uns alicientes que van deixar un ano fermoso desde esta fin de semana.

Lemos: Unha única meta na cabeza

O ano pasado reviviuse unha ilusión en Monforte de Lemos que estivo varios anos apagada. Despois de tempos escuros onde o obxectivo era permanecer na Preferente, a promoción de ascenso da campaña pasada encheu á Pinguela e produciu grandes desprazamentos. O barco quedou a piques de chegar ao porto, pero este ano teñen claro que o obxectivo é voltar á Terceira despois de moitos anos.

Na cabeza dun histórico da provincia voltará a estar Alberto López nunha nova etapa despois de estar na Terceira RFEF as dúas últimas campañas, no Viveiro e no Racing Villalbés. Todo cun bloque que voltará a estar moi unido e que contará con referencias como Pablo Losada na portería, Borja Castro ou Aissa na defensa, o centro do campo con Iñaki, Dafonte e Adri Díaz e a velocidade no último terzo de Youness. As chegadas centrráronse na dianteira, con homes como Cuadrado, Noureddine ou Herrero, ou na zona defensiva como Yanike e Matheus.

SD Chantada: A ilusión do regreso á Preferente

A tempada do Chantada na Primeira Futgal foi do máis próximo a facer un curso perfecto que se pode realizar. Os de Traste dominaron con puño de ferro durante toda a competición e agora chegan con moita forza á Preferente. Os obxectivos están definidos, xa que a permanencia é a meta inmediata que se pon este equipo antes de comezar o ano. Nove anos despois, a categoría voltará ao Sangoñedo coa alegría que iso supón para toda a afección.

O proxecto do equipo manten as bases da tempada pasada, cunha aposta polo talento local que manten a súa fidelidade co club. Por suposto, o líder emocional e capitán Kadete seguirá portando o brazalete e terá a compañía de xogadores como Moncho, Tino, Pulpix ou Manu. Poucas incorporacións se fixeron, moito pola aposta continua. Diego e Hamza serán as fichaxes máis destacadas.

Pol: Continuidade para conseguir un avance

Despois dunha campaña complicada na que o Pol quedou moi preto do descenso, pese a que houbo tramos da liga onde a tranquilidade parecía garantida, o conxunto chairego deu un novo xiro ao seu proxecto. Son moitos os nomes de calidade que se incorporan a un equipo que, ano tras ano, da pasos para establecerse na Preferente, pero semella que nesta campaña as intencións son máis ambiciosas que nas anteriores ligas.

Sobre todo, basease a que no apartado das incorporacións fixéronse con tres nomes de primeiro nivel. Ross volta a provincia para dar estabilidade na defensa, mentres que Javi Rey chega desde o Racing Villalbés para abastecer de balóns a Fito Periale, máximo goleador do grupo sur na pasada campaña. Ademais, tamén ficharon a Marino, Hugo Buide ou Pablo Vilariño, mentres que continúan xogadores como Javi Liz, Luis Díaz ou Alesito.

Burela: A axuda dunha alegría aínda presente

O ano pasado quedará, sen temor a equivocarnos, nas páxinas dos libros de historia do Burela. Houbo tempo para a ilusión e para o sufrimento ata chegar a un final que se podería calificar de milagre. Para os mariñáns, a intención é acadar o mesmo resultado pero sen a necesidade de chegar a sufrir tanto como na pasada campaña. Para iso, A Marosa e o talento que xorde alí terá unha parte esencial de cara a loitar por todo.

A confección do cadro depende de varios puntais que continuarán un ano máis no equipo. O presidente Jairo Campo seguirá acompañado no campo de homes como Adri Kun, David Ben, Xoel Ferro, Yago, Jairo López, Yeray, Celes ou Kiko. No canto das chegaadas, a xuventude é un dos puntos importantes e exemplifícanse en nomes como Borja, Marco, Anxo, Álex Fernández, Elias ou Casas.