Esta semana comeza a Primeira Futgal, unha das categorías fetiche do fútbol provincial. Como cada ano, os equipos rematan agora unha esixente etapa de preparación que lles permite chegar nun bo estado de forma ao comezo da competición. Por diante teñen os seus obxectivos marcados: ascenso, permanencia, asinar un bo papel…
Este curso, ademais, o fútbol provincial volta dividirse en dous grupos. A meirande parte dos partidos pertencen ao Grupo 3, composto integramente por conxuntos lucenses e por un invitado de luxo, o Cire Melide. Porén, os nosos ollos tamén estarán atentos ao Grupo 4. O Lemos B debutará na categoría ante os conxuntos da provincia de Ourense, como xa fixera o Brollón o curso pasado.
O Grupo 3 da Primeira Futgal ten tres favoritos claros
O ascenso á Preferente sempre é unha tarefa moi difícil pola gran igualdade da Primeira Futgal. Porén, hai tres conxuntos que semellan ir un paso por diante dos demais: o Atlético Escairón de Óscar Moure apostou forte e confeccionou un grupo de moita calidade, o Ribadeo —unha vez asentado o seu proxecto— promete ser un dos ósos da categoría e o Cire Melide vén de facer un gran papel no Grupo 2 e de reforzarse no mercado estival.
Porén, o resultado final non entende da condición inicial. Cada partido promete ser unha loita espectacular e os detalles inclinarán os marcadores. Iso sábeno ben na Cheda e na Milagrosa. Os barrios capitalinos continúan representados na Primeira polos seus proxectos de fútbol base, que nutre os cadros de xogadores branquiazuis e branquivermellos. O talento que sale da ‘Resi’ ou do Gorgoso é ben coñecido, polo que un bo arranque pode meter a ambos clubes na pelexa polo ascenso.

Nesa batalla tamén quere estar o Monterroso. Os de Cerdeiriños veñen de facer un curso 25/26 espectacular con xente da casa e por medio dun grupo de futbolistas que son moito máis que compañeiros. Fernandito poñerá a andar de novo a un cadro que quedou coa mel nos beizos, pero que non renuncia ao salto de categoría.
Hai unha serie de equipos que, pese a non estar pensados nun primeiro momento para ascender, atesoran moita calidade entre os seus xogadores. É o caso do Foz —que se reforzou de marabilla—, o Racing Villalbés ‘B’ —nutrido pola fabulosa canteira do Roca—, o Guntín —flamante campión de Copa—, o Santaballés —que sempre fai da Liga un fortín— ou o Chantada Atlético —única representación na vila do Asma na Primeira tras o ascenso da SD—. Estes conxuntos procurarán sumar os puntos necesarios para a permanencia o antes posible e, desde ese intre, mirar cara arriba. A intensidade dos adestramentos e a concentración nos partidos determinarán se poden estar na zona nobre ou non.

Hai clubes tamén conscientes da súa realidade, pero ambiciosos. A súa humildade, as experiencias de cursos previos ou a condición de recén ascendidos fan que o seu primeiro obxectivo sexa a salvación. Porén, saben que o esforzo e o traballo en equipo supera moitas veces ao talento individual, e non renuncian a nada. O Brollón (recén chegado tras a súa aventura por Ourense), o Taboada e o Outeiro (que sufriron moito a pasada temporada), o Lourenzá (rodeado de entidades con moitos recursos), o Oural (liderado por un brillante Cayuela) e os ascendidos Becerreá e Folgueiro queren asegurar a categoría canto antes.
Finalmente, o filial lemista competirá nun Grupo 4 que ten grandes nomes (Velle, Nogueira, Sporting Celanova…) pero quere mirar de ti a ti a todos os rivais. O traballo diario e semanal será a base dun proxecto que quere devolver á entidade de Cabe a ser unha referencia a nivel galego.
Por diante temos moitos meses de fútbol apaixoante. Vilas e parroquias que queren medrar paseniño e facerse un nome no fútbol galego. Que comece o espectáculo da Primeira Futgal.


