O Guitiriz afianza a súa posición á fronte da Segunda Galicia grupo norte logo de vencer ao segundo clasificado. No sur, o Oural achégase de novo ao primeiro posto da clasificación despois do empate do Chantada B.
No norte, o duelo da xornada caeu do líder que venceu ao Cabreiros pola mínima na súa casa. Ansede en defensa e Javi na dianteira foron o máis destacado no equipo visitante que lle fixo fronte ao forte mediocampo do Cabreiros comandado por Vicente e Álex. A pesar da derrota o Cabreiros mantense segundo, xa que o Lourenzá empatou nun gran encontro de fútbol ante un Matela no que Adrián «Torito» tivo que saír do seu posto habitual no campo e poñerse de porteiro. Quen recurtaron distancias foron o Pol (que derrotou nun encontro liderado pola polémica que perxudicou ao Cospeito), o Burela (moi superior na Marosa ante a Candelaria), o Folgueiro (que goleou no derbi ante o Ourol cunha gran actuación de Aurelio que anotou catro goles) e o Roupar (que segue na súa boa xeira e venceu ao Iberia). No resto da xornada destaca a vitoria do Mondoñedo ante o Alfoz despois de catro partidos sen conseguila; e o empate entre o Abadín e o Meira no que se viron golazos: Seijo polos locais e Miguel polos visitantes.No sur o Chanada B non pasou do empate na casa do Brollón, pero mantén o liderado cun punto de vantaxe sobre o Oural que venceu no duelo da xornada a un Friol (terceiro clasificado) que non lle chegou co regreso e co gol do atacante Dani despois de varias semanas lesionado. Na parte alta, tamén caeu o Santa Comba ante un Chantada Atlético que volveu ao camiño da vitoria tres xornadas despois. O San Lázaro derrotou ao Portomarín e engánchase a zona alta, ao igual que o Sporting Lucense no que tivo un gran protagonismo o mediocentro Senén con dous goles. Non pasou do empate o derbi da Ulloa entre o Palas e o Monterroso B; tampouco o partido do Antas que empatou ante un Castroverde con gran protagonismo para Marcos Gemelo e o seu porteiro Diego. Quen si venceu foi o Becerreá, por 3-1 diante a Milagrosa.