Comeza unha xornada marcada fortemente pola borrasca Ingrid, que golpeou con forza ao longo e ancho da nosa provincia e que obrigou á suspensión da actividade deportiva o sábado. Confiamos en que a situación mellore e o domingo sexa posible a disputa da xornada con total normalidade e seguridade.
O domingo ás 17 horas o Xove Lago recibe ao Lourenzá no Municipal nun encontro chave para ámbolos conxuntos na súa pelexa por evitar o descenso de categoría. Arbitrará o colexiado Joel Rois.
Non está sendo unha temporada doada para o Xove Lago. Actualmente ocupa o derradeiro posto na clasificación con trece puntos, a cinco dos postos de permanencia. Unha posta en escea con cinco derrotas consecutivas provocaron a destitución de Santi Silvar como adestrador. A chegada de Fran Caínzos parecía supoñer o despegue do conxunto verde, pero as derrotas voltaron e actualmente o Xove Lago atópase sen adestrador. Nesta situación afronta un choque, non decisivo, pero si moi importante na súa loita por evitar xogar o vindeiro ano na Segunda Futgal.
Nesa mesma batalla está o Lourenzá, aínda que nunha situación institucional e deportiva máis cómoda. Os laurentinos contan con dezoito puntos e están fóra dos postos de descenso, con catro puntos de marxe sobre o Chantada Atlético e cinco sobre Taboada e Xove Lago. Os de Rubén Acebedo, ao igual que o seu rival, tiveron un comezo ligueiro complexo, pero no seu caso, reconduciron a situación con vitorias diante de rivais directos como Oural, Chantada Atlético ou Iberia e outros fronte a equipos da zona alta como o Monterroso.

O último enfrontamento entre Xove Lago e Lourenzá no Municipal tivo lugar o 8 de decembro de 2024 e rematou con triunfo local por dous goles a cero. Marco e Cora, este último nas filas do Viveiro nesta temporada, foron os autores dos goles.
Falamos do encontro con Antonio Meitín, presidente do Xove Lago, e con Rubén Acebedo, adestrador do Lourenzá.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
Antonio Meitín (Xove Lago)
Unha temporada complexa. «Sobre todo o comezo foi difícil, xa desde a pretemporada coa lesión de Xesús e a saída de Cora, ademáis doutras baixas. A partir de aí non comezamos ben a liga, onde tivemos enfrontamentos con rivais directos e onde tamén nos perxudicaron algunhas decisións arbitrais. E así chegamos á segunda volta, pelexando por evitar o descenso«.
Encontros que marcarán a temporada. «Eu creo que si. Temos encontros, comezando polo do Lourenzá, contra equipos que están na mesma loita ca nosa e poder sacalos adiante achegaranos á permanencia. Pero non será tampouco definitivo, xa que, nesta temporada penso que se pode gañar en perder contra calquera nesta categoría, polo que non daremos ningún encontro por perdido«.
O partido co Lourenzá. «Será un encontro duro, pero que confiamos sacar adiante xogando na casa. Eles están fóra de descenso, pero un triunfo noso apretaría moito as cousas na zona baixa. Agardo que sexa moi competido e que finalmente caia do noso lado«.
Rubén Acebedo (Lourenzá)

A primeira volta. «Creo que se dividiu en dúas partes claras. Os primeiros partidos non conseguimos os resultados desexados. Foi un momento no que aínda nos estabamos a coñecer os xogadores e o adestrador e non tiñamos un modelo de xogo perfectamente definido. Unha vez que o atopamos chegaron os resultados positivos que nos permitiron saír dos postos de descenso«.
O Xove Lago. «Agardo un partido parello que creo que caerá do lado do equipo que teña máis tranquilo no campo, xa que, é un enfrontamento directo por evitar o descenso. Nós debemos voltar a ser fortes a nivel defensivo, concedendo poucos espazos e ter tranquilidade cando teñamos o balón nos pes«.
A permanencia do Lourenzá. «Temos as opcións intactas, pero agora mesmo só contamos con quince xogadores dispoñibles da primeira plantilla dos cales sete estudan ou traballan fóra durante a semana, o que nos deixa con pouca xente para adestrar. Ademáis contamos con lesións longas como as de Paulo, Iago ou Jose que nos lastraron moito. Pero os xogadores que están son comprometidos e ademáis contamos cunha canteira que nos axuda moitísimo para incrementar a calidade tanto en adestramentos como en partidos. De feito están xogando habitualmente catro ou cinco xuvenís cada encontro. Ese é o gran valor do Atleti«.
A AXENDA
Primeira Galega Feminina
Antas – Rosalía (Domingo ás 17 horas no Castro Seoane): as locais tentarán dar a sorpresa ante un intratable Rosalía, líder invicto que só cedeu dous empates no que vai de campionato.
Segunda Galega Feminina
Milagrosa – Esteirana (Domingo ás 16 horas no Luis Gorgoso): oito encontros sen perder avalan a unha Milagrosa que buscará un triunfo que as manteña en zona de promoción de ascenso. Enfronte unhas aspirantes a esta praza que contan con cinco puntos menos que as lucenses.
San Lázaro – Muxía (Domingo ás 18 horas no Rodríguez Lago 1): encontro difícil para as lucenses coa visita das segundas clasificadas, que suman seis triunfos consecutivos. Pero o bo momento das locais convida ao optimismo.
Terceira RFEF
CD Lugo B – Noia (Domingo ás 12:30 horas na Cheda): o filial albivermello confía en seguir coa súa boa xeira e alcanzar praza de play off na visita dun Noia que chega en zona de descenso.
Preferente Futgal
Burela – Dubra (Domingo ás 12 horas na Marosa): encontro importante para os de Oke, que queren voltar á senda da vitoria logo de sete xornadas sen facelo. Enfronte un Dubra que se atopa en posto de descenso, pero que chega logo de tres xornadas invicto.
Primeira Futgal
Ribadeo – Chantada (Domingo ás 17 horas no Pepe Barrera): coa continuidade confirmada de Dani Moirón no banquiño local, o Ribadeo buscará unha vitoria que os manteña en posto de promoción e lle permita mirar, aínda que de reollo á primeira praza. Un triunfo visitante deixaría o liderado só con dous aspirantes ata o final de temporada.
Segunda Futgal
Xermade – Alfoz (Domingo ás 16:30 horas no Municipal): Os mariñáns contan con dous puntos máis que os chairegos antes dun encontro importante entre dous conxuntos que aspiran a xogar a promoción de ascenso.
Terceira Futgal
Muimenta – Rioaveso (Domingo ás 16 horas no Pichón): os locais son un dos equipos máis en forma da provincia. Tres puntos empurraríanos cara o ascenso. O Rioaveso precisa un triunfo para consolidar a súa praza no play off.
Foto de portada: Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

