Dobrete de Hugo para reinar na Ulloa

O Riotorto e o Becerreá sufriron, pero lograron tres puntos máis que os manteñen no liderado. Os seus perseguidores non erran. Folgueiro e Santa Comba tamén gañaron. O equipo lugués conta todos os seus encontros na casa por triunfos.

Con todo, o gran equipo nestes momentos da categoría é o Guitiriz, con sete vitorias seguidas. Ademais, na zona baixa do sur, continúa o espertar de Sober e Friol, que venceron pola mínima na pasada finde. Coñecemos todos os detalles en #ONoso11AChaira, que presenta unha imaxe renovada no inicio do segundo tramo do campionato.

De acabar agora a liga:

Ascenso directo: Riotorto e Becerreá

Promoción de ascenso: Folgueiro e Santa Comba

Descenso por arrastre: Castroverde, Friol e Chantada B

Descenso directo: San Ciprián, Matela, O Páramo e San Lázaro

O Riotorto sufriu para superar ao Castroverde

O club riotortense venceu na Veiga con remontada nos últimos minutos ao Castroverde (2-1). Os tres puntos permítenlle alcanzar os 36 e seguir no liderado coa mesma diferenza ante o seu inmediato perseguidor: catro puntos con respecto ao Folgueiro

A derrota deixa ao Castroverde na mesma zona de perigo. Non caeu ao descenso directo, porque os rivais tampouco puntuaron. Con todo, a súa antepenúltima posición agora mesmo sería de arrastre.

Non houbo moitas ocasións no primeiro acto, pero pouco antes do tempo de lecer, o Castroverde púxose por diante. Borja marcou ao patear unha falta lateral e despois de que o balón non tocase en ninguén e sorprendera ao meta rival. 

Na segunda metade, os locais víronse obrigados a ir a pola remontada. Superado o minuto 80 de xogo, empatou o Riotorto cun tanto que o colexiado lle asignou en propia porta ao gardamallas Iago, tras petar o balón no pau e despois nas súas costas. 

Cinco minutos despois, chegou o gol da vitoria do Riotorto. Antón Carro, que entrou no segundo tempo, rematou unha acción a balon parado. 

O Folgueiro consolida o seu posto de promoción

Vitoria do Folgueiro no duelo directo co Goiriz pola segunda posición (3-0). O noveno triunfo da tempada sitúa o equipo do vicedo con 32 puntos, a catro do Riotorto. Queda igualado co Guitiriz e con tres de marxe sobre o Alfoz e catro con respecto ao propio Goiriz. 

Os locais foron superiores, especialmente nun primeiro tempo no que dominaron con claridade nas áreas e marcharon con dous goles de vantaxe ao descanso. Aarón e Oki foron os autores dos goles.

O Goiriz conseguiu xerar algún achegamento no segundo tempo, pero o Folgueiro aproveitou os espazos para atacar e ampliar a vantaxe. Por medio dun penalti, Oki logrou o terceiro tanto mediado o segundo acto. 

Guitiriz, sete vitorias seguidas e dous goles encaixados

O Guitiriz é sen dúbida o equipo do momento na categoría. Sumou a sétima vitoria consecutiva ante o Meira (1-0). Tan só o Cabreiros e o Pastoricense foron capaces de facerlle gol nesta xeira tan boa. Acumula 32 puntos, os mesmos que o Folgueiro que ocupa a praza de play off. O líder está a catro puntos. Hai sete xornadas, o Guitiriz era 10º e o primeiro clasificado (Riotorto) estaba a nove. 

O Meira queda na 9ª posición con 25 puntos, igualado coa Candelaria, e a sete puntos da praza de promoción de ascenso. 

Os primeiros minutos foron moi desputados. O Meira tivo as mellores ocasións ao inicio por medio do balón parado. O longueiro e Jesús evitaron o gol

Os locais foron levando o partido a onde querían. Antón, por dúas veces, puxo a proba o porteiro Samu, que foi titular ante a baixa de Xabi nos visitantes. Terceira titularidade en liga para o gardamallas xuvenil. 

No segundo tempo, o Guitiriz xerou máis, axudado tamén polos cambios. Antes do minuto 80, Sergio Campello marcou o gol que resultou decisivo. A proximidade no marcador fixo que o encontro estivese vivo ata o final. 

Dani Jiménez suma dez goles na liga para o Alfoz

Cuarto partido seguido con gol de Dani Jiménez

O Alfoz derrotou ao Casás (2-0), nun partido no que volveu marcar o dianteiro Dani Jiménez. Os tres puntos posibilitan que os pupilos preparados por Javi Chinchón cheguen aos 29 puntos. Ocupan a 4ª praza, a tres do Guitiriz e do Folgueiro. 

Pola súa parte, o Casás é 13º, beneficiado por que os tres equipos que ten por baixo tamén perderon. Agora mesmo estaría salvado, pero a súa posición podería ser de arrastre en función da zona xeográfica da que procedan os clubs que descendan da Primeira. 

O Alfoz levou o control do encontro ante un equipo que se presentou no Municipal con tan só 12 efectivos. Xerou perigo na primeira metade, sobre todo a balón parado, pero non estivo acertado. 

Xa no comenzo da segunda parte, á hora de xogo, chegou o tanto de Dani Jiménez. O dianteiro de Mor marcou en todos os partidos que o equipo xogou en 2026, ademais de xa rematar o 2025 tamén goleando. Acumula 10 goles na liga. 

A partir do gol local, o Casás colleu algo máis o mando do partido e xerou máis chegadas, aínda que sen excesivo perigo. O Alfoz esperou ao contragolpe e nos últimos intres sentenciou co tanto de Toni. 

O Xermade vence no ‘exilio’ do Matela na Fonte

Co campo de San Lorenzo de Aguiar sen estar nas mellores condicións, o Matela recibiu ao Xermade na Fonte, en Cospeito (1-2). O sétimo triunfo do curso coloca ao cadro xermadés na 6ª posición con 27 puntos, igualado cos seus veciños de Cabreiros e a cinco da promoción. 

Namentres o Matela continúa na última posición con seis puntos. O bo para o equipo de Outeiro de Rei é que as condicións non cambiaron pola zona baixa, agás a vitoria do Sporting Pontenova (12º), que o aventaxa en once puntos. A salvación total agora mesmo para o Matela está a oito puntos (13º). 

Competiu ben o Matela, pero a falta de sorte e unha expulsión impediulle dar rédito ao seu traballo. O primeiro tempo foi igualado e ambos equipos gozaron de oportunidades. Antes do descanso foi expulsado o xogador do Matela Dilan, que volvía á Fonte, campo no que a tempada pasada competiu co Cospeito. 

No segundo acto, o Xermade adiantouse co noveno tanto en liga de Pedro Coria. Tentaron sentenciar os visitantes, pero nun bo remate de Camilo, o Matela empatou. Tivo opcións o cadro dirixido por Cuchi de remontar, pero penalizouno a falta de acerto. Preto do final, Jose Adega ‘Josito’ si logrou marcar para o Xermade. 

Quinta vitoria a domicilio da Candelaria

Sempre se fala da Granda como un campo no que é difícil batir ao equipo local. Con todo, neste curso a Candelaria está logrando máis puntos lonxe da súa parroquia da Rúa. Vén de sumar o seu cuarto triunfo seguido, tres deles fóra da casa. O último ante o Cabreiros (2-3), do que queda a dous puntos na clasificación na zona media. O club da Acea agora fica a cinco puntos do play off. 

O certo é que o Cabreiros mereceu máis polas ocasións xeradas e a proposta futbolística. Púxose por diante aos dez mintuos cun gol en propia porta de Valdo. Reaccionou rápido a Candelaria e Aarón Rega empatou aos cinco minutos. 

A Candelaria aproveitou o seu fútbol no segundo tempo. Deulle a volta ao partido co segundo tanto do burelao Aarón. Ao redor do 80, Tinga ampliou as diferenzas dende o punto de penalti. 

Os locais buscaron os goles con ansia, pero non foi ata os intres finais cando atinou Alberte Ledo, pero xa era tarde para sumar puntos. 

O Celta Barreiros xa gaña con Donato

Primeira vitoria do adestrador Donato dirixindo ao Celta Barreiros tras incorporarse ao equipo no Nadal. Derrotaron ao Pastoricense no Cascabeiro (3-1). O resultado permítelles superar ao seu rival en tres puntos: Celta Barreiros (10º, 22 puntos) e Pastoricense (11º, 19 puntos). A mala xeira agrándase no club da Pastoriza que arrastra seis partidos sen gañar en liga.

Comezou ben o Pastoricense. Impóñendose nas accións ao rival, xerando perigo e adiantándose cun gol de Brais, tras un rexeite dun lanzamento de Edu. 

Con todo, os loais fóronse metendo máis no partido, estando mellor nas desputas e aproveitando as imprecisións do rival. A balón parado, chegou o gol de Congui antes do descanso. 

No segundo acto, os locais remontaron por medio de Ibrahima. O encontro non tiña dono e no intercambio de golpes saíu vitorioso o Celta Barreiros que logrou o terceiro a través de Rocky. Manupa e Iaguito puideron volver meter o Pastoricense no encontro, pero os locais tamén case logran ampliar vantaxe ao contragolpe. 

O Sporting Pontenova avanza cara a salvación

O conxunto pontenovés superou ao Sanci (3-1). O cuarto triunfo do curso sitúao con 17 puntos na 12ª posición. Foi o único equipo que gañou da zona baixa e aumenta a súa diferenza a oito con respecto ao antepenúltimo posto. 

O Sanci segue en descenso directo. Queda a dez puntos do seu rival da pasada fin de semana. Saír do descenso directo está tan só a dous puntos, pero agora mesmo a salvación definitiva estaría a sete puntos. 

Os locais amosaron a superioridade intentando imprimirlle un ritmo alto ao partido. Marcos Martínez marcou cedo. Óscar Amor ampliou diferenzas ao redor do minuto vinte. Con todo, o Sanci logrou meterse no resultado cun gol de Xoel a media hora. 

No segundo tempo, os locais non pasaron apuros porque Carlos Cuzco anotou o terceiro. Cun maior xogo bronco, o Sporting Pontenova foise metendo atrás, pero o Sanci tampouco gozaron de grandes oportunidades para anotar. 

O Becerreá non erra no Baliño

O club becerrense derrotou ao Ferreira (1-3) e mantense no máis alto da clasificación. A 12ª vitoria do curso permítelle alcanzar os 38 puntos e seguir coa diferenza dun punto con respecto ao seu inmediato perseguidor, o Santa Comba

Pola súa parte, o Ferreira perdeu unha boa opción de achegarse máis aos primeiros postos. Queda con 27 puntos na 5ª posición, a dez da promoción de ascenso. 

Os visitantes marcaron rápido. Tras unha boa xogada de Rio pola banda, Higi rematou a gol de cabeza. Mediada a primeira parte, aumentaron a diferenza cun tanto de Jandro nunha acción a balón parado. 

O Ferreira non se veu abaixo. Xerou perigo e achegáronse no resultado co tanto de penalti de Enríquez. Xusto antes do descanso, os locais puideron empatar, pero nunha falta lateral o balón petou no longueiro. Na seguinte xogada, o Becerreá logrou o terceiro nunha transición ofensiva rápida que finalizou Kevin

No segundo acto o resultado non se moveu. O xogo tivo fases broncas entre dous equipos que contan cunha certa rivalidade intensa no campo nas últimas tempadas. No Becerreá destacamos tamén a estrea co primeiro do xuvenil Héctor Férnandez. O lateral entrou na segunda metade.

O Tras do Novo é un fortín para o Santa Comba

O equipo da parroquia de Santa Comba gaña todos os partidos que xoga no seu campo. Sumou a novena vitoria da temporada como local ante a Sarriana B (2-1). En total, os doce triunfos e un empate do curso permítenlle acumular 37 puntos. O Santa Comba está a un punto do líder e conta con oito de marxe para defender a súa posición de play off. 

O filial da Sarriana detivo a boa xeira de cinco encontros sen perder. Con todo, segue nunha igualada zona media da clasificación con 20 puntos. 

Na primeira xogada ofensiva do encontro os locais xa marcaron por medio de Jano. Ao filial de Sarria custoulle ser protagonista no primeiro tempo, a pesar de que a falta de dez minutos para o descanso os locais quedaron cun xogador menos pola expulsión de Sergio López

Nos segundos 45 minutos, os visitantes tentaron xerar algunha ocasión para igualar. Con todo, o Santa Comba semelleba ter o partido baixo control ata que no minuto 85, nunha boa xogada colectiva, marcou Pablo. A Sarriana B foi a pola remontada e o Santa Comba aproveitou o contragolpe para, por medio dun gran gol deNúñez, anotar o segundo e quedarse cos tres puntos. 

Tres meses sen perder do Lemos B

O filial do Lemos volveu ao camiño da vitoria, logo de dous empates consecutivos. Superou con claridade ao San Lázaro (5-0) e non perde a esperanza de alcanzar aos dous equipos que mandan no grupo. Queda a oito do posto que dá acceso a xogar a fase de ascenso

En cambio o San Lázaro é o último clasificado con nove puntos. Os equipos que están xusto por riba tamén perderon, polo que saír do descenso directo segue estando a catro puntos. Non obstante, as vitorias de Sober e Friol encarecen a tarefa de librar dos arrastres. Agora mesmo, o San Lázaro tería a salvación completa a oito puntos

O filial comezou ben e púxose por diante cun gol de Adrián. Con todo, perdeu o dominio do xogo e o San Lázaro foi superior ata o descanso. A falta de acerto impediulles empatar aos capitalinos. 

No segundo acto, os locais volveron coller o ritmo e a partir do segundo gol, da autoría de Pallín, romperon o partido. Pouco despois, Roberto anotou o terceiro. No tramo final, Nico Ferreiro e Guti redondearon a conta. 

O San Roque volveu gañar tras cinco partidos

O conxunto capitalino superou ao Portomarín (3-2) nun encontro con polémica. Despois de tres empates e dúas derrotas, o San Roque recuperou o sabor da vitoria. É 4º con 29 puntos, a oito do posto de promoción. 

Pola súa banda, o Portomarín é un dos equipos que integra unha zona media moi igualada. Ocupa a 10ª posición con 20 puntos, tres por riba das posicións de arrastre. 

Os visitantes comezaron desaproveitando ocasións, pero quen se puxo por diante foi o San Roque pasado o cuarto de hora. O xuvenil Hugo Corredoira foi o autor do gol. 

O Portomarín reaccionou ben e logrou igualar por medio de Varo nun bo remate tras pase de Bilal. Con todo, antes do tempo de lecer, Emilio anotou o segundo para o San Roque. Para daquela a polémica xa estaba servida con varias xogadas nas que o Portomarín reclamou falta de imparcialidade, entre elas, nas accións dos dous últimos goles locais.  

O cadro visitante saíu ben na segunda metade. Juanillo empatou e os seus compañeiros puideron darlle a volta con algunha ocasión clara. Non máis lonxe da realidade, o que chegou foi novamente o tanto local, obra de Carlos. No tramo final apenas houbo partido, que acabou coa expulsión de Vigo no San Roque. 

O Antas manda na Ulloa, aínda que o Palas mereceu máis

Despois de superar ao Monterroso B no último encontro da primeira volta, o Antas venceu ao Palas (2-1) no primeiro partido da segunda parte do campionato. Isto se o unimos ao empate da primeira volta e a igualada tamén entre Monterroso B e Palas, resulta que polo momento o Antas gaña a liga particular da Ulloa. 

Os tres puntos permítenlle sumar 26 e distanciarse, polo menos de momento, dunha zona media moi igualada, que pode ter perigo na súa parte máis baixa. Aínda que ten preto a algúns antecesores, a pesar de ser 6º, a promoción de ascenso está a 11 puntos

O Palas si se sitúa nesa zona media con 20 puntos, os mesmos que a Sarriana B e o Portomarín. Agora mesmo, contaría con tres de marxe con respecto as posicións de arrastre. 

Con todo, o Palas non foi para nada inferior. Xa dende o inicio tentaron controlar o xogo a través da posesión de pelota. Pola contra, os locais marcaron dous goles por medio de Hugo. O futbolista de Antas asinou unha gran tarde cun dobrete, especialmente cun gran segundo gol.

No tempo de lecer, o Palas cambiou o sistema de xogo con dous dianteiros. Metéronlle moita intensidade e xeraron un bo número de ocasións. Álvaro marcou un bo gol de falta directa con tempo aínda para remontar. Merecérono, pero a sorte non estivo do lado palense. 

O Paradela avanza na permanencia 

Os pupilos adestrados por Santi López venceron ao Chantada B (3-1), un encontro que podemos cualificar de directo, aínda que agora un equipo sexa 7° e outro 14°. Entre ambos agora hai unha diferenza de nove puntos, pero se o resultado fose outro podería ser de tres.  

Tan só un encontro perdido, dos últimos seis xogados, deixa ao Paradela nunha boa situación. Con todo, non quita de que nada estea feito. A posición actual de arrastre está cinco puntos por baixo. 

A xeira de cinco partidos sen gañar complica o estado do Chantada B. É antepenúltimo, en posición de arrastre, igualado co descenso directo e está a catro puntos da permanencia. O club do Sangoñedo agarda que o recén estreado videoclip co himno da SD sirva para motivar aos seus. 

O filial colleu a posesión do balón dende o principio. Na portería estreouse o porteiro xuvenil de primeiro ano Lucas. Nun erro visitante, o Paradela púxose por diante cun gol en propia porta. Puido empatar o cadro adestrado por Jordi López e Rodrigo Amarante, pero non acertou. Xusto antes do descanso, os locais quedaron con dez xogadores pola expulsión de Maicol.

A nova reforzou ao Chantada B, que saíu mellor no segundo acto e igualou por medio de Brais nun lanzamento de penalti. Con todo, noutro erro defensivo, Manu aproveitou para marcar o segundo local. O filial chantadés logrou meter en zona defensiva ao Paradela, pero non empatou. Nos últimos minutos, Manu asinou o seu dobrete e sentenciou o encontro.

Pibe marcou un gol decisivo para que o Sober vencera ao Monterroso B

Quinto partido seguido sen perder do Sober

O conxunto de Centeás venceu pola mínima ao Monterroso B (1-0). O Sober, dende que recuperou o seu partido aprazado co Palas en decembro, non perde. Suma tres triunfos e dous empates. Estes once puntos sérvenlle para acumular dezasete.

Con todo, estes resultados viñeron parellos á reacción tamén do Friol. Ambos equipos teñen os mesmos puntos e encarecen a salvación, xa que agora mesmo o 13º posto (ocupado polo cadro friolés) sería de descenso por arrastre. 

A xeira é contraposta no Monterroso B. Leva sete encontros sen gañar e cinco derrotas seguidas na liga. De situarse na parte alta pasa a pelexar pola salvación. Queda dous puntos por riba do Sober e do Friol. 

Encontro igualado en Centeás con poucas ocasións claras entre os tres paus no primeiro tempo. Ao comezar a segunda metade, os locais marcaron o único tanto do encontro por medio de Pibe, que rematou de cabeza un saque dende o recanto. 

Os visitantes si gozaron de oportunidades para empatar, a pesar de que o encontro se volveu máis bronco. Yoni Mejuto, Manel ou Carlos puideron marcar. Ao final, o propio Yoni foi expulsado no filial. 

Dani Roca marcou in extremis para o Friol 

A segunda volta comezaba na Reigosa cun duelo directo pola salvación. O Friol superou ao Páramo (1-0) e o gol average entre ambos queda igualado. O cadro friolés supera en catro puntos ao seu rival, que marca a zona de descenso directo. Con todo, a 13ª posición do Friol sería de arrastre nestes momentos. 

Foi un encontro igualado. Case non houbo ocasións nun primeiro tempo con medo ao fallo e máis fútbol directo. 

Na segunda metade, os locais dominaron máis o balón e enlazaron xogadas. Con todo, non foi ata os últimos intres cando chegou o gol. Tras unha acción combinada, Dani Roca definiu ante a portería rival. 

Dobrete de Hugo para reinar na Ulloa

A SD Chantada, campioa de inverno de