Chega o sétimo Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia da temporada 2025/2026 e faino con dous equipos moi destacados no liderado de ámbolos grupos, que suman pleno de puntos: Mondoñedo e Corgo.
No grupo norte, o Mondoñedo venceu no Viñas da Veiga ao Roupar e conta con cinco puntos de marxe sobre o Catro Roldas, que volveu a gañar logo de dúas xornadas sen facelo. Fíxoo no derbi vilalbés fronte ao Rioaveso. O Abadín protagonizou a goleada da semana tras endosarlle seis goles á Comercial.
No grupo sur, o Corgo segue intratable. Venceu ao Relámpago Taboada e conta con seis puntos de vantaxe sobre un Taboada B que acumula cinco vitorias consecutivas. O Rubián perdeu a súa condición de invicto tras caer no campo do Río Sil.
GRUPO NORTE
O Mondoñedo vence no Viñas da Veiga ao Roupar e mantén o pleno (4-1). O líder saiu ao campo exercendo como tal e non tardou en adiantarse cun gol de Diego Polo, o seu primeiro tanto coa camisola mindoniense. Anxo exerceu de salvador na portería do Roupar salvando varias accións moi claras dos de Nico. Os visitantes, que chegaban ao encontro con moitas baixas, reaccionaron e empataron nunha contra que culminou Manu. Malia todo, o Mondoñedo marchou ao descanso con dous goles de renda, convertidos por Nacho e Acebo. No segundo tempo, o Roupar saiu mellor e contou con boas ocasións nas botas de Manu, Yosi e Fran Lage que non tiveron o premio do gol.

O derbi vilalbés entre Catro Roldas e Rioaveso quedou na Canteira (1-0). A primeira metade tivo o selo local. O Catro Roldas levou o peso do partido e foi capaz de saír xogando desde atrás. Os de Coto adiantáronse preto da media hora de xogo nun balón á espalda da defensa que Samu definiu ben. Os visitantes protestaron a acción ao entender que existiu fóra de xogo. O Rioaveso estirouse e o Catro Roldas buscou os espazos ás costas da defensa, aínda que con certa precipitación. O segundo tempo cambiou as tornas e o Rioaveso tivo máis o dominio. Aínda así os de de Asier Lozano non foron quen de acadar o empate.
Cazás e Muimenta asinan tablas nun encontro parello (1-1). Encontro condicionado polo mal estado do terreo de xogo e no que o Cazás foi mellor no primeiro tempo. Tivo a posesión, combinou ben no medio do campo e chegou con certo perigo á área rival, sobre todo por medio de centros laterais. Así chegou o gol, preto do descanso. Centrou Bruno e Rubén rematou ao fondo da portería. Cambiaron as tornas na segunda metade. O Muimenta saiu con máis intensidade a polo empate. E non tardou en acadalo por medio de Jesús logo dun barullo na área. No último tramo de encontro os de Fran Veiga protestaron as decisións arbitrais ao non sinalar un penalti que entendían como tal.
O Abadín culmina un set en branco diante da Comercial (6-0). O comezo do choque non parecía presaxiar a goleada final. A Comercial, saiu ao encontro mellor que o rival e contou con algunha ocasión para adiantarse no marcador. O primeiro tanto do Abadín, obra de Héctor tras rematar un centro lateral, sacou do partido aos visitantes, que encaixaron o segundo poucos minutos despois por medio de Regueira nunha acción a balón parado. O segundo tempo comezou coa sentencia para os locais cun novo tanto de Héctor. A partir de aí o encontro estivo moi desordeado e chegaron tres novos goles para o Abadín. Héctor culminou o seu hat-trick, Regueira acadou o doblete e Cendán culminou a goleada.

O Celeiro erra dous penaltis e remata igualando co Pol B (1-1). O auténtico ‘fútbol na lama‘ chegou a Trasvías nun día marcado pola solidariedade e onde estivo presente a asociación Donar o Solicitar de Viveiro para recoller xoguetes para as nenas e nenos con menos recursos. Os locais comezaron moito mellor e chegaron en numerosas ocasións con perigo á área rival. Nos primeiros minutos contaron con dous penaltis a favor, ambos froito de erros de concentración do seu rival. No primeiro, Iñigo estivo atento para atinar no rexeite, adiantando aos de Moro, e o segundo saiu fóra. As ocasión seguiron sucedéronse para os viveirenses sen chegar a culminalas. Luis Romay optou por situar a Rui no centro da defensa e o Pol B mellorou sobre todo a nivel defensivo. Rubén Rey empatou antes do descanso.

GRUPO SUR
O Corgo derriba a muralla do Relámpago Taboada e mantén o pleno de puntos (2-0). O líder mantén a súa condición e suma unha nova xornada sen encaixar. Só un gol en contra en sete partidos para os de Abel Rochela, que tiveron que empregarse a fondo para dobregar a un Relámpago Taboada que xogou moi repregado e coas liñas moi xuntas. Os de Melendo realizaron un gran esforzo defensivo e o Corgo optou pola paciencia. Os locais moveron o balón na procura duns espazos que escaseaban ata que xusto antes do intermedio Brais abriu a lata cun bo lanzamento desde fóra da área. Tras o paso por vestiarios, o encontro seguiu coa mesma tónica e Xoia sentenciou desde o punto de penalti.
O Taboada B vence ao Quiroga e suma a quinta vitoria consecutiva (2-0). A racha do filial continua e venceu a un Quiroga que colleitou tres derrotas nas catro últimas xornadas. O encontro resultou moi parello, cun tempo para cada conxunto. No primeiro foi mellor o Taboada B, que se adiantou no marcador cun gol de Nico, tras un erro defensivo, e contou con varias ocasións claras de gol nas botas de Elías e Pita. No segundo tempo o Quiroga tivo o dominio do xogo e Cañero estrelou un testarazo no longueiro. Zorrín e Gachán estiveron a piques de rematar unha falta botada por Chechu e numerosos disparos desde a frontal non atoparon o premio do gol, grazas á boa actuación do gardameta Eloy. Pita, nunha contra, sentenciou para os de Jacobo Vázquez.
O Río Sil remata coa imbatibilidade do Rubián (3-2). Os locais levaron o peso do partido no primeiro tempo. Adrián non tardou en abrir o marcador para o Río Sil e os visitantes buscaban xerar perigo nalgunha chegada por banda. No segundo tempo novamente Adrián fixo o segundo tanto local nos primeiros compases e aí chegou a reacción dos de Senén López. Víctor recurtou diferencias cun bo gol de cabeza tras un saque de falta lateral e Pitu acadou o empate logo dun centro lateral que se envenenou e acabou no fondo da portería. Cando xa parecía que chegaba o reparto de puntos, Smaily co tempo a piques de cumprirse, fixo o terceiro tanto para o Río Sil.
O Incio vence á Piringalla e entra en zona de play off (3-2). Encontro de claro dominio local. A Piringalla non entrou ben ao partido e o Incio castigou co tanto de Marcos. A reacción dos visitantes rematou co empate, pero no segundo tempo o Incio intensificou a súa superioridade sobre o terreo de xogo con dous tantos que deixaron o encontro case que sentenciado. Os de Felipe Varela contaron con ocasións para non chegar ao final co marcador igualado, como sucedeu co tanto visitante obra de Raúl.
O Bóveda acada a primeira vitoria do curso fronte ao Carballedo (2-1). No primeiro tempo o Carballedo levou o peso do partido e xerou boas ocasións de gol. Listón adiantou aos de David Guerra ao transformar un penalti. Xusto antes do descanso, os visitantes quedaron cun home menos. Tras o paso por vestiarios, o Bóveda tivo máis o balón e xerou varias ocasións de perigo. En dous erros defensivos do Carballedo, Mondelo e Pino déronlle a volta ao marcador. Malia xogar con dez, os visitantes non lle perderon a cara ao encontro e contaron con ocasións para puntuar.
Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

