O Lemos continúa a confección do seu cadro de xogadores para a vindeira tempada na Preferente coa firma dun goleador dos pés á cabeza. Fito Periale chega a Monforte despois dunha tempada no Rácing Vilalbés onde tivo a súa primeira experiencia na Terceira RFEF despois de superar os vinte goles na 23/24 militando no Castro. O dianteiro arxentino será unha das pezas diferenciais dun proxecto que pretende ilusionar aos mandos de Edu Rodríguez.
Futbolinlugo: Como foi para ti a primeira experiencia na Terceira RFEF co Racing Villalbés?
Fito Periale: «Comecei xogando nos primeiros encontros, pero despois non tiven moito protagonismo e quedei un pouco relegado. Foi unha boa experiencia cun gran grupo que fixo que o ano pasase moito máis rápido».
FIL: Que diferencias notas entre Terceira e Preferente?


FP: «Terceira é moito máis profesional e ten unha carga de adestramentos moito maior. Tamén o xogo ten un maior número de variantes e a loita polo ascenso é moito máis candente, este ano vivímola e tivemos a oportunidade, pero o destino privounos de conseguir o pase cara a seguinte ronda do play off».
FIL: Viñas de facer un gran ano co Castro, superando os vinte goles. Foi a túa mellor tempada?
FP: «Non foi a miña mellor tempada porque en Arxentina conseguin 27 tantos. Viña de xogar en Primeira Futgal co Castro e firmar grandes cifras. Foi igual na Preferente, xa que todo me saíu ben no individual na faceta goleadora e sen controlar a categoria marquei. Foi unha mágoa que non puideramos salvarnos co Castro».

«Queremos que o Lemos chegue á promoción»
FIL: Agora volves á categoría co Lemos, que che fixo tomar esta decisión?
FP: «Tiven chamadas de Terceira, pero quería voltar a ser o Fito que chegou a Galicia e recuperar a confianza que tiña. Quero ter minutos e ser importante. Decidín firmar polo Lemos porque vexo un proxecto interesante e que se está reforzando ben para loitar polo ascenos. Esperemos que volva a encontrarme co gol para deixar ao Lemos o máis arriba posible».
FIL: Que cres que lle podes aportar ao equipo?
FP: «A miña principal característica e que sempre loito por cada balón. Nunca dou nada por perdido e intento estar preparado no último terzo do campo. Intentarei tamén dar toda a miña experiencia e aportar moitos goles ao Lemos».
FIL: O equipo salvouse o ano pasado no límite, pero este proxecto parece moi ambicioso. Cal cres que pode ser o voso obxectivo?
FP: «O obxectivo marcouno tanto a dirección deportiva como o adestrador. Queremos estar o máis arriba posible para tratar de conseguir acadar a promoción. Cando se está facendo un equipo con xogadores con experiencia e con moito talento sempre están as miras en quedar o máis arriba posible. Despois xa serán os resultados os que nos poñan na nosa posición na táboa clasificatoria. Este ano podemos tratar de lograr o que o Lemos quere».