#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Ribadeo descende á Primeira Futgal

Chega o último Trío de Ases O Cantón da temporada 2024/2025. A finalización da Terceira RFEF déixanos o empate entre Polvorín e Racing Vilalbés no derbi. Sarriana e Viveiro non puideron sumar nas súas visitas a Arteixo e UD Ourense, respectivamente. A Sarriana, terceira, e o Racing Vilalbés, cuarto, enfrontaranse nas semifinais do play off polo ascenso.

A Preferente pecha esta temporada con ledicia no sur e tristura no norte. O Lemos gañou na Pinguela ao Galicia de Mugardos e seguirá un ano máis na categoría. Pola contra, malia épica vitoria diante do Sofán, o Ribadeo perde a categoría e xogará o vindeiro ano en Primeira Futgal. O Escairón, xa descendido, caeu no feudo do Sigüeiro e o Pol gañou na súa visita ao campo do Ordes.

A Sarriana perde no campo do Arteixo e non aproveita o pinchazo do Estradense para rematar segunda (4-2)

O mal comezo dos sarriaos marcou o partido. Con pouco máis dun minuto de xogo, Otero puxo por diante aos locais á saída dun córner e pouco despois, nunha falta moi protestada, novamente Otero superou a Javi Liz. Co marcador moi costa arriba, Álex Millán recurtou diferencias cun bo gol. Pero era o día de Otero que antes da media hora de encontro completou un hat-trick. Preto do intermedio Alessandro fixo o cuarto.



No segundo tempo, a Sarriana tivo as ideas máis claras e recurtou diferencias por medio de Gutián. Os trocos na alineación sumados á necesidade de puntos do cadro local para evitar o descenso decantaron o encontro en prol dos branquivermellos.

O Racing Vilalbés empata na no derbi co Polvorín e remata cuarto (0-0)

O encontro comezou con dominio do filial albivermello. Os pupilos dun Dani Galán que retornou ao banquiño do filial, tiveron moita movilidade e superioridade por dentro que lle fixo dano aos chairegos. Maceira contou con dúas boas claras ocasións de gol das que Álex Santomé saiu vitorioso. No último tramo do primeiro tempo o Racing Vilalbés colleu o mando e chegou con perigo á área rival por medio de López e Barroso.



No segundo tempo os de Alberto López foron mellores pero faltoulles acerto cara o gol. Vicente, Barroso e Fito contaron con boas opcións de gol que ás que o gardameta Candal respostou con acerto.

A boa imaxe do Viveiro no Couto non se viu reflexada no marcador (2-1)

O conxunto mariñán amosou unha gran imaxe fronte ao líder da clasificación, o xa ascendido UD Ourense. Os de Adrián Benavides saíron moi ben ao encontro e dificultaron en boa medida o xogo dos locais, que apenas inquedaron no primeiro tempo a portería defendida por Patryk. Antes do descanso, o cadro celeste foi quen de adiantarse no marcador. Carlos gañou unha disputa e cedeu para que Fanego supera a estirada de Dani Sampayo.

No segundo tempo os de Borja Fernández impuxeron a súa lei. Malia todo o Viveiro resistiu por diante o marcador ata os derradeiros vinte minutos de encontro. O empate chegou nun balón á espalda de Herrador que Justino colocou lonxe do alcance do gardameta viveirense. O tanto da remontada chegou soamente tres minutos máis tarde ao rematar Parrilla un saque desde o curruncho.

O Pol remata a temporada con bo sabor de boca tras vencer no campo do Ordes (0-2)

Gran partido dos chairegos, claros dominadores do xogo durante os noventa minutos. Os de Manolo García realizaron un fútbol combinativo, moi vistoso para o espectador, e non tardaron en poñerse por diante no marcador cun gol de Omar. O conxunto local apenas inquedou a portería de Manu Cedrón ao longo dos noventa minutos.

No segundo tempo Cuadrado sentenciou o partido para un Pol que contou con numerosas ocasións para que o marcador fora máis amplo.

O Lemos continua en Preferente tras vencer na Pinguela ao Mugardos (2-1)

Os monfortinos realizaron un dos seus mellores partidos da temporada no momento máis importante. Os de Edu Rodríguez saíron ao campo mentalizados e antes de que se cumprira o segundo minuto de xogo xa estaba por diante no marcador. Un córner botado por Luis rematouno Sergio ao fondo da portería. O Lemos estivo moi preciso co balón e apenas concedeu ningún achegamento ao seu rival nun primeiro tempo no que Armesto e Adri Salgado contaron con ocasións para que o marcador fora máis amplo.

O Mugardos mellorou tras o paso por vestiarios e chegou á portería rival nalgunha ocasión, aínda que sen demasiado perigo. Cos ferrolterráns volcados na procura do empate, Adri Salgado aproveitou unha contra para sentenciar o choque. Xa no minuto 97, Álvaro recurtou diferencias ao transformar un penalti.

O Ribadeo perde a categoría malia vencer ao Sofán nun final non apto pra cardiacos (3-2)

O Ribadeo retorna á Primeira Futgal logo de catorce anos, nos que chegou a saborear en dúas campañas a Terceira División. A gris campaña dos do Pepe Barrera rematou cun descenso que estivo moi preto durante noventa minutos, pero que parecía fuxir cun gol de Mario no desconto.

O encontro non se presaxiaba doado fronte a un Sofán que tamén poñía en xogo a súa clasificación para o play off de ascenso. O primeiro cuarto de hora tivo dominio local e só a gran cantidade de auga existente no campo debido ás fortes choivas impediu a Álex Meitín empurrar a gol un balón servido desde a banda esquerda. A partir do ecuador do primeiro tempo os visitantes fixéronse co mando do encontro e chegaron con perigo á portería de Javi Pita. Á media hora, Braian fixo o primeiro para o Sofán, pero o Ribadeo respostou rápido. Castrín colgou un balón á área e Simón rematou de cabeza ao fondo da portería ante a mala saída do gardameta.

No segundo tempo foron os de Luchi os que levaron máis perigo cara a porta contraria. Kevin Pierre e Roi contaron con boas ocasións, aínda que a mellor tívoa Álex Meitín. O dianteiro xovense foi derribado na área e o colexiado sinalou penalti, pero o atacante lanzou fóra. Ao igual que no primeiro tempo, o Sofán medrou co paso dos minutos e Dani Pena a piques estivo de marcar. Na seguinte xogada, Becerra non errou e volveu adiantar aos de Pablo Torreira.

O Val non eran quen de gañar no campo dun Dubra que xogou con dez todo o segundo tempo e un triunfo ribadense outorgaría a permanencia aos mariñáns. Os celestes lanzáronse á heroica por un gol e este chegou no minuto 89 gracias a un remate de Mario. No tempo de desconto desatouse a euforia con outro tanto de Mario á saída dun córner. O terceiro gol do Val no Juan Baleato cambiou a faciana dos ribadenses que xogarán en Primeira Futgal a vindeira campaña.

O Escairón despida a categoría cunha derrota no campo do Sigüeiro (4-0)

O encontro comezou de cara para os locais. Tino aproveitou un desaxuste defensivo do Escairón para poñer por diante ao Sigüeiro. A partir de aí os de Brais Prados estiveron ben e contaron con boas ocasións para poder empatar o encontro, entre elas un lanzamento ao pao. O filial compostelanista tamén inquedou a portería dun Álex Ávila que realizou boas intervencións.

No segundo tempo o encontro seguiu un guión semellante, pero o baixón do Escairón no último cuarto de hora propiciou a goleada local. Dous goles de Fontán e un de Borja puxeron nos últimos intres do choque o definitivo 4-0.

Foto de portada: Mariluz Fagín.

máxicos

O Ribadeo descende á Primeira Futgal

Os play off de ascenso xa teñen

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *