Os Máxicos de 2025 rematarán en tres xornadas
-
- 0
- 5min de lectura
A Primeira Futgal, protagonizada polos Máxicos Salvatierra Abogados, está chegando a súa fin. Tan só restan 3 domingos para poñer punto e final á temporada 2024/2025, na que aínda se manteñen moi vivas tres loitas: o ascenso directo, a promoción á Preferente e o descenso á Segunda Futgal.
A Milagrosa paga o madrugón na casa do Racing Castrelos (2-0). Os locais foron mellores no comezo, pero Miguel viu como o porteiro local detía un gran disparo cando o resultado aínda era de 0-0. Os dous tantos chegaron no primeiro tempo e, aínda que na segunda metade a Milagrosa estrelou dous balóns no pau e o intentou ata o final, o Castrelos mantivo a renda e levaron os puntos.
O Racing Villalbés ‘B’ e o Foz firman táboas no Roca (2-2). Sucedéronse as ocasións para ambos conxuntos no feudo chairego e, aínda que o Foz se adiantou no 20′, os Máxicos do Racing deron a volta ao resultado en 10 minutos. A segunda metade tamén foi moi vistosa e entretida, con boas actuacións de ambos gardamallas. Finalmente, os mariñáns empataron e os puntos repartíronse en Vilalba.
Á SD Chantada chégalle con pouco no campo do San Lázaro (1-4). Os Máxicos visitantes pisaron o acelerador no primeiro cuarto de hora, pero cando Kadete rematou un gran centro de Michi e puxo o 0-1, a intensidade baixou no Rodríguez Lago. Michi fixo o 0-2 antes do descanso cun disparo coa zurda e, xa na segunda parte, pechou o resultado ao aproveitar un rexeite do porteiro local. Freire fixo un golazo para recurtar diferenzas, pero Damián sentenciou cunha vaselina que supuxo o 1-4 final.
O Outeiro de Rei toma aire tras vencer ao Monterroso (2-1). Os tres goles tiveron lugar no primeiro tempo. A urxencia local fíxose notar con chegadas por bandas e, logo dun saque de banda rápido e unha pena máxima forzada por Saúl, Redondo transformou o penalti para poñer o 1-0. Pouco despois, nun novo saque de banda con Saúl como protagonista, Redondo voltou rematar o centro deste e asinou o 2-0. Nos últimos intres da segunda metade, o Monterroso inquedou a meta local e puxo o 2-1. Na segunda metade, Lorenzo e Yoni deron impulso aos Máxicos vermellos, pero o Outeiro tirou de oficio e mantivo o resultado.
O derbi non deixa contento a ningún (0-0). Pastoricense e Meira xogábanse moito no Acebreiro, e o duelo mantívose moi igualado: os locais buscaban o dominio posicional e os visitantes transitaban con perigo. Nun contragolpe, o Meira viu como un balón que ía ao fondo das mallas quedaba nunha pequena poza e non entraba, mentres que o Pastoricense deu un paso adiante na segunda metade e gozou de varias opcións: dúas a balón parado e dúas con ataques verticais. Ao final, o reparto de puntos deixa a ambos na zona de descenso directo.
O Guntín segue en boa dinámica a costa do Taboada (2-1). Aínda que a primeira parte estivo igualada, os Máxicos locais foron mellores na definición e asinaron un gran gol para chegar coa renda ao descanso. O Taboada levou a iniciativa no segundo tempo, pero outro gol local —neste caso de Borja— e unha falta moi protestada polos visitantes ao entender que tiña que tratarse dun cartón vermello impediron aos de Martín Murado sacar nada positivo do Ladairo que viu como o Guntín defendeu a renda logo do 2-1 (neste caso desde os once metros) para levarse o botín que había en xogo.
O Xove é mellor na Santa Cruz (0-2). O plan de partido visitante saíu á perfección e Cora fixo de verdugo diante dun Lourenzá que non estivo atinado co balón e que viu como un dos equipos revelación da temporada sacaba os tres puntos no feudo laurentino.
O Castro non da opción á Residencia (0-3). Os Máxicos de Dumi asinaron a mellor primeira metade da temporada para avivar a loita pola promoción de ascenso. Un gol de Marco e dous tantos de Hugo Buide antes do descanso inclinaron a balanza a prol dun Castro que mantivo a renda tras o descanso ante os intentos locais —sen éxito— de reducila nun partido gris dos de Rafa Casanova.
O Burela vence ao Santaballés e saca 6 puntos de 9 que restan (3-0). Os Máxicos chairegos chegaron con baixas á Marosa, pero os mariñáns estaban precipitados ata o primeiro gol, que chegou nun saque de esquina. Jairo López ampliou a renda na reanudación, nunha boa xogada na que David puxo un gran balón na área, e Yago sentenciou cun tiro desde fóra para deixar os puntos na casa do líder.
O Chantada Atlético supera ao Oural na recta final (3-2). Os chantadinos foron pragmáticos na primeira metade, pero tamén gozaron de oportunidades que Adri detivo con mestría. O Oural, pola súa banda, puxo o 0-1 antes do descanso nunha boa transición iniciada e culminada por Yago. Os Máxicos do Sangoñedo fixeron o empate xusto á volta dos vestiarios, pero os sarriáns aproveitaron a calidade de Cayuela para poñer o 1-2. Na recta final, porén, o empuxe local supuxo o 2-2 e, na recta final, Joselu (con ficha do filial chantadino) puxo o definitivo 3-2 para deixar tres puntos de ouro na casa.