#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

O Goiriz xa acariña o ascenso

O Tres en Raia En Boas Mans Fisioterapia déixanos ao Goiriz ás beiras do ascenso no grupo norte. Os chairegos venceron con claridade ao Abadín e un triunfo no campo do Matela dexiaría aos de Manu Veiga co pase definitivo a Segunda Futgal. O Castroverde mantén a súa xeira vitoriosa cun apretado triunfo fronte ao Roupar e o Cazás voltou á senda da vitoria diante da Comercial.

No grupo sur a igualdade é máxima. O Monterroso B venceu comodamente ao Relámpago Taboada e mantén o liderado. O Sober, nun dos encontros da xornada, venceu a un Sporting Lucense que suma a segunda derrota consecutiva. O Corgo está a dous puntos da segunda praza tras dobregar á Sarriana B.

GRUPO NORTE

O Goiriz golea a un Abadín en cadro (4-0). As ausencias condicionaron aos de David Lorenzo que acudiron ao encontro con só doce xogadores. O líder dominou e chegou con claridade ás inmediacións da portería de Víctor. Aos 35 minutos Fidel abriu a lata, pero o tanto non modificou o plantexamento dos visitantes, agazapados en defensa na procura dunha boa contra. A saída ao campo no segundo tempo non puido ser mellor para o Goiriz. Álex aproveitou un erro defensivo para facer o segundo e dun xeito semellante logrou o terceiro. O cansanzo fíxose dono do Abadín, que cun xogador lesionado tivo que aguantar con dez o último tramo do encontro. Preto do final Vizoso anotou o cuarto e definitivo gol.

O Castroverde vence pola mínima a un guerreiro Roupar (2-1). Primeiro tempo de claro dominio local. Os de Iago Núñez saíron ao campo dispostos a refrendar o seu gran momento e non tardaron a poñer a proba a un gran Anxo na portería. Un penalti transformado por David puxo por diante a un Castroverde que puxo terra de por medio grazas un bo gol do eterno Richard. A renda dos locais puido ser máis ampla se non fora polas boas paradas do gardameta chairego a remates de Ángel e Borja. Ángel Pena moveu o banco no descanso e os trocos deron o seu froito. O Roupar mellorou notablemente e logrou recurtar diferencias nunha boa xogada de Moha que culminou Xoel. Nos últimos intres, os visitantes contaron con ocasións para acadar o empate.



O Cazás vence á Comercial e sigue crendo no ascenso (2-0). Catro xornadas despois o Cazás volveu gañar e non se da por vencido na pelexa polo ascenso directo. O mal estado do Catro Ventos fixo que o encontro se xogara no mítico campo da Veiga en Momán. Aínda que o seu estado non era o mellor permitiu a disputa dun encontro no que o Cazás foi superior nun primiero tempo no que contou con grandes ocasións, moitas delas desbaratadas polo gardameta Pepe. Só Héctor foi quen de superar ao porteiro lucense. No segundo tempo a Comercial deu un paso adiante na procura dun empate que non chegou. Iago, a falta dun cuarto de hora, fixo o segundo e definitivo gol ao transformar un penalti cometido a él mesmo.

O Catro Roldas leva o derbi co Rioaveso e suma a terceira vitoria consecutiva (4-1). Foi mellor un enrachado Catro Roldas, aínda que o Rioaveso non mereceu saír goleado da Canteira. As liñas moi xuntas dos de Coto impediron o xogo fluido dos visitantes. O laurentino Pepe inaugurou o marcador aos cinco minutos ao rematar un saque desde o curruncho. O Catro Roldas fixo moito dano ao Rioaveso á contra. Así chegou o segundo gol obra de Yáñez. Reaccionaron os de Asier Lozano e Álex Anido disparou desde longa distancia, resultado imparable para Torrente. Foron os mellores minutos dos visitantes, pero o Catro Roldas castigaba con cada contra. Así chegou o terceiro gol obra de Óscar. Tras o intermedio o Rioaveso gozou de boas ocasións, sobre todo de saída, que non foron quen de aproveitar. A sentencia chegou nun balón que quedou parado na lama que Samu recolleu e convertiu o cuarto tanto.

O Matela vence ao Friol B e case garante a súa presencia no play off (2-4). Os visitantes foron mellores no primeiro tempo. As modificacións tácticas de Cuchy deron o seu froito e Torito abriu o marcador cun gran lanzamento de falta. Pouco despois, nunha rápida transición Pablo fixo o segundo. Recurtou diferencias o conxunto local logo de errar dúas claras ocasións. O Matela castigou os erros locais con dous novos goles antes do intermedio. Tras o intermedio os visitantes baixaron revolucións e o Friol B tivo o balón e varias ocasións para recurtar diferencias. Soamente Brais foi quen de anotar para os de Bruno Castro e os puntos marcharon para os de San Lourenzo de Aguiar.



GRUPO SUR

O Monterroso B adxudícase o derbi fronte ao Relámpago Taboada e mantén o liderado (5-0). O filial monterrosino asediou a portería dun destacado Cidre. Balbino e Martín Rivas gozaron dunha doble ocasión nada máis comezar. Isma e Martín tiveron tamén opción de poñer por diante aos de Pampín, pero o gol resistiuse ata o segundo tempo. A boa labor da zaga do Relámpago impediu que se viran goles, ata que tras unha hora de encontro o xuvenil Unai desatascou o choque. Co marcador a favor o Monterroso B xogou máis tranquilo nos últimos dez minutos chegaron catro goles. Carlos, VV, Isma e Diéguez, tamén en idade xuvenil completaron a goleada.

O Sober é segundo tras vencer a un Sporting Lucense que suma a segunda derrota consecutiva (3-1). Os de Iban Lagoa castigaron os erros dun Sporting Lucense que suma por primeira vez dous encontros perdidos na termporada. Luaces e David Piñeiro puxeron en clara vantaxe ao Sober antes do descanso. Tras o intermedio os visitantes foron mellores e xeraron varias oportunidades de gol. Só Zoum atinou coa portería contraria e xa no desconto co Sporting Lucense volcado David Piñeiro sentenciou.

A veteranía do Corgo impúxose á xuventude da Sarriana B (1-3). O acerto nas áreas resultou determinante. Os de Abel Rochela, sen realizar un partido soberbio, mantivéronse firmes en defensa e aproveitaron a súa ocasión grazas a un tanto de Jordi tras servizo de David. O filial sarriao, ben situado en defensa, non estivo atinado en ataque. A presión do Corgo na saída ao campo no segundo tempo deulle os seus froitos e en dez minutos chegaron dous goles, obra de Lois e Raúl. Unha lesión no último cuarto de hora cos trocos realizados deixou ao Corgo con dez, feito que aproveitou a Sarriana B para recurtar diferencias.

O Carballedo infrinxe a segunda derrota seguida ao Taboada B e métese en play off (0-2). Primeiro tempo no que o Taboada B tivo o control do balón cun Carballedo ben situado en defensa e saíndo á contra con certo perigo. Así chegou o primeiro tanto do partido obra de Doval. Os de Jacobo Vázquez dominaron antes do descanso e Xavi obrigou a intervir con acerto ao porteiro Víctor. Pita e Yoni tamén tiveron ocasións moi claras. No segundo tempo o encontro seguiu unha tónica semellante e o Carballedo sentenciou noutra contra que culminou Chej. As paradas de Víctor resultaron decisivas para os de Adrián Pateiro tamén no segundo tempo.

Chantada Atlético B e Río Sil empatan nun encontro de alternativas (3-3). Primeira metade parella na que os visitantes logran adiantarse cun gol de Manu tras rematar un centro lateral. Diego non tardou en igualar o choque cun bo tiro cruzado, pero antes do descanso de novo o Río Sil púxose por diante. Tras o intermedio saiu mellor o filial chantadino e á saída dun córner Anxo puxo de novo as tablas no marcador. Nunha xogada protestada polos locais ao considerar que non existía falta Manu Díaz fixo o terceiro para os visitantes. No último tramo de partido, Noel igualou tras unha boas asistencia de Iago. Os de Ivi Gayoso volveron a protestar a actuación arbitral nos derradeiros intes de encontro tras varias accións para a polémica.



O Goiriz xa acariña o ascenso

O partido en imaxes: Milagrosa 0-2 San

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *