Volven os Máxicos no seu tradicional formato, pero cunha gran novidade. Agora, Futbolinlugo cubrirá tamén partidos do Grupo 6, pola presenza da Milagrosa. Logo dunha intensa xornada de domingo, os equipos da provincia comezaron unha temporada prometedora.
Oural 1-1 Pastoricense: o cadro local dominou o choque, particularmente nunha primeira metade na que fixeron dano coa presión alta e tamén co ataque posicional que lle producía atrancos ao cadro de Basi. Porén, a calidade de Manupa puxo o 0-1 mediado o segundo tempo e o Oural tan só conseguiu anotar o tanto do empate nunha acción a balón parado. Pese ás numerosas chegadas dos do Luis Pallín, Carlos erixiuse como o heroe do Pastoricense e permitiu aos seus sacar 1 punto da primeira xornada.
Chantada Atlético 1-0 Residencia: o duelo estivo moi parexo e ambos equipos gozaron das súas opcións. Adrián Román enviou un balón ao longueiro no primeiro tempo e os capitalinos protestaron un penalti, mentres que a Residencia estivo mellor no comezo do segundo tempo e a piques de anotar por medio de Yago ou Dani Renda, un dos Máxicos da semana. Porén, finalmente foi Javier o que puxo o 1-0 definitivo cun centro-chut que entrou pegado ao pau para deixar os tres puntos no Sangoñedo.
Burela 2-1 Lourenzá: adiantáronse os visitantes nunha boa xogada de Garrafín que culminou Yago, pero dous erros en defensa dos laurentinos pouco despois foron aproveitados por Jairo para poñer o empate, primeiro, e o 2-1 intres máis tarde. Na segunda metade, ambos conxuntos subiron o ritmo: o Burela viu como se lle anulaba un gol por fóra de xogo, mentres que o Lourenzá protestou moito unha acción na que se lles cortou unha acción clara de gol. Ao final, os 3 puntos quedaron na Marosa.


Santaballés 2-3 Guntín: os máxicos do Guntín mostráronse máis eficaces, especialmente a partir do minuto 20′. Antes, o Santaballés gozou dun envío ao traveseiro, pero os visitantes aproveitaron unha dúbida na defensa local para poñer o 0-1. Porén, os máxicos chairegos non lle perderon a cara ao duelo, que se mantivo parexo ata o descanso.
Na segunda metade, unha boa transición visitante supuxo o 0-2 e, ao tempo, o 0-3 que se antoxaba definitivo. A entrada de Novás no cadro de Freire permitiu que o Santaballés crese na remontada. Provocou tres penaltis case consecutivos, aínda que tan só se anotou o segundo (1-3). Vérez puxo o 2-3 preto do final, pero non gozaron de máis opcións para empatar un duelo tolo no que os puntos marcharon para o Ladairo.
Moita emoción no primeiro derbi dos Máxicos
Castro 1-0 Outeiro de Rei: a primeira parte estivo igualada, con opcións para máxicos locais e visitantes, aínda que os erros e a incertidume foron protagonistas. Na segunda metade, o Castro conseguiu anotar o gol e foi quen de dominar o xogo, con numerosas ocasións e con moito xogo posicional que facía dano a un Outeiro de Rei que se viu superado. Ao término dos 90′, o 1-0 se mantivo no Arturo Pereiro.

Monterroso 0-2 Racing Villalbés ‘B’: comezaron mellor os locais, con moito ritmo e ocasións. De feito, gozaron dunha pena máxima que detivo Duarte e, logo de perdoar, Gabri aproveitou un centro de Rui para poñer o 0-1. Tras o gol, os de Cerdeiriños procuraron o empate, pero con menos claridade, ata que Diego sentenciou nunha falta cando xa se achegaba o asubío final.
San Lázaro 2-2 Xove Lago: o San Lázaro foi mellor ao longo do primeiro tempo, e Jul anotou o tanto que o confirmaba. Tras a reanudación, a tónica non variou e chegou o segundo gol, obra de Freire (un dos Máxicos da xornada). porén, cando máis controlado parecía o choque por parte dos celestes, os mariñáns tiraron de orgullo e anotaron o 2-1. Xa na recta final, un Xove Lago volcado obtivo o premio do empate cun gol en propia meta do cadro local que supuxo o definitivo reparto de puntos.
Taboada 3-1 Foz: os de Martín Murado foron superiores no primeiro tempo. Xa no minuto 1′ mandaban no electrónico tras un gol de Gabri e, pouco despois, o propio Gabri enviou ao fondo das mallas un disparo de Moski que fora rexeitado. A segunda metade estivo máis parella, con chegadas por parte dun Foz que anotou o 2-1 e estivo preto do empate, pero unha falta lateral rematada por Moski —que volve estar entre os Máxicos da semana— supuxo o definitivo 3-1.
Meira 0-2 SD Chantada: o plan de partido, cun gran repliegue, saliulle ben aos Máxicos dun Meira que vían como a SD dominaba o coiro pero non chegaba con claridade e, as veces que o facía, Jorge salvaba as ocasións visitantes con moita solvencia. Os locais, pola súa banda, facían dano en transicións e con disparos desde media distancia. Porén, a insistencia dos de Traste deu os seus froitos preto do minuto 80′, cando Kadete anotou unha pena máxima para poñer o 0-1 e, xa moi preto do final, Pedro aproveitou un man a man para conseguir o definitivo 0-2.
