Na Segunda Galicia, chega unha incorporación galáctica ás Rapadas. O Páramo ficha a Jorge Lombardía. O extremo procede da Residencia sénior e prevese que dea un salto de calidade ao cadro de Jony Lombardía. Tamén ficha a Rodri, que chega dende a Residencia xuvenil. O centrocampista vén de xogar na Liga Galega.

Un chanzo máis abaixo, na Terceira, o Roupar ficha a Sergio Alén, dianteiro que procede do Lago Sport FS e tamén a Xan, medio con pasado no Esteo FS. Pola súa parte, o Goiriz incorpora a tres fichaxes máis que veñen da man do míster Veiga. Chega Seara procedente do Guntín, Jose Teijeiro (que a última tempada xogou no Muimenta) e Piraña, que levaba unha tempada sen xogar.
Por último, a Sarriana B aposta por un antigo defensa da Milagrosa xuvenil. Brais Páramo chega á Ribela para apuntalar a zaga dos de Raúl Fernández. Non estará só. Saúl Fernández Gato cambia o Cabreiros por Sarria. E na sala de máquinas, súmase Pablo Orille (ex de Meigallos FS).

No fútbol feminino, ambos equipos do CD Lugo contan con novidades. O conxunto de Terceira RFEF suma a filas a Candela Vázquez (non confundir coa tamén defensa natural de Becerreá). A atacante de Ribadeo procede do Real Oviedo. Ademais, ficha á porteira santanderina Edurne. A gardamallas procede da UD Logroñés. No equipo ‘B’, apostan polo gol coa incorporación de Lucía Latas ‘Luchy’. A futbolista atopábase sen equipo.


E para despedirnos, falamos tamén das mulleres-gol do PM Friol. O cadro presidido por Geluco Villar incorpora ás dianteiras Baboule (sen equipo) e Potassa (La Solana). Ambas acompañarán a Yoleidis Lizcano, que cumpre a súa terceira campaña na Reigosa.