A Real Federación Galega de Fútbol organizou este luns no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo unha xuntanza cos clubs da provincia. A reunión comezou con retraso, durou preto de tres horas e desenvolveuse nun ambiente tenso por momentos, logo dos problemas xurdidos coa reforma das ligas no fútbol sénior (Primeira Futgal) e no base.
Varios clubs amosaron a súa indignación coas novas competicións nas categorías infantil, cadete e xuvenil por mor dos desprazamentos. Presentaron un escrito para denunciar esta situación que consideran de desigualdade.
Namentres, deuse a coñecer o formato de competición da Segunda Futgal. A liga comezará a fin de semana do 15 e do 16 de setembro e dividarase en dous grupos como vén acontecendo habitualmente. Ascenden de xeito directo o primeiro clasificado de cada grupo.



Un play off con dous equipos de Lugo e dez da Coruña
A novidade está no número de equipos que xogarán o play off. Só participarán na fase de ascenso os segundos clasificados de cada grupo. Pódense enfrontar na promoción a conxuntos da delegación de Ferrol, da Coruña, de Santiago ou da Costa da Morte.
Entrarán nesta fase doce equipos (só dous de Lugo) e ascenderán tres. É dicir, será un play off con dúas eliminatorias (ida e volta). O número de descensos na Segunda sería de dous en cada grupo, a espera de que puidese haber algún arrastre.
No anterior sistema a provincia de Lugo tiña asegurado catro ascensos á Primeira. Agora co novo formato só tería dous seguros e unha posibilidade remota de lograr catro.

Non se sabe cando sairá o calendario da Segunda. Agora mesmo hai dezaseis equipos definidos en cada grupo, pero aínda non é fixo que conxuntos como o Cospeito saian finalmente a competir. En función diso, pode cambiar o número de integrantes da Terceira Futgal que tamén quedaría dividida nunha zona norte e noutra sur con doce equipos en cada unha.
A liga na Terceira comezaría a penúltima finde de setembro (21 e 22). Non habería cambios no formato e continuarían subindo de xeito directo os dous primeiros clasificados. Ademais, habería un terceiro ascenso en cada grupo en base a un play off no que participarían do 3º ao 6º.
En Lugo a situación da Milagrosa está no aire
Nos próximos días trataremos de profundar en varios dos temas tratados na xuntanza. Aínda está pendente de saberse en que categoría xogará a Milagrosa sénior o curso que comeza en menos dun mes. O club capitalino foi descendido por arrastre ao ser o peor cuarto ‘pola cola’ dos grupos da Primeira. Unha interpretación da norma deixouno sen o seu posto na categoría cando o cadro ourensán da Peroxa pensaba que ía ser o que baixaba.
Agora, a renuncia á competición do Ribadavia (aínda non é oficial) abriríalle á o club de Frigsa a opción de manterse na división. Logo da reforma e ás vistas do descenso por coeficiente da Mila, enténdese que a Primeira Futgal é un todo no que os equipos se xuntan e logo se reparten por grupos.
O artigo 197 do regulamento xeral da Federación indica que a RFGF determinará, de ser posible, a cobertura da vacante ou vacantes na respectiva división na que se produzan, de acordo aos seguintes criterios que se aplicarán polo súa orde»
a) Naqueles supostos nos que descenderan clubs adscritos a un grupo dunha división, non por razón da súa clasificación senón como consecuencia de incorporarse un terceiro da división superior, e posteriormente se producira neste algunha vacante ou vacantes por renuncias ou retiradas, corresponderá en todo caso a aqueles, na orde inversa a tal descenso, o mellor dereito para cubrilas (descenso por arrastre)
Con todo, esta posible reinserción da Mila podería obrigar a cambios nuns grupos que xa están conformados.