Unha vez conformada a Primeira Futgal, nos próximos días iremos coñecendo os calendarios das categorías que comezan a súa competición a fin de semana do 8 de setembro. O vindeiro luns saberemos a folla de ruta dos equipos da Terceira RFEF onde xogarán o Viveiro, o Racing Villalbés, o CD Lugo B e a Sarriana. Mentres tanto, o capítulo 437 do Diario dun Mercado segue relatando os movementos da provincia.
Na Preferente, o Ribadeo ficha a Pedro Henriquez do Nascimento ‘Pedrinho’, lateral ou extremo esquerdo procedente do Pol. Anteriormente xogou no Outeiro. Trátase da oitava fichaxe do club ribadense, ademais da chegada aoborimeiro equipo do porteiro Aarón Alonso procedente da SD Ribadeo.
Na Primeira, o burelao Miguel Gomes e o focense Yeray Paleo van continuar no Burela. Ambos completarán a súa cuarta campaña no club da Marosa. .
Pola súa parte, o Xove Lago anunciou a continuidade de Héctor Piñera. O defensa de Xove vivirá a súa terceira tempada no club tras pasar pola canteira do Viveiro. En cambio, todo apunta a que non seguirá Carlos Lorenzo ‘Charly’. O defensa de Ortigueira regresara ao Xove o curso pasado. Se nada cambia xogará a próxima tempada no Cedeira, tamén en Primeira Rexional.


No Meira comunicaron a renovación do central Mateo Gorgoso. O lucense chegou o curso pasado á Lomba procedente do filial do CD Castro. Manolo García xa conta con dezasete xogadores do primeiro equipo.
Baixamos ata a Ulloa porque se produciu un dos movementos do verán. Xa hai unhas cantas semanas que sabemos que Jesús Melendo non continuaba na estrutura do Antas nin como adestrador nin como porteiro. O gardamallas volve ao Monterroso aos seus 35 anos.
No 437, continuidade na Segunda
Na Segunda Galicia, o Folgueiro mantén no seu proxecto a Ángel C., Paguato, Ladra, Ángel, o goleador Erni, a Lalas que chegou o pasado curso para os últimos meses de competición e aos capitáns Zeus, Kiños e Pedro.

O Xermade anunciou a non continuidade de Miguel Gegúndez nin do o meta pontés Juan Bellas (xa se sabía que seguía o seu irmán, Diego Bellas ‘Chungui’). Con todo, a portería do Xermade está cuberta coas renovacións de Ángel Prieto e Juanxo e a fichaxe de Alberto.
No Guitiriz vai continuar Jesús. O porteiro dos Villares iniciará a súa décimo quinta tempada no único club de fútbol sénior que agora queda no seu concello.
Na Terceira, o porteiro Alberto, o defensa Iván Croa e os medios Diego e Veiga renovan no Mondoñedo. Ademais o club do Viñas da Veiga incorpora a Óscar, xogador mindoniense que estaba no Lourenzá.
Iván Basanta convértese na oitava fichaxe do Catro Roldas. O último equipo do defensa de Cospeito foi o cadro xuvenil do club cospeités.
O Matela xa ten porteiro. Incorpora a Eduard, cuxo último equipo sénior foi o Castroverde. Agora procede dos veteráns. Iván Matías e Hugo Núñez continúan no club.

Abel Rochela continuará na coordinación deportiva do Corgo. Será ademais adestrador do primeiro equipo e do xuvenil. Completou a tempada pasada e xa chegara ao cargo de técnico do primeiro equipo no curso 22/23. O capitán David Cabado tamén segue.
No filial do Chantada vai continuar Iker. Ademais Nico e Valdés incorporanse definitivamente tras finalizar a súa etapa xuvenil.
No 437, unha lucense que segue en Compostela
No futfem, a porteira de Taboada María Suárez continuará xogando na capital de Galicia. A ex gardamallas do Antas xa se estreou en convocatorias co primeiro equipo do filial do Victoria de Santiago (xoga na Terceira Federación, a mesma que o CD Lugo e o PM Friol). Non entganto, o seu club habitual é o filial de Primeira Galega no que acumula dúas tempadas.