O 25 de xullo sempre é unha data de moitos preparativos para os equipos da provincia. Algúns xa comezaron as sesións de adestramento e outros iniciaranas nos próximos días. Por exemplo, o luns que vén inicia a pretemporada o Racing Villalbés comandado por Alberto López dende o banco. Rubén Barrios será o segundo adestrador, Antonio Lamas preparará aos porteiros e o ex adestrador da Comercial, Andrés Rodríguez realizará funcións de scouting.
No episodio 436, un All Star para o Racing Villalbés
Precisamente, o club chairego anunciou a que pode ser unha das últimas incorporacións para a nova temporada. O atacante All Star 2024 Adri Deán ficha no equipo da Madalena. O xogador de 19 anos tivo unha gran irrupción no fútbol sénior, aínda no seu último ano de xuvenil. Tras pasar pola canteira do Viveiro, regresou á SD Burela e foi un dos futbolistas chave na gran temporada do cadro verde na Primeira Galicia.
Adri Deán é a décima fichaxe do conxunto racinguista. A maiores tamén se produciu o regreso de Noel Teixeiro. Logo de rematar a súa etapa de xuvenil no CD Lugo, Noel terá ficha do filial. Iso si, comezará a pretemporada co primeiro equipo.
Pola súa parte, o filial do CD Lugo recuperou para a causa a Álvaro Herrero. Logo de estar na canteiro do cadro albivermello, o extremo lucense pasou polo Pol e as últimas dúas tempadas militou na Sarriana.


No episodio 436, Manu Cedrón continúa no Pol
Na Preferente que comezará a fin de semana do 8 de setembro, o Pol mantén no seu cadro ao gardamallas Manu Cedrón. O porteiro vivirá a súa terceira temporada no club, desta volta adestrador polo ex meta Roberto Fernández.
O Escairón continúa conformando o seu equipo. Refórzase coa chegada de Miguel Salgado ‘Miguelín’. O lateral dereito de Monforte procede do Club Lemos onde militou as ultimas sete temporadas. Anteriormente tamén xogara no Bóveda. O club do Saviñao tamén renovou ao porteiro Macía, a Yosu e a Toni Álvarez.


Maikel deixa o Xove Lago
Na Primeira, que xa ten os seus grupos confirmados, salienta unha saída. Maikel pecha o seu ciclo no Xove Lago. O talentoso mediapunta medita a súa retirada, ao tempo que estuda as ofertas que ten sobre a mesa. Aos seus 35 anos, o de Cervo remata unha etapa de dez anos no Xove.
Baixando ata Meira, sabemos que Manuel Méndez ‘Camacho’ será o segundo adestrador do equipo da Lomba. Ao igual que as dúas pasadas temporadas, formará corpo técnico con Manolo García.
Collendo a LU-120, pasamos por Vilalba para chegar a Santaballa. Os pupilos preparados por Roberto Freire teñen un novo compañeiro para o ataque. Trátase de Sergio Cazás. O dianteiro pontés procede do Cabreiros onde foi o máximo goleador da Segunda Galica norte hai dous cursos.

Jaime Matouse regresa á Candelaria logo da incompatibilidade de Simón
Na Segunda Galicia, Simón Rodríguez non continúa como adestrador da Candelaria. O tamén ex capitán do cadro da Rúa deixa o posto por motivos laborais. Jaime Matouse regresa ao club no seu canto. O conxunto da Granda anda na procura de xogadores para completar o seu cadro.
O Iberia ten novo presidente. Tal e como adiantou El Progreso, Marcos Rodríguez Rañón encabeza a nova directiva logo da non continuidade de Noela Fernández Soto. O ata agora futbolista e capitán do primeiro equipo asume este novo rol, tras xa formar parte de anteriores directivas.
Na zona sur, Javi Gómez seguirá liderando dende o banco o Becerreá. Logo de poñerse á fronte do corpo técnico tras a saída de Antón Méndez, renova como adestrador despois de loitar polo ascenso a Primeira e xogar a final da Copa Deputación.
Rubén Candal, míster do San Lázaro
No futfem destacamos que Rubén Candal é o novo adestrador do San Lázaro feminino logo da non continuidade de Luchi. Rocío, Eukene, Lourdes, Sara e María Loreto son as únicas baixas con respecto á campaña pasada.
Con respecto ao fútbol base, Peña continúa como coordinador deportivo do Sporting Pontenova. Ademais adestrará ao xuvenil do cadro pontenovés.