Os movementos non se deteñen na provincia nin fóra dela. Comezamos pola Terceira RFEF neste capítulo 404. Segundo adianta a edición da Mariña de La Voz de Galicia, o Viveiro renovou ao central Diogo Petiz, que se incorporou ao equipo no último mercado de inverno; e ficha a Hugo López ‘Chucas’, tamén central que procede do Arzúa.
Chucas, defensa da Coruña, vén de facer 21 anos e pasou pola canteira do Deportivo, o Ural e tamén o Compostela. Debutou como sénior no Sigüeiro en Preferente e o curso anterior militou no cadro arzúan onde xogou a maioría dos partidos de liga.
Nesta mesma categoría, outro central é protagonista. Xusto Pardeiro é baixa no Betanzos. O central de Foz dálle unha pausa a súa actividade futbolística para recuperarse ben das molestias que leva arrastrando este curso. A idea do defensor, ex do Foz, Viveiro ou Racing Villalbés, é continuar xogando en canto poda, sexa en Terceira ou nunha categoría inferior.
Na Preferente, o recén ascendido Escairón comeza a preparar a nova campaña. Tal e como anunciou na conversa do Ser Deportivos Lugo por medio de Futbolinlugo, Denis seguirá capitaneando ao club do Saviñao. Pola contra, segundo adiantou a conta de instagram @palcouvipeurosport, o adestrador Iván González non seguiría no Escairón.
O técnico ourensán remataría así a súa estancia dunha tempada e ficharía polo Meliás ourensán. O club do Pereiro de Aguiar, a un cuarto de hora da cidade de Ourense, compite en Primeira Galicia. O mesmo camiño realizaría Rucho Sotelo. Nesta tempada que estivo no Escairón, o dianteiro foi o máximo goleador do equipo con 15 goles. Regresaría deste xeito ao seu equipo de procedencia, tamén o Meliás.
Na Primeira Galicia, o Martínez Otero de Foz vive na matinal deste domingo a despedida de dous dos seus futbolistas. Óscar Reigosa Val ‘Canario’ pon fin a súa traxectoria deportiva con 41 anos. Colga as botas no club da súa vila no que nesta última etapa estivo durante nove anos.
Todo apunta a que o gardamallas Tomy tamén colgará as lubas. O meta lucense fará 35 anos en xullo e remataría así unha etapa de dous anos no Foz. Ademais pasou por outros clubs da Mariña como o Ribadeo, o Valadouro, o Burela e o Viveiro.
Un dos movementos máis destacados na categoría produciríase en Castro. Logo do descenso, todo apunta a que Diego Pardeiro ‘Dumi’, ata o de agora xogador e director deportivo, pasaría a ser o adestrador. A falta de confirmación oficial, Lois, o seu compañeiro na zaga, podería ser o seu segundo.
Pola súa parte, no Xove Lago comunicamos dúas baixas. O dianteiro Diego Fernández non continúa por motivos laborais tras dúas temporadas no club. O defensa de Ortigueira Unai Martínez marcha para regresar a UD Cebarca, o club coruñés de Cerdido do que procedía que competirá na Segunda Galicia de Ferrolterra.
Para rematar, comentamos máis retiradas. Lucas, Antón Campello e Driver retíranse nunha Comercial que semella ter moitos cambios no cadro de xogadores da vindeira campaña.