O Celta Barreiros e o Páramo continúan como líderes dos grupos lucenses da Terceira Galicia. O Celta Barreiros conta todos os seus partidos como vitorias. Na fútbol sénior provincial só o gañaron todo o Celta Barreiros, o Pol e o CD Lugo B fem. O Páramo con sete triunfos e un empate tamén segue invicto.
grupo norte
Oito de oito para o Celta Barreiros ao gañar en Goiriz (0-4). 24 puntos, 25 goles a favor e só 4 en contra son os rexistros do Celta Barreiros. Conta con sete puntos de marxe co segundo clasificado e nove co terceiro. Na última xornada volveu deixar a portería a cero ante un Goiriz que queda a dous puntos da fase de ascenso.
Entraron ben os visitantes no partido. Dous goles na primeira media hora (Hugo e Javi Andina). Mellorou o Goiriz coa desvantaxe. Pero no segundo tempo volveu marcar dous o Celta Barreiros: Casanova e o segundo de Javi Andina.
O Casás impide que o Catro Roldas se achegue á promoción (5-2). O equipo capitalino continúa nunha boa xeira de resultados. Seis partidos seguidos sen perder. Está segundo (posto de ascenso directo) con dous puntos de marxe sobre o Castroverde e o Rioaveso. O Catro Roldas está a cinco puntos do play off.


Non foi un gran partido do conxunto preparado polo tándem Álex e Diego Barreiro, pero acabouno gañando con solvencia. Adiantouse por medio de Dani. Ao pouco, igualou o Catro Roldas. No segundo tempo, puido remontar o equipo de Román, pero foi Roberto quen anotou para o Casás. Tras el tamén golearon Juan e Brayan. A balón parado recurtou distancias o Catro Roldas. Na recta final Cristian puxo o definitivo 5-2.
O Celta Barreiros – Casás deste sábado ás 16:15h no Cascabeiro pode significar moito para ambos. No caso de gañar os locais, serían oficialmente xa os campións de inverno do grupo norte.
O Rioaveso segue dando pasos coa terceira vitoria seguida ante o Cazás (1-0). Os dous equipos chegaban con doce puntos nos postos altos. Foi o Rioaveso quen sumou o quinto triunfo do curso e o terceiro seguido.

O estado do terreo de xogo marcou o partido. Pouco fútbol combinativo en calquera dos dous conxuntos e escasas ocasións. O encontro decidiuse cun gol de Álex Anido tras unha falta pateada por Mario.
Tras superar ao Cazás, o Rioaveso volve xogar na casa ante un rival directo. Recibe ao Celeiro o sábado ás 16:15h en Paraños.
O Celeiro entra en promoción ao superar a Piringalla (4-1). Duelo directo por entrar nas prazas de promoción. O Celeiro marca agora esa zona con dous puntos máis que o Goiriz e catro máis que o seu rival da pasada xornada.
Con todo, o partido púxose de cara para a Piringalla. Marcou Cristóbal a balón parado nada máis comezar e marchou gañando ao descanso. Grazas, en parte, a boa actuación do porteiro Manu. No segundo acto, Brais e Karchi remontaron o encontro para os locais. X. Mateo e Javi Rivera anotaron dous máis.

A Comercial B queda sen adestrador e perde ante un Friol B que gaña por primeira vez (2-3). Na parte baixa viviuse un duelo de filiais que espertou ao Friol. Logrou o primeiro triunfo e suma catro puntos. É penúltimo, a tres puntos do antepenúltimo (Comercial B). Miguel Fernández deixou de ser o adestrador da Comercial B.

Tamén empezou gañando o equipo que finalmente perdeu. A Comercial B púxose por diante. Pero os visitantes remontaron rápido. Os locais tentárono pero só foron capaces de marcar o segundo gol ao final.
Miguel Fernández deixou de ser o técnico da Comercial B. Prevese que estes días colla o equipo, Manuel Prieto xogador veterán que estaba dentro do filial.
O Matela vence por primeira vez e ao Castroverde, rival da zona alta (2-1). Reactivouse tamén o Matela sumando por fin de tres. Acumula catro puntos (empatado co Friol B). A vitoria local quitou ao Castrovede do posto de ascenso directo. Agora queda a dous puntos.
Novo adiantou cedo aos seus. Antes do tempo de lecer, o Castroverde empatou por medio de Pablo cun remate na área pequena. No segundo tempo, ambos conxuntos tiveron ocasións para marcar. Nacho estivo moi acertado na portería do Matela. E Santi Carballido conseguiu o gol do triunfo na porta rival.
O Friol B, o Matela ou ambos volverán puntuar esta fin de semana. Xogan xuntos o sábado ás 16:15h na Reigosa.
grupo sur
O líder Rubián remonta logo dun inicio dubitativo ante o Chantada Atlético B (4-1). Comezou moito mellor o equipo filial, que se adiantou no primeiro minuto do choque, pero os locais non tardaron en coller o ritmo do partido e, antes do tempo de lecer, o marcador xa era favorable aos locais, 3-1.
O segundo tempo, marcado polo bo facer do pivote Luigi no medio do campo, estivo controlado polo Rubián de principio a fin, que aumentou a diferenza e impediu que os rivais se achegasen á súa porta.
O Páramo golea ao Monterroso B e segue a un punto do primeiro posto (5-1). Logo de quince minutos de tanteo entre ambos conxuntos, unha mala saída de balón dos visitantes foi aproveitada por Hugo para facer o 1-0.
O choque mantívose igualado e o marcador non se moveu máis ata despois do descanso, cando outra perda de balón do Monterroso se traduciu no 2-0. Recortaron os vermellos logo dun tiro lonxano rexeitado polo gardamallas local, pero o Páramo aproveitou a recta final para sentenciar ante un rival completamente volcado, e anotou tres tantos máis, 5-1 nas Rapadas.

Táboas entre Sarriana B e Santa Comba (1-1). Partido marcado polos erros e as imprecisións de ambos conxuntos. A Sarriana adiantouse moi cedo, n o 4′, pero tres minutos despois Jorge puxo o 1-1 na Ribela.
Desde o empate a igualdade foi a tónica dominante, aínda que foron os visitantes os que tiveron as máis claras para romper unha igualada que non se desfaría, nun duelo no que os locais remataron moi amolados coa actuación do colexiado.
O filial do Taboada cae diante do Sober (1-3). Os locais, porén, dominaron ao longo do primeiro tempo, pero o marcador no descanso era de 1-1. A segunda metade estivo moi igualada, con alternativas para ambos conxuntos.
Pero os visitantes foron quen de adiantarse (1-2) chegando ao minuto 90′, logo de aproveitar varios rexeites dun córner e, xa no engadido, sentenciaron co definitivo 1-3 nun contragolpe ante un Taboada ‘B’ volcado.
O Río Sil faise forte na casa e vence ao Relámpago Taboada (2-0). Un rebumbio na área visitante permitiu aos locais adiantarse ante un Relámpago que nada ten que ver co de outros anos. Os de Taboada dominaron a posesión e gozaron de ocasións para empatar, frustradas polos paus e polo gardamallas local Víctor, autor de varias paradas inverosímiles. Tamén o porteiro do Relámpago, Dani, mantivo con vida aos seus ata a recta final, cando o Río Sil fixo o 2-0 definitivo.
O Corgo supera ao Bóveda para meterse de cheo na loita pola promoción (1-0). Os locais asinaron un partido moi serio e tiveron máis protagonismo en área rival que o Bóveda, aínda que o marcador ao descanso reflectía un igualado 1-0. Na segunda metade as tornas cambiaron e os visitantes comezaron a apretar a un Corgo que se sentiu nervioso e estivo a piques de ver como lles empataban a contenda. Porén, o electrónico non se moveu e os tres puntos quedaron no Municipal.
