#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

O Relámpago Taboada sorprende no comezo ligueiro

A segunda xornada de Terceira Galicia deixa ao Celta Barreiros como líder en solitario no grupo norte. Os mariñáns golearon ao Friol B e son os únicos que contan por vitorias os seus encontros. Goiriz e Celeiro, que igualaron no choque directo, son segundo e terceiro. No grupo sur o Páramo e un sorprendente Relámpago Taboada colideran a clasificación. O Rubián, con catro puntos, segue invicto.

grupo norte

O Celta Barreiros é líder en solitario despois de golear ao Friol B (1-6). Casanova puxo por diante aos celestes no primeiro minuto. O filial do Friol foi quen de igualar por medio de Roca nun erro na saída de balón do Celta. Os de Bruno Castro buscaron sorprender á contra, pero non se viron máis goles nunha primeira metade escasa de fútbol. Na reanudación tres goles en seis minutos de Javi Andina, Hugo e Jhoseba deixaron o encontro sentenciado para os visitantes. Casanova e Soto compleetaron a goleada.

Celeiro e Goiriz igualaron en Trasvías nun bo encontro (1-1). Igualada no encontro e tamén na clasificación con catro puntos. Ambientazo nas gradas de Trasvías cun calor abafante que minguou o rendemento dos xogadores. Karchi adiantou aos de Martín Rodríguez á saída dun córner e Nico igualou ao rematar un centro lateral no segundo pao. Na segunda metade, o Goiriz non aproveitou as súas ocasións e o marcador non se moveu.

A Piringalla mantense invicto tras vencer pola mínima ao Catro Roldas (1-0). Encontro igualado e sen moita continuidade que se decidiu cun postreiro gol de Cristóbal. A expulsión de David Orosa a falta de quince minutos condicionou ao Catro Roldas e o cadro lucense, en superioridade, xerou varias ocasións claras.



O Castroverde sumou os seus tres primeiros puntos diante do Cazás (2-1). Comezo fulgurante do cadro local que se traduciu no marcador aos cinco minutos cun tanto de Ángel. Os de Fran Veiga xeraron ocasións para ampliar as diferencias, pero foi o Cazás que logrou igualar nunha boa xogada que definiu Iván Anido. Antes do intermedio, un erro defensivo dos chairegos aproveitouno Pablo Pin para volver adiantar ao Castroverde. O Cazás tivo dúas claras ocasións para empatar na segunda parte que non foi quen de aproveitar. O Castroverde tampouco atinou para sentenciar.

Media hora chegoulle ao Comercial B para desfacerse do Matela (3-0). O filial da Comercial foi superior aos de Martín Real e foron quen de aproveitar á perfección os erros do rival para deixar o encontro visto para sentencia na primeira media hora. Nun desacerto do gardameta do Matela chegou o gol de Torito aos dez minutos de xogo. Javi, cun gran lanzamento desde a frontal, anotou o segundo nunha xogada que o colexiado non parou logo de quedar mancado un xogador do Matela e Torito sentenciou desde o punto de penalti. A segunda metade tivo pouca historia, pero viuse a un Matela máis incisivo na procura dun tanto que non chegou.

A seriedade defensiva do Rioaveso dalle tres puntos diante do Casás (2-0). Igualdade sobre o céspede de Paraños. Un erro da zaga visitante aproveitouna Amido para poñer por diante aos de Asier Lozano. O Casás non se adaptou ben ao campo e costoulle xerar situacións de perigo. As máis claras chegaron a balón parado, pero o gardameta local solventounas con seguridade. Na segunda metade Cristian contou cunha clara ocasión para empatar, pero foi o Rioaveso o que logrou sentenciar cun lanzamento de falta directa que transformou Pedro.



grupo sur

Un Páramo moi superior goleou ao Taboada B (1-4). Os visitantes amosáronse moi superiores ao filial do Taboada ao longo dos noventa minutos. Mario abriu a lata nada máis comezar e Juan, que xa leva tres tantos, puxo terra de por medio. Na segunda metade Jose sentenciou o encontro. O Taboada B recurtou diferencias desde o punto de penalti antes de que o Páramo anotara o cuarto e definitivo gol.

Nove goles nun encontro que o Relámpago Taboada remontou nos últimos intres fronte ao Sober (5-4). O encontro comezou de cara para o cadro local, chegando a gozar dun 2-0 que o Sober logrou igualar antes do intermedio. David Moure, de penalti, volveu poñer por diante ao Relámpago, xusto antes de que o killer Martín lograra empatar de novo. Os de Iban Lagoa foi quen de completar a remontada, pero os locales non dixeran a última palabra. Cheej a falta de cinco minutos e Nahuel co tempo cumprido déronlle a volta definitiva ao marcador.

O Rubián presenta a súa candidatura tras derrotar ao Corgo no Poste (2-0). Sen goles nunha primeira metade igualada e sen grandes ocasións. O Rubián amosouse máis forte no medio campo na reanudación e aos tres minutos Stalin anotou na súa propia portería, despois dunha boa xogada colectiva dos locales. Nunha mala cesión ao gardameta, xa nos compases finais, Álex logrou o tanto da sentencia.

O Monterroso B golea no choque de filiais (7-1). Cunha calor agobiante, o Chantada Atlético B saiu mellor ao campo e logrou adiantarse cun tanto de Miguel. Duroulle pouco a ledicia ao cadro chantadino. Tan só tres minutos despois, o cadro local empatou cun gol olímpico de Manel. Antes do descanso, un tanto psicolóxico de Jose puxo por diante aos de Javitxu. Na segunda metade o Monterroso B foi claro dominador e Yoni volveu a ver porta cun hat-trick.

A Sarriana B remontou diante do Río Sil para lograr o primeiro triunfo da súa historia (2-1). Non tardou en adiantarse o cadro soberino por medio de Isaac. O Río Sil, ben situado en defensa, buscou saír á contra diante dun filial sarriao que tentou crear situacións de perigo mediante a posesión de balón. Vilavo igualou o encontro nun erro defensivo dos visitantes. Na segunda parte, Noel López deulle a volta ao marcador a balón parado. O Río Sil inquedou aos locales con balóns longos. Así chegaron tres claras ocasións de gol, pero sen lograr o empate.



O Bóveda remontou no último cuarto de hora diante do Santa Comba (1-2). O cadro local golpeou primeiro ao aproveitar unha contra nun primeiro tempo no que o Bóveda desaproveitou tres boas ocasións para anotar. Na segunda metade, os de Elcoso empataron ao transformar un penalti infantil cometido pola zaga do Santa Comba. A falta de cinco minutos, Ángel Díaz marcou o seu segundo tanto que serviu para lograr os ptres primeiros puntos da campaña.

O Relámpago Taboada sorprende no comezo ligueiro

O Friol, de 3 en 3 en

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *