A Segunda Rexional comeza esta fin de semana a súa competición nos dous grupos de 16 equipos conformados na provincia de Lugo. A categoría espera a que se publique a V Guía de ‘Fútbol en Lugo’ para que xa dende o inicio os rivais se podan ir estudando entre si.
Non hai grandes novidades nun formato de competición que consolida a fórmula da pasada campaña. O primeiro clasificado de cadanseu grupo sobe á Primeira Galicia. Do 2º ao 5º xogarán unha fase de ascenso. Os dous últimos equipos de cada grupo descenden seguro. A maiores podería haber equipos que baixen polo «efecto arrastre».
Varios clubs optan a conseguir esas prezadas prazas para dar o salto. Con todo, as 32 xornadas dunha liga, que remata a segunda fin de semana de maio, serán as que dicten sentencia.
Na zona norte, conxuntos como o Iberia, o Folgueiro ou o Cospeito aparecen na primeira liña como candidatos a estar nos postos de cabeza. Xa o estiveron o ano pasado e os seus cadros de xogadores non mudan en gran medida.
Deles, o que máis cambios tivo foi o Iberia. Miguel Ángel Fuente ‘Moro’ asume os mandos dun grupo compacto que suma para a causa a Borja, Mario e Samu (procedentes do Sporting Pontenova), a Alonso do Foz ou a Perancho que volve. Ademais da inclusión dalgún xogador que chega dende o xuvenil como Dopico, Dani Vidal ou Carlos.
Habitualmente, sempre se adoita pensar nos equipos que veñen de baixar como candidatos novamente a subir. Dende logo que o Pastoricense e o San Ciprián aparecen nesta lista. Ambos manteñen xogadores importantes e incorporan xuventude.
De entrada, non aparece nas quinielas de candidatos a subir o Sporting Pontenova. O cadro da Mina sufriu unha remodelación tras o seu descenso. Haberá que darlle tempo á canteira para ver ata onde son capaces de chegar.
Quen chega a categoría con moita ansia por seguir medrando é o Racing Villalbés B. Os pupilos preparados por Iván Lamas tamén están no grupo de favoritos. Manteñen unha boa parte da xente nova que vén de ascender acompañado dalgún xuvenil que promociona e a chegada de Adri, Michi, Anxo (chegou a finais da tempada pasada), Cumbraos ou Edgar Tourón.
Tras tal lista de apertura, parecemos deixar pouco oco para as sorpresas. Pero seguro que as haberá. Nunha segunda tanda colocamos a equipos como o Alfoz, a Candelaria, o Xermade ou o Cabreiros.
Falta saber a resposta que darán clubs recén ascendidos como o Mondoñedo (conformando un grupo moi da vila) ou o Abadín (que recupera ao goleador Seijo). Tamén a Comercial que mantén ao núcleo de futbolistas que logrou a salvación sen pasar excesivos apuros o curso anterior.
O Muimenta inicia un novo ciclo no banco tras a saída de Basi e a chegada de Veiga. Os veteráns tratarán de acoplar aos novos e estar o máis arriba posible.
O Roupar continúa na división tras a súa salvación en agosto. Poucos cambios nun equipo que continúa comandado por Dopico. Tratar de ser máis competitivos que o curso pasado é o obxectivo.
Horarios primeira xornada grupo norte:
Abadín – Folgueiro (sáb. ás 17h)
Roupar – Comercial (sáb. ás 17h)
Candelaria – Mondoñedo (sáb. ás 18h)
Iberia – Muimenta (dom. ás 17h)
Xermade – Sp. Pontenova (dom. ás 17h)
San Ciprián – Pastoricense (dom. ás 17h)
Racing Villalbes B – Alfoz (dom. ás 18h – no Roca)
Cospeito – Cabreiros (dom. ás 18:30h)
Na zona sur, igualmente Friol, Paradela e Becerreá tamén optan as candidaturas do ascenso tras o seu bo facer o curso pasado. Nos tres mantense a dinámica de anos anteriores e Javi Pájaro, Antón e Rubén Bergantiños continúan como técnicos.
Tamén neste grupo entran na lista o equipo recén descendido. Só houbo un neste grupo. O Antas mantén practicamente ao mesmo conxunto que hai algo máis dun ano conseguía subir de categoría. Iso si, sumando novos valores.
Conxuntos como o Ferreira que xa o ano pasado estiveron coqueteando cos postos altos, espérase que tamén estean arriba. Inician novo proxecto no Baliño con Manu Rodríguez aos mandos e refórzase con xuventude de calidade como Fagín, Jordi ou Dani Bernárdez.
Gaña crédito o Brollón. Un conxunto moi compacto que conta co gran apoio da súa afección dos Medos. A maioría do grupo coñécese dende hai anos e ademais reforzaron o ataque con goleadores como Nico Díaz procedente do Escairón ou Isma procedente do Río Sil.
Evidentemente, estes nomes son unha estimación pero de seguro haberá un espazo para outros equipos nos postos altos. Conxuntos como o Oural manteñen un cadro similar que xa o curso pasado batallou ata o final con futbolistas de calidade como Cayuela. O San Roque ou o San Lázaro tratarán de dar un paso máis nun curso de cambios no temón para ambos.
O Carballedo vén de lograr a primeira permanencia na categoría dende a súa fundación hai catro anos. Rodrigo Amarante continúa e quere seguir medrando co seu conxunto.
Veremos tamén como responden os ascendidos Palas, Quiroga e Incio. Son clubs que manteñen a súa identificación con onde son e ata onde podan van pelexar.
Pola súa banda, os filiais da SD Chantada e do Club Lemos tratarán de servir futbolistas aos primeiros equipos. É unha tempada de varios cambios no filial lemista. Ademais aumenta a competencia nas súas áreas de influencia coa creación dos equipos B da Sarriana e do Chantada Atlético (aínda que este ano non se enfrontarán entre si).
Posiblemente o equipo que máis mudanzas sufriu este verán na categoría fose o Sporting Lucense. Ángel Merino, tras o seu paso polo Santa Comba, é o novo adestrador. Con máis de dez caras novas tratarán de dar o mellor de si nunha categoría na que xogarán por terceiro ano seguido.
Horarios primeira xornada grupo sur:
Carballedo – Club Lemos B (sáb. ás 16:45h)
Becerreá – San Lázaro (sáb. ás 17h)
Antas – Friol (sáb. ás 17h)
Chantada B – Oural (sáb. ás 17:30h)
Sporting Lucense – Paradela (sáb. ás 18h)
Ferreira – Brollón (dom. ás 17h)
Quiroga – Incio (dom. ás 18h)
Palas – San Roque (dom. ás 18h)
Máis aspectos relativos á competición:
Cada xornada poden ser 16 os futbolistas convocados por equipo. Á hora de facer os cambios está permitido realizar cinco trocos en tres ventás durante o encontro.
Ata o 18 de abril (ás 18:00h) pódense solicitar e obter licencias de futbolistas para a categoría.