Esta temporada podemos dicir que foi a da volta á vida de sempre no fútbol afeccionado. A competición comezou en setembro e cun formato de competición parecido o da prepandemia. A aparente normalidade non foi para todos os clubs da provincia. Para algúns setembro foi de todo, menos normal.
Un exemplo foi o do Celta Barreiros. Por varias circunstancias, o cadro de San Cosme comezou o noveno mes do ano con poucos xogadores, sen facer a pretemporada e cun futuro que apuntaba a non saída á competición.
De desaparecer a chegar a deixar xente fóra da convocatoria. Esa é a crónica máis real do mes de setembro vivido no Celta Barreiros. O tesón demostrado pola directiva e o esforzo dun grupo encabezado polo mítico futbolista da Mariña, Álvaro Alonso salvou no tempo extra a temporada.
«O que máis me impactou foi ver a directiva chorando e afirmando que se ía saír a competir si ou si; e se non, que para o ano non había Celta Barreiros», salienta Álvaro Alonso, a persoa clave nesta milagre. Vestiu a camisola celeste as últimas campañas. Unha lesión o curso anterior apartouno dos campos e agora volveuse peza importante fóra deles.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
«Eu pensaba que para ir aos partidos oito ou nove xogadores era mellor non presentarse e para o ano empezar as cousas ben dende cero», lembra Álvaro as que eran as súas reflexións nun primeiro momento. «Pero as bágoas da directiva fixéronme cambiar de idea. Os que estabamos quedámonos pola directiva», comenta.
A actividade foi frenética no final do verán: «Levamos un mes co teléfono na man e coma a min, dous ou tres xogadores que me axudaron a chamar xente. A esas alturas era todo moi difícil porque os que querían xogar e adestrar xa estaban comprometidos», lembra Álvaro.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2022/10/IMG_20221009_145214.jpg)
A situación crítica fixo que «vellas glorias» tiveran que descolgar e limpiar as botas para usalas de novo. «Alejandro Goyos parou de xogar hai seis ou sete anos e André ou Pitero, que xogou ao fútbol sala», apunta Álvaro. Ademais tamén se deu a situación contraria, coa incorporación de rapaces que nunca xogaran ao balompé federado como é o caso de Roberto.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Tamén se deu a circunstancia de Incera. O porteiro das últimas campañas do Celta Barreiros ía deixar o fútbol por un problema nunha man. Dada a situación extrema, regresou ao equipo para ocupar a posición de mediocentro. Non obstante, é un posto que non lle é alleo porque xa xogara no Laxosa.
Álvaro só ten palabras de agaradecemento para todos os que lle axudaron. «A xente coñecida vén botar unha man. Doulle as grazas aos que me axudaron, xente como Chona de Foz que se moveu na búsqueda, aos que finalmente viñeron e tamén a todos os patrocinadores que seguen aí apoaindo».
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2022/02/Alvaro-Celta-Barreiros.jpg)
Ademais das funcións de director deportivo, Álvaro tivo que pasar a ser peza clave tamén no corpo técnico. «Vímonos tan desesperados que me ofrecín tamén a tomar os mandos na preparación».
Nesta nova faceta, que Álvaro nin anhelaba nin se ve nun futuro, teño claro : «Non quero malas palabras. O que quero é que cando eu digo unha cousa, que se faga. E se alguén me di «é mellor facer así», pois estou aí para probar tamén desa outra maneira».
É consciente de que se «este grupo empezara o 1 de agosto a adestrar sería diferente. O inicio de liga foi bo, a pesar do que digan os resultados (nas catro primeiras xornadas estiveron cerca pero aínda non conseguiron puntuar)».
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
«Comezámonos a preparar unha semana e media antes de empezar a liga, xente que non se coñecía, que leva moito tempo sen xogar,…; temos que ir pouco a pouco«, explica Álvaro.
Por outra parte, o cadro de futbolistas non está pechado. O que é case seguro é que Álvaro non volva xogar máis. Aínda segue de baixa do hombreiro do que tivo que operarse por un lance do xogo. Por incompatibilidade laboral seralle case imposible volver a dentro dos terreos de xogo.
O certo é que o equipo si está pendente de incorporar alguén máis e tamén lanzan chamamento: «Se queda alguén libre e nos está lendo, que pegue un toque».
Con todo este panorama detrás, que non é pouco, os obxectivos están claros. Non engadimos nada máis as palabras finais de Álvaro, porque cando a cousa vai mal e onde a esencia do fútbol saca o seu máximo explendor.
«O noso obxectivo é non descender. Cun equipo formado unha semana antes, pasando de ser 7 a 23 non hai máis que pedir. E se toca baixar, non pasa nada. Pasamos de non saír, a xogar e a plantarlle cara aos rivais. Iso, a día de hoxe, é o que nos interesa. Temos que adaptarnos ao que hai. Tratar de que os xogadores o pasen ben. O fútbol é para desconectar e a diversión ten que estar presente».
.