Comezaba xullo do 2018 cando unha nova chegaba aos nosos fogares: o concello do Carballedo tería un representante nos campos de fútbol a partires de ese momento. Baixo o nome de Carballedo CF sería creado un conxunto feminino que pasaría a competir na Segunda Galicia.Deste xeito, sumábase á tradición que está a coller o fútbol feminino no sur da provincia -contando a día de hoxe con tres representantes: SD Antas, SD Chantada e Carballedo CF- e convertíase en pioneiro na comarca, ao crear o equipo feminino antes que o masculino.
Apenas vinte meses despois, o Carballedo CF xa é un rival temido en toda a provincia e, máis aló dos nosos marcos, na provincia da Coruña, onde compite practicamente cada quince días contra entidades moito máis lonxevas pero ás que lles planta cara e moitas veces vence. Ademáis, dado o éxito e a acollida popular que experimentou no seu primeiro ano de vida, o clube creou unha sección masculina, que se acha polo momento en postos de promoción á Segunda Autonómica.
Pola súa banda, as rapazas, tras un primeiro ano complicado en canto ao deportivo, esta 2019/2020 están a mellorar notablemente os seus números e pelexan polos postos nobres da táboa. Hoxe, Futbolinlugo quixo saber máis acerca deste clube que está a revolucionar o sur da provincia, polo que falamos con Adrián Rodríguez Jorge, presidente do Carballedo CF, para que nos conte como está a ser esta aventura desde dentro!
Futbolinlugo: O primeiro que nos gustaría saber é como xorde a idea de fundar un clube…
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Adrián Rodríguez: Pois tomando un café co meu compañeiro Crespo. Estaban poñendo novo o campo dos Catro Ventos e dixemos «había que montar un equipo», eu ofrecinme para ser presidente e non houbo máis problema, pese a todo o papeleo que houbo que facer.
FIL: E por enriba, feminino!
AR: Cando decidimos fundar o clube estaba moi entrado o verán e moitos dos clubes xa tiñan os seus cadros de xogadores confeccionados. Por tanto, decidimos facelo feminino para non comezar facendo inimigos pola zona. Pero foi un acerto total. Puxemos un anuncio e non tivemos problema para contar con 22 rapazas. Moitas delas nunca tocaran un balón e os comezos foron duros: houbo domingos nos que nos meteron quince goles, pero os luns estaban 18 como mínimo adestrando, era increíble. Elas montaron a súa familia, comíamos cocidos todos xuntos… e todo iso fixo o camiño costa abaixo.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
O Concello do Carballedo axudounos moito coas cuestión burocráticas.
FIL: Que foi o máis complicado á hora da fundación?
AR: Pese a todo o papeleo que hai que facer, o Concello nos axudou moitísimo con todos eses trámites e fixo fácil a parte máis difícil. Por iso, entre outras cousas, decidimos poñerlle o nome do concello, o Carballedo.
FIL: Até onde nós sabemos, o ambiente no vestiario é moi bo…
AR: Si, somos «a familia das guerreiras». As rapazas teñen un mérito enorme, xa que sen elas nada sería como é. Ademáis, as decisión da directiva son consultadas entre todos os integrantes da mesma e todo iso permite que o bo rollo sempre estea presente. Dos 18-20 que nos desprazamos os domingos, acabamos comendo xuntos 12-13 simplemente porque o corpo no-lo pide. Tamén quero destacar a Manolo, o noso secretario, que é doctor en Ourense e realiza todos os trámites necesarios cando algunha das rapazas se manca.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Nunca vin tanta xente no campo coma no derbi contra o Chantada.
FIL: E en canto á afección, como foi a acollida na vila?
AR: Na miña vida vira tanta xente nun partido na Barrela como a que veu ao derbi contra o Chantada un mércores ás nove da noite. As rapazas xogan os domingos pola mañá e hai sempre unha entrada brutal. Ademáis, cando xogan os rapaces, cuxa afluencia de público é máis baixa, as guerreiras sempre veñen animar e axudar no posible.
FIL: Cambiando ao deportivo, este ano os resultados melloraron moito con respecto á pasada campaña.
AR: Si, moito mellor. Melloramos moito en xogo e competimos contra todos os rivais. Tamén é certo que ás veces doe máis perder 2-1 que 7-0, pero en frío daste conta de que melloramos moitísimo. Ademáis, fóra da casa vivimos moitas arbitraxes polémicas que nos privaron de puntos. Hai que ter en conta tamén que este ano fichamos a varias rapazas procedentes do fútbol sala de Ourense (Paloma, Ari, Lali, Ainhoa…) que deron un salto cualitativo ao equipo.
FIL: Pode ser que deriven dunha melloría técnica e táctica das futbolistas, pero tamén da unión existente entre elas?
AR: Si, está claro. A melloría foi espectacular en apenas un ano, pero debémoslle moito ás nosas capitanas, que se encargan de manter ao vestiario unido. Unha delas, María Varela, sempre vela pola unión das máis mozas. Ela é de Chantada e quixo xogar ao fútbol toda a vida, pero tiña que desprazarse a Ourense para facelo. Agora ela fai ver ás pequenas que é unha marabilla ter a oportunidade preto da casa, ademáis de apoiar sempre a todas.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2020/03/carballedo-300x225.png)
FIL: Existe algún proxecto deportivo para levar ao equipo a categorías superiores?
AR: Nós non descartamos nada. Sería un premio para as rapazas, porque o merecen todo polo ben que fan. Alegraríame moitísimo por elas. É unha pena porque este ano queríamos meterlle man ao Antas nas semifinais de copa, pero dadas as circunstancias non sabemos se xogaremos.
FIL: E como leva o Carballedo CF o COVID-19?
AR: Obviamente as instalacións están pechadas. Elas andan a facer algo de deporte, moitas viven no rural e exercítanse nas súas fincas… así que a ver se van mantendo a forma.
A historia do Carballedo CF en dous momentos:
O máis dulce: aquel partido benéfico cunha asociación do cancro de mama. Ver a cantidade de xente que aportou o seu gran de área a algo que organizaramos nós encheume de orgullo.
O máis duro: aínda que os houbo, os peores son os que lles facemos e faremos pasar aos rivais.
Para nós é un orgullo poder relatar a breve -pero intensa- historia do Carballedo CF, alén de poder incorporar ao relato unha visión interna dun clube cheo de guerreiras que, domingo tras domingo, se deixan a pel representando á súa vila, comarca e provincia. Desde a nosa web queremos felicitar a todas elas polo enorme sacrificio que hai detrás, ademáis de ao seu corpo técnico e directiva.
Por último, o noso máis sincero agradecemento a Adrián, que sempre está ao pé do cañón axudando coa cobertura do fútbol feminino e de toda a actualidade do Carballedo CF!!