Chega a sexta xornada na Preferente, e tráenos un derbi provincial por todo o alto. Os dous principais candidatos lucenses a acadalo ascenso a Terceira daranse cita na Ribela o domingo ás 18 horas, nun encontro no que a Sarriana examinará o nivel do ata o de agora líder intratable da categoría: o Viveiro.
As cinco xornadas disputadas ata o de agora foron dabondo para saber que nesta temporada o Viveiro vai en serio por un ascenso que se lle resiste nas últimas temporadas. A Sarriana, malia ser a segunda temporada en Preferente, xa demostrou a pasada temporada que pelexará ata o final polos postos de privilexio.

A traxectoria do Viveiro ata o de agora é intachable. Cinco triunfos noutros tantos encontros. Dezaseis goles a favor e tan só un en contra. Números que asustan e que dan conta do potencial do cadro adestrado por Chusky. Co bloque da temporada pasada, que xa rematara moi preto dos postos de ascenso directo, e cuns reforzos de auténtico luxo encabezados polo pichichi Gerardo, a ninguén se lle escapa que os mariñáns son favoritos ao ascenso. Pero nesta xornada atoparase coa Sarriana, outro dos favoritos. Unha esixente proba que, no caso de saír vitoriosos, suporá unha inxección de moral para o cadro de xogadores.


Non llo porá doado a Sarriana. O novo proxecto, encabezado por Dani Fernández, non renuncia a nada nesta temporada, e malia perder a columna vertebral do equipo da última campaña, reforzouse con xogadores de luxo para a categoría, como os irmáns Vilariño e con varios dos máis destacados dos últimos anos, como Javicho, Fernando, Javi Fraga ou Hugo Buíde. A pesar de ter que conxuntar un cadro de xogadores moi renovado, o comezo foi bo. Logo do empate no Martínez Otero, tres triunfos consecutivos ante Residencia, Sofán e Dubra colocaron aos sarriaos na zona alta da táboa. A única derrota chegou na última xornada no campo dun Puebla, que é segundo.

O último enfrontamento entre ámbolos conxuntos na Ribela tivo lugar na antepenúltima xornada da pasada temporada e rematou con triunfo local por cinco tantos a dous. Anotou para a Sarriana Omar e Mauro en dúas ocasións e Diego Simón, mentres que os goles mariñáns foron obra de Álex Meitín e Arturo.
Falamos con dous dos máis veloces da Preferente: Javi Fraga (Sarriana) e Álex Meitín (Viveiro).

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
JAVI FRAGA (S.D. SARRIANA)
– A derrota na Pobra. «Foi un partido complicado. Xogabamos fóra da casa nun campo de moi reducidas dimensións que non nos axudaba. Entramos mal ao encontro, pero fomos collendo confianza co paso dos minutos. Ao final o xusto debería ser un empate, pero xa sabemos como é o fútbol».
– A nova Sarriana. «Temos un grupo bastante unido. Coñeciamonos case todos e xa sabiamos como xoga cada compañeiro. Estamos moi ilusionados con esta temporada que aínda está comezando e con ganas de dar guerra na zona alta«.
– O Viviero. «Agardamos un encontro moi complicado. Teñen unha plantilla moi boa e agora mesmo son o rival a batir. Teñen un gran equipo no seu conxunto, con xogadores moi bos en tódolos postos como Gerar.do, Xaime, Álex…».
ÁLEX MEITÍN (VIVEIRO C.F.)
– Inmellorable comezo. «A verdade é que non podiamos facelo mellor ata o momento. A pretemporada foi máis que satisfactoria, contra grandes equipos, e sabiamos que de seguir nesa línea podiamos arrancala liga con moi boas sensacións, e así foi. Esto dalle ao vestiario un golpe enorme de moral para seguir traballando así de ben pola semana e competir a este nivel os domingos«.
– Reforzos. «Temos a sorte de poder contar con eles. Son xente moi experimentada en categorías superiores, pero aparte de ter a experiencia e a calidade, teñen un gran compromiso. O equipo deste ano é moito máis maduro».
– A Sarriana. «Sabemos do seu gran potencial. Xa estivo na loito o ano pasado. Agardo un encontro moi disputado e pechado, con poucas ocasións de gol. O seu dianteiro Omar posiblemente sexa o xogador que máis me preocupa, xa que non precisa de nada para xerar ocasións de gol«.