O fútbol afeccionado marcha de mini vacacións antes de afrontala súa recta final. Na Segunda Galicia queda unha xornada e moito aínda que decidir. Na norte os postos de descenso en xogo e moi atentos aos posibles arrastres, mentras que na sur aínda queda unha praza de ascenso a que optan Ferreira (depende de si mesmo), Palas e Brollón. Na Terceira non hai descanso no grupo sur, xa que o Río Sil (con protagonistas nas notas desta semana) e o Monterroso B xogarán a ida da final do play-off para chegar igualados no calendario co grupo norte no que o Goiriz ten unha pequena vantaxe ao empatar 1-1 na casa do Matela (aínda que o partido se xogara na veciña parroquia de Aguiar).
O ás: Álex do Mondoñedo
O Mondoñedo conseguiu empatar na casa ante o Iberia despois de que o conxunto de Reinante se adiantara no marcador por 0-2. Álex Gacio foi o protagonista do partido ao recurtar diferenzas xa no minuto 80 e selo autor tamén do tanto da igualada no minuto 87 despois de regatear a varios defensores dentro da área. Ca vitoria do Xermade o Iberia xa quedou sen opcións de ascenso e o Mondoñedo certificou a súa permanencia e non se terá que preocupar dos posibles arrastres doutras categorías.
A figura: Anás do Río Sil


O Río Sil xa está na final do play-off da Terceira grupo sur despois de eliminar ao Incio nun partido de volta do que saíron derrotados do Carboeiro, pero o valor dobre dos goles fóra da casa fai que os de Sober avancen na competición. O Incio remontou a eliminatoria en catro minutos na primeira metade, xa que na ida gañara o Río Sil 1-0. Non obstante, no minuto 77 Anás Harabazan nunha xogada individual anotou o gol que lle deu o pase ao seu equipo. Por segunda semana consecutiva o conxunto de Sober é protagonistas das notas Futbolinlugo.
Nin pé con bóla: Comercial
O conxunto da capital lucense consumou o seu descenso á Terceira a pesar de non caer aos postos perigosos da categoría. Non obstante, os arrastres condenan a un equipo que caeu 5-0 ante o San Roque (que ascende á Primeira) e que suma cinco xornadas sen conseguila vitoria; tan só colleitou un empate neste último tramo de competición.

Demasiado intenso: UD Folgueiro
Foi multado o club con 30€ por unha falta de alteración da orde de carácter leve. Ademais o adestrador, Jesús Fernández foi sancionado con catro partidos. Un por protestar ao árbitro e tres máis por seguir protestando unha vez que xa estaba expulsado. O delegado de campo foi sancionado con dezasis partidos de suspensión por non cumprir coas súas obrigas. O Folgueiro perdeu o partido por 2-3 ante un Alfoz que se está xogando a salvación na categoría.