#Fútbol afeccionado #Fútbol Base #Preferente Futgal #Primeira Futgal #Terceira Futgal

David Páez: «Haberá que pensar ben o de volver saír fóra»

É un dos lucenses que comezou de máis novo na faceta de adestrador. Oficio moitas veces criticado e con exame final case que domingo tras domingo. Traballo para apaixoados que se senten privilexiados. Aínda que non escape da certa precariedade laboral do Estado. Por varias desas condicións e experiencias xa pasou David Páez (23-06-1987, Sarria). Unha contrastada carreira no fútbol de base e sénior galego abriulle as portas. Mais a súa primeira experiencia lonxe da terra non foi de todo boa. Os problemas económicos trouxérono de volta a casa. Pero non lle quitaron as gañas. Momento de reflexión antes de que no novo curso que se aveciña, alguén con máis seriedade pete na porta.

Futbolinlugo: En que punto se atopa a túa carreira como adestrador?

David Páez: Vendo moito fútbol. Dende decembro non podo volver adestrar en categoría nacional ata a próxima temporada por unha lei federativa. Podería adestrar na Preferente. Non é que tivera demasiadas propostas, pero decidín non centrarme por aí. Necesitaba liberarme un pouco da mala experiencia que tiven en Écija e aproveitar para seguir formándome e ver fútbol.

Fil: Algunha oferta houbo, entón?



DP: Algunha si. De Preferente. Preferín esperar. Viña dun momento delicado. E a ver se sae agora algo no mercado estival.

“Estar só a mil quilómetros da túa casa e non cobrar faise cada día máis difícil”

Fil: Como valoras o teu paso polo Écija?



DP: Fóra de Galicia era a miña primeira vez. A nivel de aprendizaxe non foi unha mala experiencia. Ves outro tipo de fútbol. O do sur é moito máis vistoso e alegre. Os xogadores son moito máis técnicos. A nivel de impagos foi unha experiencia delicada porque pasámolo mal. Non cobramos desde o primeiro mes. Estar só a mil quilómetros da túa casa e non cobrar faise cada día máis difícil.

Fil: A día de hoxe solucionouse?

DP: Si. Tiven que denunciar no Comité de Adestradores da Federación Andaluza. Portáronse moi ben e xa me liquidaron todo.

Fil: Quedáronche gañas de volver saír fóra?

DP: Eu vivo para o fútbol e levo dende moi novo adestrando. Nunca poderei dicir que non volverei saír fóra. Viña dunhas boas experiencias aquí nas que me trataran moi ben. Agora se volve soar o teléfono para ir fóra, haberá que pensalo ben. Ter un coñecemento exhaustivo de a onde se vai.



“O grupo I e o grupo X son dos máis fortes de España”

Fil: Como viches ese grupo décimo da Terceira División?

DP: Eu creo que tanto o grupo I como o grupo X son dos máis fortes de todo España. O grupo dez quizais teña algún equipo que poda pelexar polo título máis ca o galego. En Galicia hai tres que marcaron a diferenza. Alí xa dende o principio sabíase que había ata oito equipos que podían pelexar polo primeiro posto. Quere dicir que é moi competitivo. Andalucía abarca moito. O tema dos filiais, equipos míticos como o Xerez, o Ceuta, o Alxeciras. Xa partes cun pouco de desvantaxe porque hai moitos aspirantes

Fil: Que ambiente hai alí de fútbol?

DP: É como unha Segunda B porque hai equipos que están de paso que teñen que estar de paso. É un ambiente moi bo. Nós en Écija metiamos moitos partidos dúas mil persoas. Hai un gran ambiente na bancada. O clima é moi favorable. A xente sae cedo da casa e adáptase ao rol do partido.

“Foron once anos no fútbol base é creo que esa etapa está caducada”

David Páez deixou o Écija no mes de decembro. Foto: Centro Cadena Ser Deportes Andalucía

Fil: A idea é seguir facendo camiño no fútbol sénior?

DP: Non pecho portas. Pero si que iría máis por centrarme nel. Foron once anos no fútbol base e creo que esa etapa está caducada. Agás que se dean unhas condicións moi óptimas.

Fil: Con que te quedas do fútbol base?

DP: Saquei unha bagaxe de aprendizaxe moi grande. Estiven en clubs que me trataron moi ben. Sobre todo na etapa do Deportivo na que tiven a capacidade de adestrar xogadores de primeiro nivel. O ano pasado chegamos a xogala Copa do Rei.

Fil: Coincidiu a túa marcha con malos resultados na base do Dépor desta temporada, albiscabas que iso podía pasar?

DP: Cando estiven tratáronme moi ben. Tentamos traballar da mellor forma. Danche moitas facilidades en canto a instalacións, a material,…Estando eu alí déronse uns resultados máis positivos dos que se están dando agora. Pero non me corresponde a min valorar o que pasou este ano. Seguino dende a distancia e os resultados non foron bos.

Fil: Que importancia lle dás a canteira no fútbol?

DP: É chave. Considérome un adestrador de canteira. Os equipos que están en Terceira División de pobos máis pequenos como pode ser Vilalba a canteira ten que ser o principal.

Fil: E hai boa canteira na provincia?

DP: Tanto no sur de Lugo como en toda a provincia hai moi bos xogadores. O principal club agora é o Lugo e teñen moitas facilidades para conseguir xogadores do resto. Debilitas un pouco aos clubs secundarios neste aspecto. Tanto Vilalbés, Residencia, Calasancio ou Viveiro traballan ben o fútbol base e teñen bos xogadores.

Fil: Iso é positivo?

DP: Cando nunha provincia hai só un club profesional, un rapaz decántase por fichar por ese equipo porque é o que máis arriba está. Esperemos que o Lugo continúe moitos anos na Segunda División polo ben de todos.

“O Vilalbés é un club que levarei sempre comigo”

David Paez pasou pola SD Sarriana, Residencia, Vilalbés, Calasancio ou Deportivo

Fil: Estreácheste moi novo na Terceira Galega co Vilalbés, que recordos tes?

DP: O Vilalbés é un equipo ao que lle gardo un gran recordo. Estiven dous anos no fútbol base. E despois volvín para levar o sénior. Viña de ascender coa Residencia a Preferente. Ruiz chamoume e deume a oportunidade. Sempre lle estarei agradecido. Non saíu ben de todo por determinadas circunstancias, non só a nivel deportivo, senón por outro tipo de intereses persoais. É un club que levarei sempre comigo.

Fil: E como viches esta tempada do Polvorín e do Vilalbés na Terceira?

DP: Desde que volvín coincidiume xusto cando comezaron a retomar o voo. Son dous equipos que traballan ben. O Polvorín ao ser un filial ten moi bos xogadores e fai unha proposta moi boa. O Vilalbés, a pesar de non ser un filial, ten un equipo bastante novo. Ten xogadores que adestrei eu e sei da capacidade de compromiso que teñen.

Fil: O Vilalbés reconduciu a temporada con Simón como adestrador, costa apostar pola xente nova no mundo dos técnicos?

DP: Simón é un gran adestrador. Pareceume unha aposta moi acertada a pesar da súa xuventude. Coñece o club e todos os xogadores. Ás veces si que se peca de buscar adestradores de fóra ou técnicos que xa teñen unha experiencia tendo outros moi válidos na casa como é o caso. Despois tamén temos a desvantaxe de que non fomos xogadores profesionais. Segundo está montado este mundo, senón es ex xogador profesional, tes que traballar moito máis e danche moitas menos opcións.

«Saquei o título de director deportivo. Non se poden pechar portas»

Fil: Descartas ser director deportivo?

DP: A miña paixón é estar a pé de campo adestrando. Si que é certo que eu saquei o título de director deportivo. Tamén me gusta e non se poden pechar portas nese aspecto.

Fil: Hai algo que nos podas avanzar para o vindeiro curso?

DP: Hai certos contactos, pero de momento non hai nada pechado. Tanto de Galicia como de fóra. Todo no aire.

Fil: Cal é o soño que ten David Paéz no fútbol?

DP: A curto prazo volver ter outra oportunidade de traballar no que máis me gusta. Estar vinculado a un club profesional e onde non haxa problemas. A longo prazo, a todo o que se mete lle gustaría chegar ao máis arriba posible. É complicado e lento. Pero a meta sería chegar ao fútbol profesional o máis formado e se pode ser levando a un equipo galego a elite, moito mellor.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *