Hoxe domingo, tócalle o turno á base do fútbol lucense. Neste caso, as categorías de Fútbol-11 serán as protagonistas do noso artículo. Desde antes do Nadal, tanto nas categorías xuvenil como infantil estáse a disputar a 2ª Fase das ligas provinciais, onde se están enfrontando os mellores equipos das ligas da costa contra os mellores equipos das ligas que abarcan a cidade de Lugo e a zona sur da provincia. En cadetes, esta 2ª Fase comezou a disputarse hai tan só tres semanas, pero a emoción xa é a tónica dominante da competición, ao igual que nas outras dúas categorías.
O obxectivo de todos os equipos que disputan esta promoción é conseguir o ascenso á Liga Galega. Os dous primeiros clasificados de cada categoría entrarán nunha fase de ascenso consistente en eliminatorias que os enfrontarán aos mellores equipos das ligas provinciais da Coruña. Agardemos que os nosos conxuntos acaden o maior éxito posible á hora da pelexa polo ascenso.
En xuvenís, os dous equipos que estarían agora mesmo clasificados son o Rácing Villalbés “B”, un equipo feito con rapaces no seu primeiro ano de xuvenís cuxo obxectivo é fundamentalmente formar aos xogadores de cara á disputa da Liga Nacional na que milita o equipo “A” dos villalbeses, e o Porto Burela, conxunto que sempre é un referente a nivel provincial, e que tratará de conseguir o ansiado ascenso este ano. Milagrosa e Residencia están situados moi cerca dos dous primeiros. Todo está moi igualado na parte alta da táboa, e todo apunta a que así continuará sendo a medida que se disputen novos encontros.
Na 2ª fase cadete, a pesar de levar disputadas tan só 3 xornadas, xa hai varios equipos que fixeron unha declaración de intencións. É o caso de Castro e Polvorín, que contan con 6 puntos no seu casilleiro pero a falta da disputa do partido entre eles, suspendido a pasada fin de semana polo forte temporal que azotou Galicia. Tamén a Residencia conta con 6 puntos e é líder provisional, xa que xogou un partido máis que seus dous perseguidores.
Pola outra banda, nos máis pequenos, os infantís, o líder é un Porto Burela que só perdeu 5 puntos de 21 posibles, e o segundo clasificado un gran Polvorín que está situado a dous puntos do líder pero conta cun partido menos, ao igual que o Racing Villalbés, situado a catro puntos do Burela, pero que pode convertirse nun só punto se vencen o partido que teñen atrasado.
Manteremos aos nosos lectores informados de como transcurren estas competicións que, sen dúbida, sufrirán moitos cambios nas próximas xornadas, como corresponde a unhas ligas nas que a igualdade é a súa principal característica.