Madriles (SCD Milagrosa): «A Federación foi acomodando todo ao que querían sempre Pontevedra e Coruña»

Madriles é o director deportivo e adestrador do sénior da Milagrosa, que tivo un periplo curto por Vigo tras unha rara e controvertida decisión da Federación. O técnico albivermello non garda rencor mais segue sen entender a inxustiza sufrida polo seu equipo. Quédase co compromiso que demostrou o seu cadro de xogadores, loitando ante a adversidade e ante os fortes e vistosos equipos vigueses. Repasamos con el ese periplo por Vigo, así como o que espera desta nova tempada. A continuación as verbas de Madriles:

FutbolinLugo (en adiante FIL): Como foi o periplo por Vigo a tempada pasada?

José Manuel Fernández Nogueira (en adiante JMFN): «Mellor do esperado. A nivel de vivencia, convivencia, fútbol e competición saímos moi fortalecidos máis alá da inxustiza a que fomos sometidos e que nunca pasara. Coñecimos moita xente de fútbol, moitos xogadores, outra forma de ver o fútbol, outra forma moi distinta de competir coa que temos agora no grupo 3 de Lugo. Os xogadores tiveron un gran compromiso e predisposición, comportándose increiblemente durante todo o ano. Foi unha experiencia positiva a nivel deportivo: un fútbol máis ofensivo, máis rápido, con equipos que propoñían moito. Acabamos a tempada bastante ben.»

A comparación dos grupos 3 e 6 da Primeira Futgal según Madriles

FIL: Comparamos o grupo 6 co grupo 3 de Lugo. Hai moita diferenza de nivel?

JMFN: «A diferenza está na forma de competir. Os equipos do noso grupo 3 de Lugo tamén compiten, a súa maneira, moito e moi ben. Alí, en Vigo e Pontevedra, ao ter máis poboación teñen por tanto tamén máis e moitas veces mellores futbolistas a nivel individual. En Vigo son pro-ofensivos, plantexando partidos abertos e con moitas transicións, mentres que en Lugo os adestradores, igual ou mellor preparados que os de Vigo, escollen outros recursos e armas tácticas para fortalecer aos seus xogadores e equipos. O noso grupo 3 de Lugo é igual de competitivo e complicado que o de Vigo.»

FIL: O grupo 6 de Vigo ten a todos os seus equipos nun radio de 10 quilómetros. Iso aquí en Lugo é impensable.

JMFN: «A Federación foi acomodando todo ao que querían sempre Pontevedra e Coruña. No ámbito no que di a pregunta o grupo 6 de Vigo é unha auténtica maravilla. Alí en Vigo todos os partidos son duelos bonitos e hai moito derbi: Tomiño, Erizana, Gondomar, Tyde… Todos están moi preto e faise moito carto nas taquillas e reina un gran ambiente, posibilitando un menor gasto dos equipos en desprazamentos.»

«En Lugo nunca nos queixamos das distancias e así seguimos. Os equipos do centro de Lugo si que somos os máis favorecidos mais ao final tamén temos viaxes como o que teremos este domingo a San Miguel de Reinante, de cerca de hora e cuarto. Alí en Vigo o máximo que viaxan son vinte minutos. É outro mundo que permite que os seus equipos poidan aforrar en desprazamentos e reinvertir eses cartos en xogadores, polo que o potencial do cadro de xogadores será mellor que en Lugo. En Vigo mínimo hai primas por gañar en Primeira Futgal e inclusive xogadores que gañan cartos como en Lugo pode ser nun Preferente ou Terceira RFEF. Aquí Foz ou Chantada teñen que facer uns desprazamentos que son unha loucura. O que non é maravilloso é a formación dese grupo 6 de Vigo, posto que ascenderon a nove equipos. Iso non é ascender, é «regalar» as prazas.»

FIL: Os entendidos do fútbol lucense afirman que o gran estado físico do cadro de xogadores da Milagrosa pode ser determinante ao longo da tempada. Que pensas sobre isto?

JMFN: «A idea é non pasar apuros, ter un ano bonito de fútbol. Levamos xa moitos anos xuntos e iso axúdanos. A nivel físico estamos ben xa que adestramos como sempre, incluido moito durante a pretempada. Non sei o que adestran os demais equipos do grupo 3. O prototipo de xogador do sénior da Milagrosa é un futbolista intenso, de ritmo, que lle gusta ir e volver, traballar en ataque e en defensa. Creo que o ano pasado en Vigo, coa adaptación a outro fútbol e tendo que correr moito ante equipos mellores que o noso, veunos ben a nivel competitivo. Estamos tamén tendo unha gran facilidade para ver portería neste inicio de campaña.»

FIL: Canta importancia ten a base no sénior da Milagrosa?

JMFN: «Non quero 25 fichas sénior. É moi complicado ter a todos contentos. Nós temos 17 xogadores nesa idade e despois a xuvenís moi bos que aportan e seguirán aportando. Teñen que xogar. No momento en que non teñamos xente da casa no sénior, desfarase. O que veña de fóra ten que adaptarse ao club. O nivel de compromiso marcouse o ano pasado co tema de ir a Vigo e dese nivel non imos baixar. Mentres haxa xente da casa, o sénior da Milagrosa continuará existindo.»

FIL: Canta importancia ten Frigsa para o sénior da Milagrosa. Cústalles ao teus xogadores xogar en herba natural?

JMFN: «Cos partidos fóra da casa teremos un ano de pequena transición, que espero que non nos leve moito. O ano pasado soamente tivemos unha saída a campo de herba natural e este ano en Lugo teremos varias. Buscaremos un equilibrio de resultados na casa e fóra para non pasar apuros. En canto a Frigsa, aquí é moi difícil prantarnos cara xa que sempre hai moito ritmo de xogo polo feito de ter muro e redes. Non hai tempo de descanso entre iso e o ritmo que nós propoñemos sempre. Mais todos xa xogaron en Frigsa e xa saben o que aquí pasa.»

Madriles (SCD Milagrosa): «A Federación foi acomodando todo ao que querían sempre Pontevedra e Coruña»

O balón bota a rodar no fútbol

Madriles (SCD Milagrosa): «A Federación foi acomodando todo ao que querían sempre Pontevedra e Coruña»

O lume detén o fútbol en Pantón

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *