«Fixemos unha temporada impresionante, cun equipo xoven con moitas baixas con respecto ao ano anterior. A media de idade dos xogadores era duns 21 anos e costou collerlle a madurez á categoría. Pero fixemos unha segunda volta impecable. O traballo diario deunos o ascenso». Estas son as verbas dun presidente orgulloso, dun clásico do noso fútbol como Julio Pacios.
A súa Residencia vén de conquerir un novo ascenso á Preferente Norte. Quizais o ano que menos o agardaban. Cun cadro de xogadores cheo de caras novas, sen campo ata ben entrada a competición e cuns rivais históricos e moi reforzados. Como di Esteban, un dos líderes da defensa branquiazul: «nos primeiros partidos vímonos mal». «Non creíamos nisto para nada en decembro. Melloramos moito, sobre todo en tema de actitude, e ao final conseguímolo. A clave estivo nos adestramentos e no bo grupo que temos».
Unha idea que mantén un dos grandes artífices deste «éxito deportivo», como califica esta fazaña o propio adestrador Álvaro Meilán. «A primeira volta foi difícil, cun cambio importante de xogadores e sen campo. Tratamos de darlle continuidade ás ideas de antes. Na segunda volta reforzámonos con lesionados que se incorporaron á dinámica. Tiñámolo difícil e chegamos coas opcións intactas, reais, ás dúas últimas xornadas. É un mérito do grupo, de Héctor e de Antonio Gómez. Curramos moito».
Como ben sinala o preparador lucense, a segunda volta é digna de eloxio (só tres derrotas e nove vitorias nos dez últimos partidos). Con fichaxes dende dentro do vestiario, coma Javi Raposo ou Rober. Que asinaron un rendemento espectacular. Mención especial para o primeiro, despois de ano e medio de recuperación dunha lesión do maldito ligamento cruzado anterior.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Esteban describe nunha frase como era esa sensación de confianza nos últimos dous meses. A dun foguete lanzado a un obxectivo que semellaba unha quimera. «Víamonos ben. Xogabamos os primeiros minutos e víamonos enchufados, e aí xa sabíamos que tiñamos moitas opcións de superar ao rival». Ademais engade un dos secretos da fórmula deste grupo gañador. «A mistura entre xóvenes e ‘veteráns’ foi moi boa. Os Dani, Raposo, Txiki e Rober tiraban do resto. Esixían pero axudaban. E o desexo do que falabamos en Reis cumpriuse».
O importante é que na Cheda a folla de ruta non varía. O ascenso é un agasallo que hai que disfrutar pero as ideas permanecen claras. E o proxecto sostense nunhas bases sólidas. Falando de bases, o primeiro que ambas partes queren, directiva e corpo técnico, é asinar a súa continuidade.
Julio Pacios: «A idea é manter ao corpo técnico. Son xente da casa e trasladaremos a noticia á prensa nos próximos días».
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Álvaro Meilán: «Hai predisposición para continuar e non deixalo aí. Non é oficial aínda. Hai cousas que queremos mellorar e cambiar. Dar ese paso. Confío en chegar a ese acordo».
O seguinte paso é seguir cos mimbres que levaron á Residencia á Preferente a este ano. Julio Pacios desexa manter «o groso do equipo deste ano». Un núcleo que segundo Álvaro Meilán «quere continuar prácticamente o 100×100». «Hai un gran número de xogadores renovado pero non quero dar nomes. Quero falar primeiro con todos os integrantes do equipo», indicou o técnico lugués.
Iso sí, as fichaxes son necesarias para unha categoría tan esixente coma a Preferente. «Reforzarémonos, non só chega con iso». Así de claro o explica que Meilán. E engade: «a mentalidade é traballar con xente xoven que sexa capaz de apretar. De ensinarlle aos chavales e ser un exemplo para todos».
Non pide pouco Álvaro. E por pedir que non quede. Nós dende Futbolinlugo, desexamos que o cadro capitalino se manteña e logre estabilizarse nunha categoría na que nunca terminou de asentarse. Que deixe de ser equipo ascensor. De subir e baixar. E como indica Álvaro Meilán. «Manternos este ano daríanos moitas opcións de asentarnos». Que así sexa. Preferente, Welcome to ‘O fortín da Cheda’.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)