Xa temos finalistas da XXXVIII Copa Deputación. O Antas e o Lugo xogarán a gran final este próximo domingo na Ribela.
O cadro de Dani Abelairas e Noe Pires partía como o gran favorito no Catro Ventos. Porén, o Carballedo quedouse preto da machada. A posesión foi sempre para o Antas ante un cadro local que xerou perigo ao contragolpe. De feito, nunha das primeiras aproximacións do partido; Diana Picos adiantaba ás de Iban Crespo. Xusto antes do descanso, as visitantes devolvían a igualada ao marcador tras aproveitar un erro defensivo do cadro rosa.
Na reanudación, o Carballedo tivo o segundo gol a punto de caramelo. As de Ibán Crespo fallaron a portería baleira. E como quen perdoa, a acaba pagando… A continuación, o Antas aproveito unha serie de rexeites para poñer o 1-2 no marcador. Nos últimos cinco minutos, as locais tentárono en dúas accións a balón parado. Pero o gol caeu de novo do lado do Antas, nun saque desde o curruncho.
Na outra semifinal tamén houbo máis emoción da inicialmente prevista. O inicio resultou o agardado. Dominio total e ocasións para o Lugo ante unha Milagrosa que se encomendou á súa meta Lara, que fixo un partido maiúsculo. A pelota non quixo entrar en toda a primeira metade.
E case que tamén en toda a segunda. De feito, o cadro de Héctor foise crecendo co paso dos minutos e o marcador igualado. Chegando incluso a coquetear coa sorpresa da xornada. No desconto, emerxeu a figura de María. Dobrete e o agardado pase para a final para un Lugo, que sufriu moito máis do que establecía o guion.
Resultados da xornada
Carballedo 1-3 Antas
Milagrosa 0-2 CD Lugo
Sarria, dobre sede para as finais de Copa
A gran final entre Antas e CD Lugo celebrarase este domingo no campo da Ribela de Sarria. O encontro comezará ás 17.30 horas e abrirá unha tarde de fútbol que se completará co Becerreá-Iberia. Esta final da Copa de Segunda e Terceira Galicia terá lugar ás 19.30 horas.
Foto principal: La Voz de Galicia