A miña historia comeza un 16 de setembro de 2012. Maldito día! Quedaramos para ir a xogar a Boiro na cafetería Sylt. E a zona onde solemos aparcar é unha rúa onde hai moitos garaxes con vado.
Íamos preparados a conciencia para poder resistir a un equipo que ese ano ascendería a Terceira. Pois ben, primeiros cinco minutos de partido e xa levabamos un no lombo. Pero o peor aínda estaba por chegar.
Corría o minuto 83 e cun 3-0 en contra saín cortar un centro lateral. Cortar corteino, pero o resultado foi unha rotura de peroné, maleolo externo e algún ligamento do nocello. Canteira boa!
Ese dia acabei recorrendo Galicia ao completo. Chantada-Boiro en autobús e Boiro-Ourense en ambulancia. Botei nove días ingresado e durante todo ese tempo recibín un montón de mensaxes, chamadas e visitas.


Xa tirando para final de semana e aburrido de tanto hospital recibín unha chamada da Garda Civil. Dicíame que xa viran o xornal e que sentían moito o que me pasara pero que ese domingo aparcara diante dun vado e que tiñan que multarme porque o señor do garaxe estivera todo ese día agardando a que alguén lle sacase o coche.
O que me faltaba! Intentei poñer memoria pero despois de sete ou oito días na mesma habitación xa estaba medio desorientado e dixen: «…bue pois será».

Quixen dar pena a ver se daba librado pero o garda non daba o brazo a torcer e non me quedou outra que asumir. Cando xa estaba rematando a chamada o axente empezou a rir sen parar… Foi cando me din conta que o suposto garda era Manolo, o noso conductor do bus. Mandeille un: «Manolo mecagoen**!!!!!».

Creo que me escoitaron en toda a planta. Seguramente era a persoa que mais pobos de Galicia me fixo ver… Pois antes de empezar no fútbol, toquei na banda de Carballedo durante 10 anos. Un grande.
Alberto González Sorribas ‘Albertito’. Músico lesionado, encargado dos acordes da defensa do Chantada
