Cada semana vivimos nos nosos campos situacións difíciles de explicar. Inverosímiles e que desencadean auténticas discusións na cantina. Cantas veces non desexamos ter un regulamento a man para poñer fin á batalla dialéctica? Ou para ‘meterllo nos dentes’ a ese home que berra sen sentido de pé na súa butaca… Agora, témolo moito máis doado. Todo grazas ao colexiado coruñés Xabier Rodríguez. O experimentado árbitro vén de sacar unha versión moderna e simplificada do regulamento, ao alcance de tódolos públicos. Didáctica, interactiva e amena. Lonxe de tecnicismos e vocablos imposibles. Unhas regras de xogo para o pobo, de andar por casa. Sen máis dilación, coñecemos en profundidade a súa obra: Arbi, ¿qué pitas? Un libro que se pode mercar en Amazon por 16,05 euros.
FIL: Xabier, como naceu a idea de escribir un libro sobre a arbitraxe e as regras de xogo?
X.R: Levaba varios anos coa web arbitro10.com e dando clases no Colexio de Árbitros da Coruña. Vin que dende hai 12-14 anos non se publicaba ningún regulamento comentado. Hai circulares e demais porén nada accesible para afeccionados e adestradores
Penso que o fútbol lucense perdeu un ‘pouquiño’ nos últimos anos
FIL: Así, que te puxeches mans á obra…
X.R: Empecei en xaneiro, tiña moitas ideas. E fun pouco a pouco. Tratei de explicar un texto xurídico, que sexa entretido de ler. Para o lector e para o árbitro que comeza, por exemplo. E fíxeno ao través de Amazon, que dentro do complicado que é este mundo editorial, foi doado.
FIL: Que nos podemos encontrar en ‘Arbi, ¿qué pitas?’
X.R: Atópanse as dezasete regras do fútbol, dun xeito divertido e tratando de explicar a orixe das mesmas. A súa evolución. Ofrecendo a xogada de referencia, accións curiosas… Para relacionar tentei insertar enlaces a vídeos pero no papel é complicado. Busquei salvar ese problema de dúas maneiras: con códigos QR complementarios, enlazando ao multimedia ou noticia. E doutro xeito tamén, creando a web lasreglasdexabi.com, que se complementa co libro. Por certo, agardo que non teñamos atrancos e poder sacar nun mes unha versión do libro electrónica, en Kindle.
Ninguén leu as normas salvo os árbitros e algúns adestradores
FIL: A obra reflicte parte da túa experiencia sobre os terreos de xogo. Que é o máis salientable ou raro que atopaches nun campo de fútbol?
X.R: Hai xogadas… Hai casos en Galicia, que se vén cando un vai aos exames do árbitro. Para min as máis complicadas son as do vento. Por exemplo, recordo unha. Cando o balón sae da área e o vento o devolve a área e tócao o mesmo xogador. Un pensa que non pasa nunca. Pois pasou en Ferrol cuns xuvenís. E é libre indirecto ao tocar dúas veces seguidas o mesmo futbolista. Despois, en Internet podes atopar agora adestradores que cortan ataques, xogadores do mesmo equipo que se pegan, suplentes que entran a cortar xogadas… Xogadas ‘imposibles’ e que pasan.
FIL: O libro tamén ten un carácter didáctico. Ves que falta formación nos colexiados ou nos afeccionados nas bancadas?
X.R: O problema do fútbol é que todo o mundo pensa que sabe as regras. As regras ninguén as leu salvo os árbitros e algúns adestradores. O libro tenta loitar contra os mitos. Ti podes tocar a un árbitro na área pequena, poden saltar dous contra un, ceder ao porteiro o balón co xeonllo… É algo didáctico, con historias, anécdotas e experiencias. Quería que fose lexible e que non aburrise.
FIL: Pertences á Federación Galega de Fútbol. Colaborou esta institución coa realización da túa obra?
X.R: Non, porque tampouco o pedín. É unha iniciativa persoal e eles non me puxeron trabas. Mantívena en certo segredo por se ao final non saía adiante.
FIL: Unha pregunta obrigada. Con tantos anos de experiencia ás túas espaldas, cal é a túa opinión do fútbol lucense actual?
X.R: Eu teño pouco que dicir porque en Terceira División agora só está o Racing Villalbés. A Magdalena é unha marabilla polas súas dimensións e o céspede. Algunha vez pitei de xeito ocasional ao Ribadeo nesta categoría ou ao Lugo no Anxo Carro. Sempre me trataron ben. É certo que se botan de menos campos coma o do Viveiro, con esa grada baixa… Penso que o fútbol lucense perdeu un ‘pouquiño’ nos últimos anos. Antes había 5-6 equipos mariñáns na Preferente: Alfoz, Iberia, Burela, Pontenova, Mindoniense… Estaba ben arbitrar neses campos e nótase esa baixón ao non estar eses conxuntos.
O libro tenta loitar contra os mitos. Ti podes tocar ao porteiro na área pequena
FIL: Antes de rematar, tes pensado presentar a túa obra na nosa provincia?
X.R: Eu son novato nisto de escribir. Se pensanse que isto ía ser tan complicado, non o tería escrito nunca. O doado é escribir. Pero logo contactar cos medios, facer o márketing… dame reparo. En A Coruña fixen unha presentación oficial e todo o mundo me está animando para que faga máis. Se finalmente as fago, e hai unha na provincia de Lugo, informareivos!