Corría o 5 de novembro do 2016 e o Portomarín estaba situado na oitava posición con catorce puntos. Por aquel entón, na Terceira Galicia grupo sur Castroverde e Monterroso B xa comandaban a clasificación e prevíase que fosen os rivais a batir ao longo de toda a temporada. Ese mesmo 5 de novembro foi o primeiro partido oficial do tándem César Gallego e Sergio Arias como adestradores do Portomarín. O conxunto das ribeiras do Miño recibía no Chao da Poza, precisamente, ao Monterroso B e o debut non puido saír mellor. 8-0 ante un dos candidatos ao ascenso.
E a partir de aí, o Portomarín xa non soltou a xeira positiva que mantivo ata o final de liga. Co novo corpo técnico, o equipo das terras da augardente xogou dezaseis partidos e só perdeu un, ante o campión, o Castroverde. César Gallego destaca que «creamos un moi bo ambiente no vestiario cando chegamos en novembro. Os xogadores estaban con nós e nós co equipo«. Unha situación que sempre é primordial para que as cousas funcionen e iso deu pé a que «os futbolistas creran que era posible ascender» en palabras de Gallego.

Non obstante, no momento da chegada dos dous adestradores a finais do outono o obxectivo non era o ascenso pola situación clasificatoria na que se atopaba o club. «Naquel entón o propósito era entrar na promoción. Os primeiros estaban moi afianzados. Pero na segunda volta todo saíu moi ben, fixemos 40 puntos de 45 posibles» afirma César. E como en todo bo club local que se precie, o traballo non ten que vir só dos que están sobre a herba. «Hai que salientar o traballo na sombra do presidente e do vicepresidente. Dous xogadores son o secretario e o tesoureiro. Á xente apetécelle vir xogar aquí, hainos de Lugo que xogan con nós», recoñece o míster.
A remontada quizais parece que foi máis sinxela do que realmente foi. Gañar todos os partidos durante unha segunda volta menos dous, nunca é fácil. Para Gallego a chave estivo no triunfo en Monterroso, xa que de perder ese enfrontamento o Portomarín case que quedaría sen opcións a pesar do baixón sufrido nas últimas xornadas polo filial da Ulloa. A boa xeira do equipo foi superior aos nervos das últimas xornadas e a certa presión que había por acadar o obxectivo que foi cambiando segundo avanzou o curso.


E a pesar de que o tándem portomarinense no banco foi inmellorable, o técnico pon o foco nos xogadores: «os artífices do ascenso son os futbolistas. Un adestrador fano os xogadores. por moi bo adestrador que sexas se non tes mimbres non fas nada». E que ao lado de César, está Sergio Arias, tamén de Portomarín e xogador na actualidade do Racing Vilalbés da Terceira División. E tamén sabe de que vai o tema. «O tándem foi moi ben. Sergio leva moitos anos xogando a un nivel alto, adestrouno Quique Setién, Fonsi Valverde ou agora Óscar Gilsanz. Combinamos ben, el cando xogabamos os domingos non podía vir, pero cando tiñamos partido os sábados estabamos os dous», apunta César.

Agora toca pensar no que vén. En primeiro lugar a Copa Deputación na que César prefire apostar polo «partido a partido» sabendo que probablemente a primeira eliminatoria sexa en forma de derbi, contra o Paradela por proximidade. E de cara o vindeiro ano aínda non teñen clara a súa continuidade pero afirma que «se segue o bloque desta temporada non será difícil salvarse, aínda que é complicado porque hai varios xogadores que poderían xogar noutra categoría superior. De feito algún deles xa xogou en Preferente ou Primeira«.
César leva vinculado ao club da súa vila dende os 16 anos. Estivo 13 como xogador e xa antes estivera tres como técnico. Afirma que o importante nestas categorías é que haxa unión e pásalo ben, aínda que a todo o mundo lle gusta gañar. Amosa o seu cariño polo fútbol local e polo da súa zona en particular, pero advirte do perigo que corren equipos como o Portomarín e outros. «Chegará un punto no que se acabará e non a moi longo prazo. Agora hai unha fornada de rapaces que si está interesada e lles gusta o fútbol, pero cada vez queda menos xente», sentencia César que reflicte unha realidade que acontece en varias vilas e parroquias lucenses. Ogallá que este ascenso sirva de revulsivo e sexa un novo espertar para a vila de Portomarín e outras da provincia. Sen eles, Futbolinlugo tampouco podería existir.
