#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Primeira Futgal

Unha final en plena liga regular

Ás veces o calendario e as temporadas son caprichosas e acaban poñendo situacións decisivas sen contar con elas. Ademais,  dáse a circunstancia que adoitan ser deses momentos, nos que aínda que o te levou a ese punto foi o bo facer na competición durante o ano, todo o anterior queda medio esquecido e o resume dunha campaña depende de tan só noventa minutos (o que dura unha final, pero sen tempo extra). O positivo é que acontecementos así, fan máis grande ao fútbol de sempre.

Este domingo ás cinco da tarde en Cerdeiriños o Monterroso e o Outeiro de Rei deciden boa parte da temporada. Chegan separados por dous puntos na clasificiación a falta de dúas xornadas para que remate a Primeira Galicia. O Outeiro é segundo con 64 puntos, mentras que o conxunto da Ulloa ten 62. Por momentos na temporada parecía que o Outeiro (que leva nesa posición boa parte do ano) se podía distanciar, pero finalmente chegou a esta situación na que o encontro da penúltima xornada semella decisivo.

O ano pasado o Monterroso chegou sen opcións pero neste depende de si mesmo para ascender á Preferente

Na primeira volta o Monterroso asaltou o Municipal e gañou por 0-1. Aínda así, ao equipo adestrado por Adrián Vázquez só lle valería a vitoria para adiantar ao seu rival na clasificiación e cumprir tamén na derradeira xornada. O empate deixaría a incertidume para o último encontro no que o Outeiro recibe na casa ao Valadouro  e o Monterroso visitará á Milagrosa. Unha vitoria do Outeiro certificaría xa o seu ascenso á Preferente.

O Outeiro volveu a senda da vitoria ante o Chantada B e chega con vantaxe ao partido decisivo

Así o ven os adestradores:



«Chegamos no mellor momento da temporada», Adrián Vázquez míster do Monterroso

Doeron as dúas derrotas seguidas ante o Bóveda e a Residencia, pero dende aquela o cadro monterrosino leva sete partidos sen perder dos que gañou cinco e empatou dous. «Chegamos en moi bo momento de resultados, creo que estamos no mellor momento da temporada. Sabemos que para nós é unha final. Para como se deu a temporada -o Outeiro tivo o seu momento para irse na clasificación- chegamos con opcións de pasarlles por diante. Fixemos un equipo moi competitivo e sabíamos que este ano o ascenso ía estar máis aberto. Trataremos de xogar o noso fútbol, estamos na casa. O partido vai estar igualado e vaise decantar para o equipo que estea máis compacto ao longo dos noventa minutos«, así o ve Adrían Vázquez que afronta o partido con todos os xogadores dispoñibles, tan só coas dúbidas dos dous porteiros aínda que o titular está en bo estado físico.

«O tempo xoga ao noso favor», Juan Peón adestrador do Outeiro de Rei



Como el mesmo di os puntos son os puntos e cada un ten o que ten. Acomodados na segunda praza case que todo o ano o equipo de Outeiro chega con dúas derrotas nos últimos cinco partidos, iso si cos outros tres contados por vitoria. «Será un partido complicado que dependendo do que pase pode clarificar moitas cousas, hai tres resultados posibles. Moi disputado pero tamén moi bonito para os adestradores e os xogadores. Nós agora mesmo levamos un punto máis que o Monterroso na primeira volta, ao final os puntos son os que son. Si é certo que nalgún momento puidemos pegar o «machazo» definitivo. O punto de inflexión puido estar o día no que no minuto 93 o Monterroso gañou en Burela e nós no minuto 93 empatamos en Chantada. A partir diso, unha vez gaña un e outra vez outro. Son partidos nos que non hai que motivar aos xogadores, hai que coidar a tensión. Nós temos que seguir ca mesma idea de sempre sabendo que o tempo xoga ao noso favor. Se saímos cun empate do partido non é un resultado malo. Fóra da casa somos un equipo fiable, só encaixamos nove goles. Imaxino que eles irán arriba a buscarnos aínda que tampouco supoño que de inicio irán dunha maneira descarada porque o partido é moi longo», así o resume Peón quen se lamenta das numerosas baixas que sufriron despois do partido co Bóveda na casa: «temos sete baixas para o domingo. É verdade que o que da un título non é un once, se non un cadro de xogadores, pero nun equipo non profesional nótase moito. Por desgracia cinco delas son de longa duración, con necesidade de operación.»

Prevese un desprazamento importante da xente de Outeiro e os seareiros habituais de Cerdeiriños tampouco fallarán. Fútbol en estado puro para desfrutar dunha auténtica final en plena competición regular.

Unha final en plena liga regular

Hemeroteca: O renacer da Sarriana

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *