*Monterroso-Guntín (2-1): Volveu saborear un triunfo o Monterroso. Os de Óscar Méndez encarrilaron o encontro na primeira metade, cos goles de Melchor e Basi. E complicáronse a vida no segundo tempo, ante un Guntín que mellorou as súas prestacións. Os de Martín recurtaron diferenzas no marcador e apretaron ata o pitido final. Iso sí, os tres puntos quedaron en Cerdeiriños.

*Castro-Folgueiro (1-1): Pouco fútbol se viu sobre o maltreito céspede do Arturo Pereiro. Ambos equipos dispuxeron de ocasións suficientes para levar a vitoria. Niko Edrosa fallou un penalti nada máis comenzar. Play adiantou aos de Vitín xusto antes do descanso. Na reanudación, puido pasar de todo. Oki salvou un punto a cinco minutos do remate nun balón parado. O Folgueiro, que rematou con dez, rozou os tres puntos nas postrimerías en sendas ocasións de Mora e Aurelio.

*Lourenzá-Xove Lago (1-1): Un soberbio Lourenzá impuxo a súa lei na primeira metade. E certificou a súa superioridade cun gol de Yago Cruña. Bruno Gómez corrixiu e moito durante o tempo de lecer. E viuse outro Xove no segundo tempo. O cadro verde empatou nuns bos primeiros vinte minutos da reanudación. Logo, o partido igualouse de novo. Con oportunidades e imprecisións para ambos conxuntos. Iso sí, ninguén foi capaz de marcar de novo.

*Outeiro de Rei-Friol (1-1): A polémica arbitral marcou un encontro no que o Outeiro mandou co balón e o Friol nunca se deu por vencido. Diego Redondo e Dani Renda perdonaron nunha primeira metade sen goles. Na reanudación, Jorge Pereira adiantou aos visitantes nun dubidoso penalti, que rematou co local Brais expulsado. Cando o triunfo semellaba viaxar cara o Municipal, Isaac aproveitou un rexeite de Dieguiño; no que moitos reclamaron falta sobre o meta dos de Josito Jul.

*Chantada Atlético-Pastoricense (1-1): Novo empate a domicilio dun Pastoricense que meteu en serios apuros ao seu rival no inicio do partido. Os de Fran Veiga fixeron arte do seu fútbol directo pero foron os de Fran García os que se adiantaron no marcador. O Chantada Atlético creceu co paso dos minutos. Aínda que recibiu o empate nun saque de falta. Na reanudación, o balón pertenceu aos do Sangoñedo ante un Pastoricense que buscou a contra. O combate rematou en táboas.

*Riotorto-Burela (2-0): Samu desfixo a igualdade nunha primeira metade de poder a poder. Tralo paso pola zona de vestiarios, o conxunto do debutante Ramallal convertiuse no amo e señor do encontro. Impuxo o seu xogo directo e levou as segundas xogadas. Manu Carreira materializou o segundo e definitivo gol ao comezo da reanudación e o partido non tivo máis historia.

*Pol-San Roque (3-0): Completo encontro do Pol ante un San Roque ordenado pero que apenas xerou perigo. Esta vez sí, os de Fernando Corredoira realizaron unha boa posta en escena. E á media hora xa mandaban por 2-0 grazas a dous fermosos disparos de Rasilla e Kevin Pierre. A sentencia quedou para a segunda metade, cando Ibai fixo o terceiro e definitivo tanto ao culminar unha boa acción colectiva.

*Taboada-Chantada (2-4): Derbi dos que fan afección. Especialmente unha primeira metade que tivo de todo. O Chantada sobrepúxose ao ímpeto inicial local a base de efectividade e pegada. E colocou o 0-3 a dez minutos do descanso. Iso sí, xusto antes do tempo de lecer tirou todo pola borda. O Taboada situouse a tan só un gol e viu como ía xogar toda a segunda parte en superioridade numérica pola expulsión de Álex Delgado. No entanto, a reanudación mostrou a un Chantada espectacular en tarefas defensivas. Os de Juan Rodríguez afogaron o intento de remontada branquiazul e certificaron os tres puntos nun saque dende o curruncho.

*Santaballés-Atlético Escairón (2-1): Era o partido da xornada, entre primeiro e segundo clasificado. Non defraudou. O balón parado chairego mandou nunha primeira metade na que o Atlético Escairón tivo máis balón. Un penalti transformado por Dani San e un lanzamento de falta de Pelao puxeron o 2-0 ao descanso. Montoto deu entrada a Toti, que regresou da lesión ao grande. O seu equipo xerou máis perigo tralo tempo de lecer e mesmo se permitiu o luxo de marcar un tanto de cabeza. Nos últimos minutos a tensión foi a tónica dominante. De feito, Alami rematou expulsado. E os de Dani Moirón pecharon o triunfo sen grandes apuros.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*