#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

Trío de Ases Terceira e Preferente (Xornada 10)

A décima xornada trae malas novas para os noso equipos da Terceira: Racing Vilalbés e Polvorín caeron derrotados. Mentras tanto na Preferente, a Sarriana continúa imparable logo de vencer ao Castro no derbi provincial, o Ribadeo gañou na casa, e o Viveiro e o Foz sumaron un punto.

O Racing Vilalbés sucumbiu na Madalena (0-2) ante o Ourense C.F., rival directo para saír dos postos baixos da táboa e Xoán Peón deixou de ser adestrador do conxunto chairego logo de oito encontros sen atopalo camiño do triunfo. O cadro ourensán adiantouse antes dos dez miutos de xogo por medio de Lamelas nunha xogada a balón parado e foi quen de controlar as escasas acometidas dos vilalbeses. Nos últimos minutos de encontro, Xusto ía ser sustituído, pero cando o seu dorsal xa aparecía no cartelón o xogador trocado tivo que ser Vérez ao sufrir molestias. Neses intres, o central focense viu o segundo cartón amarelo, e poucos minutos despois José Varela tamén foi expulsado. Ahí finalizaron as esperanzas de empate do Racing.

Tamén caeu derrotado o Polvorín por dous tantos a un no Municipal de Laracha, nun enconto con dúas partes ben diferenciadas. Na primeira foi superior o cadro adestrado por Óscar Gilsanz, adiantándose no minuto 7 cun gol en propia porta do central lucense Pedro López e pouco antes do descanso, o xogador da canteira do Deportivo Iago Novo ampliou as diferencias no marcador. Na segunda metade mellorou o conxunto de Durán realizando os mellores minutos no que vai de temporada. Cuadrado, tan só un minuto despois de entrar desde o banquiño anotou o tanto lucense, e o mesmo dianteiro así como Varo, tiveron ocasións claras para acadalo empate. Asímesmo, o filial do C.D. Lugo reclamou penalti sobre Antón a falta de vinte minutos para o final.



O derbi entre o Castro e a Sarriana resolveuse a favor dos visitantes (1-2). O conxunto de Alberto López segue imparable na segunda posición, mentras que os chairegos continúan sen coñecelo triunfo. Os sarriaos non entraron ben no encontro e o Castro adiantouse por medio de Buíde. Cinco minutos máis tarde, Alberto cometeu penalti sobre Quiroga, polo que viu o cartón vermello directo, e a pena máxima foi transformada por Marzán acadando o empate. A decisión arbitral foi moi protestada polo conxunto local. Xa en superioridade numérica, a Sarriana fíxose co dominio do encontro, e sobre todo na segunda metade contaron con ocasións para darlle a volta ao marcador. Acadouno no minuto 77 por medio de Diego Núñez dun potente cabezazo.

O Ribadeo saiu victorioso do encontro ante o Dubra disputado no Pepe Barrera (2-1). O cadro adestrado por Rafa Casanova continúa invicto e xa é cuarto na clasificación. Malia non realizar unha primeira metade moi vistosa, apenas concedeu ocasións ao rival. Vizoso e Javichu tiveron as máis claras para os mariñáns, e preto do descanso un claro penalti sobre o de Portomarín non foi sinalado polo colexiado. Na segunda metade, un zapatazo de Pablo Rivas desde fóra da área supuxo o primeiro tanto do Ribadeo, que ampliou diferencias a dez do final por medio de Luki, logo dunha gran xogada de Adrián Barrera. Co encontro controlado, o Dubra recurtou distancias despois dunha indecisión no mediocampo ribadense, que foi aproveitado por Gonzalo, que contou coa colaboración de Hugo, que non estivo acertado. Nun desconto extraordinariamente longo, o Dubra tivo a ocasión de empatar desde o punto de penalti, pero o gardamenta focense, enmendou ao grande o seu erro detendo o lanzamento e dando os tres puntos ao seu equipo.



O Viveiro encadea a séptima xornada sen perder. O cadro de Chusky acadou un punto en Boimorto (1-1) nun encontro no que os viveirenses partían con baixas importantes. Partido moi igualado que puido caer pra calquer lado. O cadro local adiantouse aos poucos minutos da reanudación, pero tan só tres minutos despois Marino igualou a contenda.

O Foz segue sumando, desta vez un punto no Martínez Otero, logo de empatar a un tanto ante o Arteixo. Os tantos chegaron no primeiro cuarto de hora. Adiantouse o cadro coruñés por medio de Denis, ex xogador do Polvorín, e aos catro minutos Xenxo igualou a contenda. Encontro moi disputado e empate xusto, pero no que o cadro focense tivo ocasións para facerse cos tres puntos.

 

Trío de Ases Terceira e Preferente (Xornada 10)

As nosas redes falan

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *