Aquí, con todos vostedes, os resumos e os Máxicos desta emocionante novena xornada ligueira na Primeira Galicia.

*Monterroso-Riotorto: O Riotorto mostrouse coma un rival moi incómodo ante o novo segundo clasificado da Primeira. O fútbol directo reinou en Cerdeiriños. O Monterroso sufriu no acto inicial ante os de Suso Orxás, que non viron porta debido á súa falla de puntería. Na segunda metade mantívose a mesma tónica de balóns en longo. Os da Ulloa melloraron as súas prestacións e leváronse os puntos co solitario gol de Fente no tramo final. Nesa xogada, os de Óscar Méndez quedaron cun home menos pola expulsión de David. Os locais aguantaron o tirón en inferioridade e colócanse en ascenso directo.

*Folgueiro-Chantada: Boa Vista segue a ser un pesadelo para todo visitante que se precie. Máis aínda cando Aurelio logrou firmar un doblete antes do cuarto de hora. O cadro do Sangoñedo repúxose e acurtou diferenzas antes do tempo de lecer. Tralo paso pola zona de vestiarios, os chantadinos empataron e Javi Ramos xa tiña tamén o seu doblete. Nos últimos minutos, o balón parado resultou decisivo. Na previa dun intenso desconto, Oki puxo o 3-2 de penalti. Porén, os de Juan Rodríguez salvaron un punto nun saque dende o curruncho no minuto 94. Un premio á insistencia do Chantada despois do caudal ofensivo que mostraron na Mariña.

*Castro-Friol: Resultado enganoso para un encontro que non se resolvou ata os minutos finais. O Castro levou a iniciativa ante un combativo Friol, que vendeu cara a derrota a pesares da súa escasa pegada. Na primeira metade, as ocasións serviron de pouco. Os goles chegaron na reanudación. Os de Jon Vázquez dispuxeron dun man a man de Rafa que o colexiado invalidou por suposta falta anterior de Felipe. Acto seguido, chegou o gol dos de Vitín. O cadro chairego non era capaz de aumentar a súa renda. E os da Reigosa queimaron todas as súas naves na busca do empate. Descoidaron a súa retagarda e os locais mataron o partido ao contragolpe cun doblete de Niko Edrosa.

*Pastoricense-Burela: Baixo unha tremenda chuvieira e cun paraugas no que ambos conxuntos reclamaron varios penaltis, o Burela impuxo a súa lei. Na primeira metade apenas sucederon cousas. Os goles e a emoción apareceron na segunda. Adiantouse o cadro de Jaime Méndez cun tanto de Jony. A partires de aí, o Pastoricense subiu liñas. Xerou perigo a balón parado, unha das súas grandes fortalezas. Porén os tres puntos fóronse para A Mariña coa sentenza de David Ben.

*Guntín-Xove Lago: O Guntín estase a facer forte en Ladairo. Na primeira media hora feriu de gravidade a un Xove Lago descolocado. Os de Martín dominaron a través do xogo directo e as segundas xogadas. E marcharon cun 3-1 ao descanso ante un rival que puido marcar algún gol máis. Na reanudación, os visitantes recurtaron diferenzas. E perdonaron en exceso ante un Guntín, que matou o encontro nun erro mariñán nas postrimerías do encontro.

*Pol-Lourenzá: O colista rozou o susto no Manuel Luna. Abriu a lata un Pol ao que lle sentou mal o gol. Viuse abaixo ante o ímpetu laurentino. Recalde igualou de penalti e Luis Santamarina fixo o segundo á volta de vestiarios. Os de Fernando Corredoira apostaron entón por defensa de tres homes na busca da remontada. As alternativas foron tales, que do posible 2-3 (anulado) pasouse ao 3-2 definitivo. Panchito asinou un doblete e Rois regresou aos terreos de xogo despois da súa lesión de menisco.

*San Roque-Santaballés: Guion xa visto na Polvoreira. Fútbol directo, tensión e todos os goles chegando a balón parado. O ritmo lento da primeira metade deu paso ao maxistral servizo de Cumbraos dende a esquina para Borja na reanudación. 1-0 e tocaba remar contracorrente pola Chaira. O Santaballés tirou de oficio. Igualou nun lanzamento de falta directa de Pelao e levou o triunfo no límite, cun tanto de penalti de Álex Novás.

*Atlético Escairón-Outeiro de Rei: Chegou a primeira derrota da temporada para un Outeiro que sae da zona de ascenso. O Atlético Escairón firmou un partido moi serio e deixou os tres puntos no Saviñao. Os de Montoto marcaron nada máis comezar, souberon sufrir e afogaron ao seu rival cunha intensa presión alta. Os de Josito Jul nunca atoparon o seu xogo ante un conxunto azulón rápido e vertical, que matou o encontro nun rexeite dun saque de esquina.

*Chantada Atlético-Taboada: Emocións a flor de pel nun derbi no que o resultado foi o de menos. Un escalofriante choque de cabezas entre Fede e Álex Ratón rematou con este último no hospital. Con final feliz, iso sí. Todo está en orde. No relativo ao xogo, o encontro desatouse na media hora final despois dunha primeira parte sen apenas ocasións claras. Nun carrusel de chegadas para ambos equipos, o Taboada golpeou primeiro no minuto 85. E o Chantada Atlético salvou o empate nunha contra no día do regreso de Fran García coma técnico principal.

Comparte
                                    

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*