Viveiro e Racing Vilalbés foron quen de anotar tres goles en campo contrario, pero este feito non foi sinónimo de vitoria. Foi meritorio o punto dos mariñáns no Couto diante da UD Ourense, aínda que logo de adiantarse tres veces no marcador ten un sabor agridoce. Os chairegos caeron no campo do Choco malia perforar en tres ocasións a porta dos redondeláns. Tampouco foi a xornada do Polvorín, que caeu pola mínima, e con polémica diante do Arenteiro na segunda xornada da segunda fase de Terceira.
O Polvorín cae diante do Arenteiro logo de oito xornadas invicto (1-0).
Un polémico penalti na primeira metade resultou decisivo para o marcador final no campo do Espiñedo. O Arenteiro, un dos grandes favoritos ao ascenso, deu un paso de xigante para acadar o obxectivo, mentres que o filial albivermello é terceiro na táboa a seis puntos do segundo posto.


Comezaron mellor os locales, pero non tardaron moito os de Álex Ortiz en facerse co seu sitio nun encontro que xa comezou cunha acción polémica. Julen arriscou nunha saída e derribou fóra da área a Sylla. O colexiado, no medio das protestas dos xogadores do Arenteiro, amosoulle cartón amarelo ao gardameta lucense. Nunha primeira metade na que non houbo moitas ocasións de gol, as mellores foron para o Polvorín. Antón Escobar obrigou a intervir a Diego García e Christian rematou desviado un testarazo logo dun centro de Martín. Moi preto de rematar o tempo reglamentario o balón chegou á área lucense logo dun despexe do gardameta local e o colexiado sinalou penalti ao interpretar que Dani Vidal derribara a Marquitos. A acción, moi discutida, rematou co lanzamento de Renan ante o que nada puido facer Julen.
O dominio na segunda metade foi do Polvorín, pero atopouse coa sobriedade da zaga do Arenteiro. Os de Fran Justo amosaron o seu bo facer defensivo e non concederon moitas ocasións ao filial do C.D. Lugo. As máis claras non chegaron ata os últimos compases do encontro. Manu Núñez, cun centro chut, e sobre todo Marcos cun potente disparo desde fóra da área puxeron en apretos a Diego García. O Arenteiro buscou a sentencia á contra coa velocidade de Sylla, que gozou dunha boa oportunidade.

Non puido o Racing Vilalbés puntuar no campo do Choco nun encontro no que foi a remolque (4-3).
Cun partido menos, o adiado a pasada xornada diante do Rápido de Bouzas, e coa derrota sufrida en Redondela, os de Simón Lamas seguen no máis alto do grupo intermedio, aínda que agora cun marxe de tres puntos.
O técnico chairego trocou o sistema de xogo e alineou en Santa Mariña unha liña de tres centrais formada por Vérez, Caballero e Muíña. Unha das grandes novidades no once foi o meirego Marino, que xogou no carril esquerdo. Non tardou o Choco en trastocar os plans do Racing. No primeiro acercamento, Iano batiu a Rumbo cun bo testarazo. Foron momentos de desconcerto dos vilalbeses e o cadro local gozou de ocasións para ampliar a diferencia por medio de Davo, Fran Monroy e do lucense Alberto Suárez. Pouco a pouco o Racing Vilalbés logrou entrar no encontro. Cuadrado asustou e escasos minutos despois Pedrosa igualou a contenda. O ribadense executou á perfección unha falta e o balón colouse na porta defendida por Kevin.
O comezo do segundo tempo foi moi similar ao primeiro. O Choco non tardou en poñerse de novo por diante cun tanto de Caloi. O Racing lanzouse na procura do empate e concedeu espazos ás costas da defensa. Os locales aproveitaron ese feito e Martín fixo o terceiro tanto. Nos últimos minutos chegaron maís goles. Bruno Caballero recurtou diferencias de cabeza, pero Fran Monroy non tardou en lograr o da sentencia. Xa co tempo cumprido, o xuvenil Rares aproveitou un bo balón para rematar dentro da área e facer o terceiro para o Racing.
O Viveiro adiantouse tres veces no Couto pero só puido sumar un punto (3-3).
Un punto importante para o conxunto mariñán na carreira por evitar o descenso a Preferente. Os de Chusky foron quen de adiantarse por tres veces no marcador, pero non mantiveron a vantaxe diante dunha UD Ourense que queda seis puntos por debaixo dun Viveiro que mantén un marxe de tres puntos sobre o quinto posto.
O comezo foi favorable para un Viveiro que non tardou en adiantarse no marcador cun golazo de Asier. O disparo do focense colouse pola escadra de Dani Sampayo. A UD Ourense reaccionou por medio do seu mellor xogador, Raúl Melo. Avisou a primeira vez cun disparo que marchou fora por pouco, pero á segunda acadou o empate tras superar a Manu Cedrón na saída. Non pasaron nin dous minutos e o Viveiro voltou a poñerse por diante. Xaime sacou unha falta lateral e Edgar rematou ante as dúbidas na saída do gardameta local. Aínda con máis de dez minutos para o intermedio, o Viveiro puido poñer terra de por medio con ocasións de Asier e Javi Rey.
Na segunda metade o cadro ourensán foi superior e aos poucos minutos Alfredo cun lanzamento desde fóra da área e De Dios preto estiveron de acadar o empate. Pero foi de novo Raúl Melo que fixo a igualada, cun testarazo a centro do ex do Polvorín Varo. Os de Fernando Currás non se conformaron co empate e lanzáronse a polos tres puntos, mentres que o Viveiro tentou sorprender á contra. Amín, ao pouco de entrar no terreo de xogo, obrigou a intervir con acerto a Manu Cedrón, pero os mariñáns xeraron perigo con transicións rápidas. Nunha delas o central Vieytes derribou na área a Javi Rey e Xaime voltou a adiantar aos mariñáns. E logo de poñerse por diante a terceira vez chegou o terceiro empate. Dani Montes fixo penalti sobre Amín e o propio atacante convertiu a pena máxima. Xa co tempo cumprido Manu Cedrón evitou a derrota cunha boa parada tras un remate espectacular de Cabanyes.