O 25 de maio, o Friol asaltaba O Acebreiro na primeira ronda da copa, superando 1-3 ao Pastoricense. Curiosamente, o primeiro tanto do choque (0-1) sería asinado por un home que desenvolve ao mesmo tempo as tarefas de xogador -normalmente, destacado- e de presidente do clube. Un home dabondo coñecido na provincia, Rafa Casanova.Pero a incansable labor de Rafa non remata aí: tamén é o adestrador do Ribadeo CF, á fronte do cal realizou unha máis que digna campaña na Preferente Norte.
Chegados a este punto, quizais nos preguntemos cal é a nova. O polifacético deportista leva convalidando as tres actividades desde o inicio desta 2018/2019 que está a piques de rematar, polo que o falar desta situación a mediados do mes de xuño semella chegar un pouco tarde. Porén, non poderiamos estar máis equivocados.
Como ben sabemos, unha vez rematada a competición regular, comezan as copas na nosa provincia. Copas que se dividen por categorías, dando lugar a dous trofeos distintos: un deles disputado polos clubes militantes na Segunda e na Terceira Galicia, e outro polos conxuntos da Primeira Galicia e os que representan a Lugo na Preferente. Así, Friol CF e Ribadeo FC participan na mesma competición do «K.O.».
Tras vencer en Pastoriza, o Friol realizou unha cea con xogadores, corpo técnico, directiva… na que se bromeou coa posibilidade de quedaren enfrontados no cadro Ribadeo e Friol, plantexándolle a Rafa que faría de darse o caso. O adestrador dos da Reigosa, Jon Vázquez, confesounos que naquel momento Casanova afirmou entre risas que, se ocorría tal cousa, non se presentaría polo campo en todo o día.



Non obstante, o destino, caprichoso coma sempre, converteu as bromas daquela animada conversa nunha realidade histórica no noso fútbol. O Friol venceu en oitavos de final ao Santaballés en penaltis tras un 0-0 no marcador, resultado e desenlace que se repetiría nos cuartos de final ante o Monterroso. O Ribadeo, pola súa banda, impúxose na ronda de 16 á Sarriana (0-1) e nas Rapadas ao Páramo na quenda de penaltis, tras a conclusión do tempo reglamentario con empate a un gol.
Deste xeito, a vindeira fin de semana vivirase algo que será recordado moito tempo no noso fútbol. O técnico dun equipo enfrontarase a outro clube do que é presidente e xogador nunhas semifinales da Copa Diputación. Evidentemente, realizar as tres tarefas ao mesmo tempo será imposible para un Rafa Casanova que se atopa na disxuntiva de escoller unha opción. Adestrar aos da beira do Eo, xogar coa camiseta vermella, manterse á marxe e observar como un mero espectador…?
Desde Futbolinlugo non nos quixemos quedar coa intriga e agardar até o domingo para coñecer a decisión de Rafa, senón que falamos con él para chegar ao campo de fútbol sendo conscientes do que nos atoparemos!


FUTBOLINLUGO: Ola Rafa. Sabes xa que función desempeñarás nas semifinales de copa?
RAFA CASANOVA: Non, aínda non está nada pensado. Non falei co Ribadeo aínda, porque como todo foi onte non hai nada falado. De momento non hai ninguna decisión.
FUTBOLINLUGO: Cando se dea a situación, será entendida a decisión por parte do clube que non contará contigo?
RAFA CASANOVA: No caso do Friol, ao ser eu o presidente, evidentemente sería entendido. No Ribadeo sei que cos xogadores non vou ter problema, porque eles me dicen que xogue co Friol, pero entendería que a directiva do clube tomase outra decisión. O que máis me fastidiaría sería que os socios e seguidores do Ribadeo o tomasen a mal, porque eu creo que nos oito anos que levo alí sempre din o máximo de min, e non me gustaría que por tomar esa decisión agora alguén se sentise mal. Espero que ninguén o tome mal e a miña ilusión é que todo sexa un espectáculo, unha festa do fútbol o domingo.
«Son un afortunado por formar parte de dous grupos humanos increíbles.»
FUTBOLINLUGO: Que sente un cando se atopa ante unha situación como esta?
RAFA CASANOVA: Si, pero hai que tomala pensando que son un afortunado, porque estou en dos equipos que fixeron un temporadón, e agora na copa seguen nas mesmas, están nas semifinais, e por iso son un afortunado. Ademáis en Friol teño un grupo humano, de xogadores increíble… e en Ribadeo non é menos, polo que teño moita sorte.

FUTBOLINLUGO: O que sí é seguro é que Rafa Casanova estará na final de copa.
RAFA CASANOVA: Si, dos catro equipos o único que ten garantizada a presencia son eu. Nin directivas, nin afeccións, solo eu. Pase o que pase estarei contento, así que agardemos que pase quen máis o merezca e que gañe a final. Ogallá en Friol sexa todo unha festa este domingo, cun gran ambiente… e sexa «a sorteo» o que pase á final.
FUTBOLINLUGO: Chegar ás semifinales con ambos conxuntos é un auténtico mérito. Como dirías que se conseguiu?
RAFA CASANOVA: No Friol a ilusión. Desde o principio quixemos a copa, temos unha espiña clavada de fai dous anos, cando perdimos na final, e quixemos resarcirnos desde o primeiro momento. O Ribadeo, equipo de categoría superior, tivo que eliminar a Sarriana, Páramo… pero conta con grandísimos xogadores con moita experiencia que permitiron chegar até aquí, xa que a priori os futbolistas de Preferente teñen un nivel un pouco maior.
«O que máis me gusta é xogar, así que se as lesións me deixan, continuarei máis anos.»
FUTBOLINLUGO: Xa para terminar e de cara á vindeira campaña, continuarás con todas as túas labores, ou quizais deixes algunha delas?
RAFA CASANOVA: Bueno, a directiva do Ribadeo propúxome seguir e en principio non vai haber ningún problema en continuar. En canto á presidencia, na que levo doce anos, aínda me quedan un par de anos así que seguirei. Porén, o que máis me gusta é xogar, así que se me permiten as lesións, encantaríame seguir xogando.
É evidente que persoas como Rafa, que adican a maior parte do seu tempo ao fútbol e, neste caso, a dous clubes, engrandecen día tras día o noso deporte favorito e, en concreto, o da nosa provincia. Agardemos que, tal e como dice Rafa, vivamos un gran espectáculo o domingo, que sirva a ambos conxuntos para recoñecer o enorme mérito que ten este todoterreno do fútbol lucense!!