#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 14

portada maxicos

Achegándonos ao final da primeira fase, os Máxicos traballaron arreo este domingo para deixar aos seus equipos máis cerca do obxectivo.

Outeiro de Rei 1-0 Guntín: o Guntín conseguiu incomodar ao Outeiro no primeiro tempo por medio de balóns directos que a defensa local non era quen de rexeitar. No segundo tempo, o Outeiro deu un paso adiante e, pese a que igualdade foi a tónica dominante, avisou cun gol anulado no 80′ e unha falta directa de Alvarito, ata que Redondo anotou no 92′ logo dunha gran acción individual.

Pol 4-1 Folgueiro: foi mellor o Pol no Manuel Luna ante un Folgueiro que non lle perdeu a cara ao partido en ningún momento. Adiantáronse os locais por medio de Rubén Pardo, e antes do descanso anotaron o 2-0. O Folgueiro mellorou tras o paso por vestiarios e fixo o 2-1, pero o Pol meteu unha marcha máis e anotou dous tantos que lle outorgaron unha cómoda diferenza. Ao final dos 90′, 4-1 para os locais.

San Roque 1-4 Portomarín: dez minutos de desconexión local no primeiro tempo valéronlle ao Portomarín para asinar tres tantos e deixar o partido visto para sentencia. O San Roque tivo un atisbo de reacción tras o descanso, facendo o 1-3, pero a efectividade do líder na Polvoreira foi chave e os do Chao da Poza conseguiron tres puntos moi importantes.



Alfoz 4-1 Pastoricense: comezou moito mellor o cadro visitante, que logrou adiantarse por medio de Hugo Grueira e puido anotar algún gol máis. Porén, os locais anotaron o empate antes do descanso e, á volta dos vestiarios, deixaron moi tocados aos seus rivais co 2-1. O baixón anímico do Pastoricense e un cambio de ritmo do Alfoz propiciou dous tantos máis de Manolito, que asinou así o seu particular Hat-trick, 4-1.

SD Chantada 2-0 Chantada Atlético: o derbi do Sangoñedo decantouse na primeira metade, ao igual que na primeira volta, pero neste caso a prol da SD. Os que o domingo actuaban como locais conseguiron o 1-0 aos tres minutos de xogo, algo que condicionou moito ao Atlético que, pese a que intentou reaccionar, atopouse con outro gol en contra dez minutos despois. Co 2-0 chegouse ao descanso e, pese a que os visitantes loitaron, o gardamallas local mostrouse moi sólido e deixou a súa portería a cero.

Riotorto 1-1 Burela: choque moi igualado na Veiga, como vén a ser habitual nas últimas semanas. O Burela propuxo algo máis no xogo, pero non foi ata un córner no 50′ cando conseguiu o primeiro tanto do partido, Máis tarde, o Riotorto aproveitou un novo saque de esquina para facer o 1-1 entre o lanzador Manu Roca e Marino no primeiro pau. Ao final, reparto de puntos xusto nun partido igualado.



Friol 0-2 San Lázaro: logo dunha primeira parte na que apenas houbo fútbol, o San Lázaro apretou no inicio do segundo tempo e fixo dous tantos aos que os locais foron incapaces de contestar. Os visitantes dominaron o coiro desde o 0-2 e apenas sentiron inquedanzas na súa liña defensiva, pese aos esforzos locais e, en particular, do seu dianteiro Omar.

Xove Lago 2-2 Castro: comezou moito mellor o Xove no Municipal, pois aos dez minutos xa mandaba por 2-0. O Castro reaccionou e recurtou distancias por medio dun penalti no 29′. Na segunda metade ambos equipos buscaron outro gol, aínda que a calidade individual e colectiva do Castro propiciou o empate, anotado por Adrián Román no 67′. Na recta final houbo ocasións para ambos, pero o electrónico non se moveu.

Monterroso 0-0 Taboada: o sobranceiro da xornada rematou sen goles. As reducidas dimensións do Anexo de Cerdeiriños propiciaron un fútbol bastante directo por parte de ambos equipos, que non foron quen de inquedar as metas rivais. Porén, nas escasas chegadas de ambos, os gardamallas Roi e Xabi mostráronse moi sólidos e seguros. Ao término dos 90′, empate que deixa mellor sabor na Medela que en Monterroso.

Sporting Pontenova 1-1 Lourenzá: choque vistoso na Mina no que a intensidade foi a protagonista. No primeiro tempo puido adiantarse o Sporting, pero non foi ata o 67′ cando os locais fixeron o primeiro. Xa por detrás no marcador, o Lourenzá estirouse e logrou o empate nunha falta lateral no 85′. Co 1-1 ambos conxuntos buscaron a victoria pero non foron quen de conseguila.



Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *