Josiño regresou a casa. Na foto, o Pastoricense 2011-2012

Moi boas, futboleiros e futboleiras lucenses. Unha ledicia a chamada de Futbolinlugo para compartir unhas verbas convosco da miña perspectiva do fútbol en 360º coa miña experiencia como afeccionado, xogador, árbitro e adestrador de porteiros nestas case catro décadas da miña vida. 

Fai xa sete tempadas, tras unha lesión de xeonllo e por motivos laborais, que decidín colgar as botas. A chamada fai un par de xornadas dun club ao que lle gardo moito cariño, a UD Pastoricense, tróuxome de novo aos campos da provincia.

A paixón por este deporte venme do berce, xa que meu pai José Yáñez ‘Pepiño’, porteiro a finais dos anos 50, de equipos coma o CD Avenida, a AD Ferroviaria, a SG Comercial, ou a SCD Milagrosa inculcoume dende ben pequeno o bo facer dos porteiros da vella escola. Xa nesas primeiras aprendizaxes mamei o fútbol de antes, aquel que dicía que o fundamento dun bo porteiro era a colocación e amarrar ben os balóns. As botas engraxadas e ben atadas antes de saír ao campo, a camisola por dentro dos pantalóns e nada de subir as mangas daquelas elásticas que hoxe consideraríanse vintage.

Recorda, o 31 deste mes remata o prazo para inscribirse no I Ránking Futbolinlugo. Ponte en contacto connosco para calquera dúbida

A influencia de adestradores dese fútbol de campos embarrados, de arrecendo a herba mollada, de carácter e garra, de expresións que ben podía ter citado o mesmísimo David Vidal; como Avelino ligado aos meus comezos na SCD Milagrosa, Kubala no CD Lugo, Camilo Perol na SD Flavia ou Luisito no Cidade de Santiago. As súas ensinanzas empaparon aos xogadores da nosa quinta dunha competitividade, espírito de sacrificio e orgullo, que hoxe en día parece escasear entre os novos xogadores da xeración Z.

Os sociólogos refírense aos nados na década dos 80 como millennial, que absorberon do analóxico e do dixital. Do mesmo xeito no fútbol tamén aprendiamos de técnicos cunha visión máis moderna do fútbol, no meu caso algúns como Javi López e Miguel García no CD Lugo, Javier Oreiro na SD Compostela, Pepe Martín na SD Sarriana ou Fiz Rodríguez na UD Pastoricense.

As xeracións pasan e o fútbol cambia con elas. Un fútbol hoxe, con mellores instalacións e material a esgalla, respecto daquel da miña infancia de balóns pelados e campos de terra (os porteiros faciámonos duros naqueles campos de adestramento como o Emilio Núñez Torrón, actual aparcamento do Anxo Carro, onde adestrabamos as categorías inferiores do CD Lugo). 

O noso protagonista, na súa época de adestrador de porteiros, no histórico Ciudad de Santiago (2007-2008)

A sociedade actual e o fútbol moderno fabrica xogadores aos que lles falta esa pinga de competitividade, de casta, de amar o que fan. Quizais deberiámonos facer unha pregunta:  Somos felices coa forma de vida que levamos? Vivimos ás présas sen desfrutar o momento, o importante é publicar a nosa vida no Instagram, rodearnos dun excedente de bens materiais carentes de sentido. 

Cada vez é máis difícil ver a nen@s xogando ao fútbol na rúa, adestrar converteuse nunha obriga e non nunha escusa para desfrutar do deporte e xuntarse cos amigos. Hoxe os rapaces prefiren quedarse na casa inmersos nunha burbulla de sobre-protección dos pais mesturada cunha alta dose de mundo virtual.

Hoxe os pais dos pequenos crean grupos de wasap para saber cando teñen que xogar, a onde teñen que ir, que deben vestir. Nós colliámolo bus para subir as Gándaras, faciámola mochila, e incluso algúns lavámola roupa embarrada: palabras textuais da miña nai: “eu métoa na lavadora pero ti quítaslle toda esa terra”.

Onde quedaron as viaxes no bus escoitando o Galicia en goles?, agora cada quen camuflase co seu dispositivo móbil para seguir no seu pequeno mundo virtual.

Vivimos nunha sociedade viciada polo ter e non polo ser, e quizais esta forma de vivir trasladouse ao fútbol.

Unha aperta.

Jose Yáñez García ‘Josiño’. Puro fútbol lucense dende tódolos frentes

Comparte
                                                                     

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*