Cando Futbolinlugo me plantexou a posibilidade de colaborar con eles a resposta non podía ser outra que un si coma unha catedral. Labor impagable a que fan día tras día polo fútbol modesto da nosa provincia. Grazas con maiúsculas.

  1. IDENTIFICARSE

Tiven a enorme sorte de poder formarme durante tres anos en Santiago de Compostela da man do Mestre Xulio Díaz. Del aprendín moitas cousas, unha delas é que un adestrador debe ser recoñecible, ter pesonalidade propia, identificarse como adestrador, guste máis ou guste menos, pero que os seus equipos sexan recoñecibles. 

José Manuel, dirixindo ao Viveiro. LA VOZ DE GALICIA

O adestrador de fútbol debe de adaptarse ós xogadores que teña, é por iso que ese ‘ser recoñecible’ ás veces non sexa tan doado, pero sempre ten que existir un ‘algo’ que identifique a un equipo cun adestrador. Para min son a orde, a intensidade e a solidariedade máis aló dos diferentes sistemas, posicionamentos e estilos adaptados en cada momento e do potencial individual e colectivo do equipo en cuestión. 

Gústanme os xogadores que se deixan a pel no campo, que morren por chegar a un balón, xogadores intensos, rápidos, potentes, que non paran de correr para riba e para baixo, honrados, traballadores, que sintan o escudo que levan no peito. Ós que non lles ‘gusta’ correr tanto pídolles entón que sexan diferenciais para o equipo.

Equipos sólidos, que encaixen pouco. Defender ben  para atacar mellor, ver onde somos fortes para a partir de aí poder construír. Pero sempre equipos que tendo un nivel técnico alto, medio ou baixo ou xogando ben, mal ou regular compitan unha e outra vez, vendendo sempre cara a súa derrota . Así me gustan os equipos máis alá de gañar, empatar ou perder. Traballo, traballo e máis traballo.

  1. EQUILIBRIO ENTRE ‘O NOVO’ E ‘O VELLO’

Ese é da vella escola”…”está moi anticuado”…”parece que ten un aeroporto na campo de fútbol” (aludindo ó uso excesivo de material que utiliza nas sesións de adestramento). Sempre se escoitan frases destas para cualificar a metodoloxía empregada ou a disposición dos seus equipos no campo, para falar dunha maneira pouco analítica deste ou daquel adestrador. 

José Manuel, nunha das súas etapas en Xove. ANTONIO VAZTRA

Nin hai que desbotar o de antes nin o actual é a panacea. Non nos podemos quedar atrás, é preciso actualizarse, hai que poñerse ó día, coñecer novos métodos de traballo. É precisa a actualización en coñecementos relacionados coas distintas disciplinas que rodean o fútbol pero tamén é moi importante aplicar a experiencia das cousas que antes funcionaban. Saber cando e onde misturar os dous métodos dende o meu punto de vista pode ser chave.

  1. A SEMANA

Non sei se me gusta máis a rutina da semana ou a adrenalina do domingo, ou sí o sei: as dúas. 

Pero voume deter na primeira porque me encanta a rutina semanal (son adestrador porque me gusta adestrar).

Estamos falando de fúbol afeccionado e aínda que na maior parte dos equipos nos que estiven quedei moi contento da asistencia dos xogadores ós adestramentos, pagaría por poder adestrar nun equipo no que sabes que sempre vas ter a toda a plantilla á túa disposición e poder planificar cada sesión sen medo a que che falte xente e teñas que improvisar e mudar toda a sesión. 

Outra cousa que aprendín do Mestre Xulio Díaz é gastar, gastar e gastar folios e papeis. Explícome: Nun ‘arreón’ dos seus no medio dunha clase de Táctica Nivel 3 animábanos a formular tarefas e se non saían ‘papel ó chan e outro papel’ ata que o chan estivera cheo de papeis. Moitas libretas levo gastado, moitos folios tirados porque non entendo unha sesión de adestramento sen unha finalidade (físico-técnico-táctica-emocional) e coas tarefas ben estructuradas e buscando sempre o equilibrio entre o didáctico e o entretemento. 

O Racing Vilalbés foi a última parada de José Manuel como xogador

O obxectivo cando remato unha sesión de adestramento é que o xogador perciba e interiorice que esa sesión de adestramento lle serviu para algo (non fai falta preguntarlles, cos anos vaste decatando simplemente coa mirada do xogador, se vexo o que busco voume feliz para a casa, é por isto polo que adestro, porque os xogadores consiguen que me vaia feliz para a casa o 90% das veces, senón non adestraría, por iso me considero un adestrador afortunado e agradecido).

No fútbol afeccionado os adestradores temos un papel importante á hora de xestionar e mobilizar á xente para adestrar.

José Manuel F. Teijeiro. Recoñecido adestrador e exporteiro do noso fútbol.

Comparte
                              

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*