A Terceira Galicia volveu á competición despois dunha semana de parón (de máis días para algún equipo no grupo sur) para parar de novo a vindeira fin de semana. Desta volta fíxoo con cambio de líderes. No norte, o Muimenta aproveitou as primeiras derrotas da temporada do Celta Barrerios e do Fonsagrada para encabezar a clasificación. No sur, o Paradela recuperou o primeiro posto ao superar na diferenza de goles ao Quiroga. Ademais o Castroverde e o Sober puideron irse de vacacións, xa que tocoulles descanso nesta xornada e a liga non volverá xogarse ata a primeira fin de semana de novembro.
No grupo norte, o Muimenta venceu na casa ao Cazás logo de tomar distancias moi cedo; os irmáns Palito e Ángel marcaron cadanseu gol pero xa era tarde para tentar a igualada. Curioso é tamén o caso do Celta Barreiros e do Fonsagrada que nin perderan nin encaixaran goles ata o momento. Pola contra, na súa primeira derrota recibiron cinco goles do rival. O conxunto adestrado por Fran Vázquez caeu ante o Catro Roldas, a pesar dos bos goles de Hugo e Andina e bo traballo de Álvaro e Congui como máis destacados. No equipo de Román sobresaíu a actuación de Esteban Boo con dous goles e un pase de gol, e tamén o bo tanto de Seijas. Pola súa parte, o cadro fonsagradino viuse superado ante un Matela con Trigo e Maikel, con dobrete, como máis sobranceiros. Completa os postos de play-off nestes momentos o Alfoz que venceu a domicilio ante a Milagrosa para conseguir a súa terceira vitoria consecutiva. Jose, Sousa con dous goles e Martiño tiveron un maior protagonismo no cadro da Mariña, ante unha Mila que perdeu o seu primeiro encontro do curso.
O Friol B recuperou sensacións ao vencer con claridade no marcador a un Rioaveso que non acaba de arrincar nestas primeiras xornadas. Óscar Lodeiro e Telmo lideraron ao filial friolés para achegarse a promoción de ascenso. O empate da xornada foi no encontro entre o Lugo Unión e o Celeiro. O cadro viveirense adiantouse por dúas veces, pero o conxunto capitalino conseguiu igualar para facerse co seu primeiro punto do curso.
No grupo sur, o Paradela marcou un gol máis na xornada ca o Quiroga que o sitúa como líder. O conxunto adestrado por Rubén Bergantiños foi superior a un Relámpago Taboada que polo momento non estreou a súa puntuación. Cristian na mediapunta con gol incluído e Raúl no mediocentro lideraron a un equipo que segue invicto. Sen perder e cos mesmos puntos tamén se atopa o Quiroga que derrotou a domicilio ao Río Sil. A seriedade defensiva de Gachán, xunto co golazo de falta de Dani Gemelo foron do máis sobranceiro do enfrontamento.


A clasificación rómpense nestes momentos xa na terceira posición, aínda que Paradela e Quiroga son os únicos que xogaron cinco partidos. Sumou a segunda vitoria o Antas que derrotou ao Rubián a domicilio co seu potencial en xogadas de estratexia. Miguel, Cristian e Xurxo foron dos máis destacados no cadro dirixido por Melendo. O bo gol de Iago para os locais non serviu para conseguir puntos desta volta. Por último, o duelo de filiais rematou en táboas con tres goles para cada un nun final con goles. O Taboada B gañaba ao descanso 0-2, o Lemos B conseguiu igualar para no tempo extra volverse adiantar o conxunto visitante e nos últimos intres empatar de novo os locais. No Taboada B destacou Jony cun dobrete, Gabriel e Fabricio.