Á terceira foi a vencida. Cantouse o primeiro ascenso da tempada na Terceira Rexional. O Paradela subiu á Segunda sen xogar, despois da derrota do Castroverde en Sober. O Quiroga podería facelo esta finde. Afronta un duelo ante un Antas que quedou sen opcións de ascender pola vía rápida. No norte, o Muimenta desaproveitou a primeira oportunidade ao empatar ante o Celta Barreiros. O punto costoulle ademais a perda do liderado en beneficio do Alfoz. Os dous terán opción de dalo salto esta xornada.
No grupo sur, o Paradela subiu de categoría (logo de cinco anos en Terceira) na terceira oportunidade que tivo para facelo. Desta volta non xogaba. Por descanso tiña que agardar un fallo do Castroverde para confirmar o ascenso matematicamente. O cadro verde perdeu ante o Sober pola mínima. O gol de Martín Piñeiro decidiu o encontro. Os visitantes tiveron opción pero non batiron a portería rival. Terán que agardar dous erros do Quiroga e acertar eles nos dous partidos que quedan. Pola súa banda, o cadro soberino é sexto, pero aínda non ten asegurada a súa praza de promoción. O Quiroga depende de si mesmo para ascender este domingo. A pesar de empatar na pasada xornada ante o Taboada B nos Chacotes. O cadro quirogués adiantouse por medio dun penalti. O filial taboadense empatou e tivo opcións ante un rival que quedou con 10 xogadores. Seso, Noé e David Potente destacaron nos locais. Adri García voltou ser dos mellores no Quiroga, xunto con Gachán. O cadro taboadense ten opcións matemáticas de meterse en play off, pero complicadas porque só lle resta un partido por xogar.
Quen quedou sen opcións de ascenso directo foi o Antas. Agora será xuíz do ascenso ao xogar co Quiroga. O equipo adestrado por Melendo caeu no Castro Seoane ante un Río Sil que se afirma na súa praza de promoción. Os locais dominaron no primeiro tempo no que se adiantaron. A segunda foi dos visitantes que remontaron. Minguello e A. Rey destacaron no Antas. O porteiro Adrián sacou o perigo xerado nos últimos intres polos rivais. Opcións de entrar en promoción tamén ten o Relámpago Taboada. Enlazaron a segunda vitoria seguida. Derrotaron a un Rubián ao que se lle complica a clasificación para o play off. Suma catro xornadas sen gañar. O partido non foi vistoso. Os dous porteiros foron protagonistas. Diego foi chave no Relámpago ata a súa lesión. Marchou despois de levar un forte golpe, pero finalmente nada grave. Dámaso, Pablito e Iván tamén guiaron o triunfo do taboadense.
No norte, o Alfoz colocouse como líder. Venceu pola mínima no campo do Rioaveso. Partido con escasas ocasións. A defensa capitaneou ao cadro alfocense cun bo traballo de Valea, Jonathan e de Martiño no medio do campo. Unha vitoria no derbi ante o Celta Barreiros déixaos en Segunda. Tamén terá unha nova oportunidade de ascender o Muimenta. Desaproveitou a primeira ao empatar co Celta Barreiros. Álvaro volveu aparecer nos locais con gol. Acompañado de Roberto e Chin. Incluso fallaron un penalti. O equipo adestrado por Basi igualou nos intres finais. Iago e Julio, en defensa, e Miguel Morán no medio lideraron aos visitantes. O único que lle pode facer fronte aos dous de arriba é o Matela. Non quixo complicacións no seu partido co Friol B. Marcou nove goles. 6-0 ao descanso. Maikel destacou cun hat –trick e Adrián “Torito” e Vidal con cadanseu dobrete. Ten que gañar os dous partidos e agardar dous fallos dun dos dous de arriba.
A cuarta praza é ocupada agora pola Milagrosa. O equipo capitalino chegou aos 40 puntos. Superou ao Celeiro nun partido con 8 goles. A Mila púxose 1-5 ao seu favor, pero os locais sacaron o orgullo. Marcaron dous goles máis e apertaron ata o final. O Catro Roldas pasou a quinta praza e sen opcións de ascenso directo. Empatou ante o Lugo Unión. Non foi un bo partido do equipo de Román. Diego, Mario e Esteban cun gol foron os máis sobranceiros. A sexta praza volve ser ocupada polo Fonsagrada. O equipo regresou ao camiño da vitoria. Aínda que o Cazás non llo puxo fácil. O bo gol de Silbán decidiu o choque. O cadro fonsagradino e o Celta Barreiros pelexarán ata o final por unha praza de promoción.