O San Ciprián mantense no máis alto da zona norte da Segunda Rexional. Ademais queda como único equipo invicto do grupo. O Cabreiros entra por primeira vez na tempada en postos de ascenso directo. No grupo sur, mantense a igualdade na cabeza entre o Páramo, o Ferreira e o San Lázaro. Os cinco primeiros clasificados empataron nesta xornada. Entre eles o Paradela que segue invicto. 

No grupo norte, o Sanci venceu na súa casa ao Mondoñedo FC. A quinta vitoria do curso. O porteiro suplente Martín saíu como xogador de campo no último tramo do partido e marcou o gol da sentencia. O cadro mindoniense estivo no encontro, pero unha xornada máis continúa sen gañar. Aínda que non estreou a súa puntuación de tres, mantense fóra dos postos de descenso. A segunda posición é ocupada agora polo Cabreiros. O cadro preparado por Abel Rochela venceu a domicilio ao Goiriz. Terceira vitoria seguida. Empatado a puntos co equipo xermadino tamén está o Alfoz. A cuarta vitoria consecutiva chegou como visitante ante o Roupar. O gol de Dani Río resultou decisivo. O xogador que participou no All Star Futbolinlugo 2019 estreouse como goleador neste curso. O Xermade reencontrouse coa vitoria nun dos partidos da xornada ante o Guitiriz. Hugo adiantou aos seus de falta. O conxunto guitiricense igualou ao pouco. Pero o Xermade volveu poñerse por diante antes do descanso. Marcaría dous goles máis na segunda metade. Pedro Coria marcou un dobrete.

O Meira volveu gañar despois de catro xornadas sen facelo. Venceu ao Muimenta nun duelo de proximidade. Tamén regresou ao camiño da vitoria o Sporting Pontenova. Derrotou pola mínima na Mina á Candelaria. O Abadín conseguiu o segundo triunfo seguido. Superou ao Iberia cun gol. O tanto de Álex foi decisivo. O cadro de San Miguel de Reinante presentouse ao encontro sen porteiros. Seijo leva lesionado dende a pretemporada e Pelayo operouse dunha man a semana pasada. Balbón asumiu a responsabilidade baixo paus. No gol rival non puido facer nada. É o que tamén conseguiu o segundo triunfo da campaña foi o Cospeito. Ademais ante un rival da parte alta que aínda non perdera. O Celta Barreiros non se atopou na Fonte. Aínda que foi quen de marcar tres goles. Os locais cortaron unha xeira de tres derrotas seguidas. O Goiriz e o Roupar seguen ocupando postos de descenso.

No grupo sur manda a igualdade. Tanto na parte alta da clasificación como nos resultados da xornada. Catro dos oito partidos acabaron en empate. O líder continúa sendo o Páramo por maior diferenza de goles. O conxunto adestrado por Brais Vázquez igualou no Derbi do Loio co Paradela. Un partido no que houbo seis goles. O Paradela mantense fiel a estatística de gañar un partido, empatar outro e así sucesivamente. Desaproveitou a opción de colocarse primeiro o Ferreira. O conxunto de Pantón tamén empatou. Foi nos Chacotes ante o Palas. O gol do local Ángel é dos que se recordan. Execución maxistral dunha falta directa. Os perseguidores do ascenso directo igualaron a un gol no Carboeiro. O San Lázaro deu a talla ante o Incio no primeiro tempo. No segundo período as forzas estiveron máis equilibradas. Vila empatou o encontro cun bo gol. Pero os pupilos de Diego Rey puideron levarse a vitoria nos intres finais. O pau evitouno.

Para atopar un equipo que gañara a pasada fin de semana hai que ir ata o oitavo posto. O Santa Comba derrotou pola mínima ao Corgo. Terceiro triunfo do que vai de liga. Pola contra o Corgo baixou ata postos de descenso. Tamén por un gol gañou o Chantada B ao Quiroga. O gardamallas Adri García evitou que a diferenza fose maior. O Río Sil foi quen de derrotar ao Portomarín. Ante a falta de acerto da zona de ataque, foi o central Anllo quen marcou o gol que significou que os tres puntos quedasen na Carqueixa. Empatados a puntos na táboa clasificatoria continúan o Becerreá e o Oural. Xa estaban e no seu duelo igualaron a un gol. Catro puntos de marxe sobre o descenso. Da zona perigosa saíu o Brollón. Derrotou a domicilio ao Bóveda con hat-trick de Davicín incluído.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*