O Trío de Ases desta xornada déixanos dúas derrotas na Terceira División. O Polvorín perdeu no Barco e o Racing Vilalbés en Redondela ante o Choco. Na Preferente o Viveiro deu un paso de xigante cara o ascenso ao gañar en Noia. A Sarriana goleou a un irrecoñecible Fisterra, o Lemos gañou no derbi provincial ao Ribadeo e a Residencia veceu na Cheda ao Dubra. O Foz non foi quen de sumar diante do Puebla.

Derrota pola mínima do Polvorín ante o potente Barco (1-0). Encontro igualado no cal o cadro local cedeu o balón e intentou saír á contra. O Polvorín defendeu ben e non concedeu ningunha ocasión na primeira metade. O conxunto albivermello a piques estivo de marcar nunha clara ocasión de Rayco que errou logo de driblar ao porteiro e noutra de Chiqui. Na segunda metade no único desaxuste defensivo do Polvorín chegou o tanto do Barco, obra de David Álvarez. José Durán moveu o banquiño e Cristian, Morais e Quindimil gozaron de claras ocasións, pero o balón non quixo entrar.

O Racing Vilalbés no puido sacar nada positivo da súa visita ao campo do Choco (3-1). Impúxose a gran pegada dos redondeláns nun encontro que resultou igualado e no que o Racing tivo ocasións para sacar algo positivo. Comezou mellor o conxunto chairego e antes dos vinte minutos Make, nunha gran xogada invidual, adiantou aos de Simón Lamas. Co gol en contra, o Choco reaccionou e non tardou en chegar o empate. Félix rematou de xeito inapelable un centro lateral. Edu Otero puido facer o segundo para os locales, pero Javi Rumbo, que volvía á titularidade na portería, respondeu ben. Na segunda metade, os chairegos comezaron mellor e Cuadrado, logo dunha boa xogada de Moreda a piques estivo de facelo segundo. Pero foi de novo Félix, en estado de gracia quen logrou darlle a volta ao marcador. Preto do final, Mario cun tanto de falta sentenciou o encontro.

O Viveiro achégase ao obxectivo logo de vencer en Noia (1-2). O cadro mariñán afrontaba un encontro clave e superou o exame con nota. O primeiro tanto chegou rápido. Nunha sucesión de córners, Xaime colocou un balón preciso que Uriol rematou desde o centro da área. O Noia colleu o mando do partido, pero non inquedou a portería de Manu Cedrón. Os de Chusky saíron á contra con perigo e Gerardo e Marino gozaron de ocasións claras. O de Meira estrelou un balón no longueiro. Nada máis comezar a segunda metade, Tichu ampliou as diferencias logo dunha boa xogada de Gerardo. O Noia logrou darlle emoción ao partido cun tanto de Nolo, pero non foi quen de poñer en perigo os tres puntos. Gerardo foi expulsado preto do final.

Goleada de escándalo da Sarriana ao Fisterra nun gran encontro (8-1). Na Ribela viuse un gran espectáculo de fútbol e goles. Apareceu a mellor versión da Sarriana e os de xogaderes de Xoan Peón realizaron un encontro moi completo en tódalas liñas. Adiantouse o fisterra cun tanto de Makaay, pero Omar aproveitou un erro do porteiro para empatar. Nada máis poñer o balón en movemento chegou o segundo, obra de Jacobo. Foi un monólogo local a primeira metade e o propio Jacobo e Álvaro anotaron dous tantos máis. Na segunda metade a reacción do Fisterra durou o que a Sarriana lle levou voltar a poñerse as pilas e deseguido chegaron os tantos. Álvaro completou un hat-trick e marcaron tamén Buíde e Keko, este de penalti.

O Lemos gañou o derbi provincial ante un Ribadeo nun mal momento de resultados (2-0). O cadro monfotino segue a dar pasos cara a permanencia e logrou un triunfo ante un Ribadeo que precisa rachar a súa mala xeira para non verse en apuros. Abriu o marcador Adrián Díaz, que rematou dentro da área logo dunha boa xogada combinativa. Os de Rafa Casanova tiveron a opción de empatar, pero Ramón detivo o lanzamento de penalti de Diego Hermida. Os mariñáns lograron empatar cun tanto de Marín, pero o colexiado anulouno por fóra de xogo. Na segunda metade, nunha boa transición do Lemos chegou o segundo tanto, obra de Armesto.

A Residencia logrou un triunfo importante diante dun rival directo, o Dubra (2-0). Triunfo dos chamados decisivos dos de Álvaro Meilán, ante un rival directo ao que deixan cinco puntos abaixo na clasificación. Veloso adiantou aos lucenses logo dunha boa xogada por banda de Sito. A boa defensa da Residencia non permitiu grandes ocasións visitantes, malia que a expulsión de Javi Raposo púxolle máis emoción ao encontro. Preto do final, un erro defensivo do Dubra propiciou a sentencia. Dani López aproveitou un balón solto para que os tres puntos quedaran na Cheda.

O Foz adiantouse pero rematou perdendo diante do Puebla (1-3). Parecía que as cousas cambiaban no Martínez Otero cando no minuto 6 Asier enganchaba un zapatazo que poñía por diante aos de Javi Chinchón. Pero o Puebla chegaba en racha e empatou antes da media hora cun tanto de Lugo. Poucos minutos despois, os de Anxo Casalderrey déronlle a volta ao marcador logo dunha boa xogada de Pap. Na segunda metade o Foz tentouno, sobre todo con balóns colgados á área que non inquedaron a porta rival. Pap, nunha contra sentenciou.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*